Xoves 28 Marzo 2024

O tsunami de Lisboa de 1755: así se viviu en Galicia a ‘ira de Deus’

1 de novembro de 1755, Día de Todos os Santos, 9.30 da mañá. Un sismo de arredor de 8,5 graos que durou varios minutos ía cambiar para sempre a historia de Portugal. Lisboa foi a cidade máis afectada polo terremoto e o posterior tsunami que arrasou a zona baixa da cidade. Onde non chegou a auga, chegou o lume: un incendio propagado, segundo algunhas testemuñas, polos centos de candeas prendidas para celebrar a festividade católica magnificaron a catástrofe.

Milleiros de persoas morreron tamén noutras zonas litorais do oeste da península Ibérica, en cidades como Faro, Lagos, Cádiz, Ayamonte ou Lepe, e tamén en Marrocos, debido á serie de ondas xigantes propagadas polo sismo, que tivo o seu epicentro ao sudoeste do cabo San Vicente, na zona de confluencia entre as placas africana e euroasiática. As crónicas dan conta de que os cidadáns recibiron a traxedia como a ‘ira de Deus’, xa que crían que a divinidade castigara aos humanos polos seus pecados, precisamente no día no que se rende homenaxe aos mortos.

Publicidade

En Galicia, o gran terremoto tamén deixou pegada. No tocante a perdas humanas, os datos apuntan que faleceron entre 2 e 6 persoas. A natureza tamén deu sinais que abraiaron aos habitantes do entón Reino de Galicia: en vilas como Oia, Baiona, Redondela, Vigo, A Coruña ou Viveiro, o mar avanzou e retrocedeu de forma anormal durante horas; incluso o Miño se comportou de xeito estraño. Tamén houbo importantes danos materiais, con monumentos seriamente afectados, sobre todo nas provincias de Pontevedra (naquel momento dividida entre Tui e Santiago) e Ourense.

É posible acceder aos feitos daqueles días grazas a que Fernando VI, a través do Consello de Castela, enviou ás cidades e vilas de toda España un cuestionario para que deran conta de como se sentira o sismo en cada recuncho, do mesmo xeito que fixo o Marqués de Pombal en Portugal, sentando as bases do estudo científico da sismoloxía.

Un pequeno tsunami nas costas galegas

Igual que se chegaría a notar a explosión do Krakatoa, 108 anos despois, o terremoto de 1755 tamén xerou nos portos galegos, á vista dos seus habitantes, unhas mareas vivas extraordinarias, tal e como quedou relatado en varias vilas.

Pola lóxica da proximidade, a maioría das noticias sobre os feitos concéntranse no sur de Galicia. No artigo Efectos do terremoto de Lisboa na antiga provincia de Tui (Galicia), realizado por investigadores da Universidade de Vigo e a Politécnica de Madrid, dan conta do pequeno tsunami que afectou á zona. En Oia, un dos lugares máis expostos, deberon ver moi de preto o medo no mosteiro.

“Viuse vir unha montaña de auga do mar con tanta présa e ruído que parecía querer sorber o mosteiro. Chegou á súa muralla, e retrocedeu coa mesma forza. Veu unha segunda vez, chegou ao mesmo sitio, e volveuse retirar co mesmo ímpeto. Proseguiu outra vez (…) ata as dúas da mañá seguinte”. Os veciños e os monxes, vendo aquela anomalía, acordaron que ficaran “persoas en vela aquela noite para avisar en caso de houbese novidade maior nas augas”.

Desde Baiona sinalaban que unha embarcación situada preto da ponte da Ramallosa “elevouse fóra das augas e ao caer dividiuse en dous anacos”, e que un navío “de guerras pasadas varado nesta ría, que era imposible poder mover do sitio aínda que fose con todos os bois que hai nesta Real Xurisdicción, levantouno o citado tremor, e botouno do sitio onde estaba, máis de 40 ou 50 pasos, dividíndoo en diferentes anacos”.

Simulación do tsunami xerado polo sismo. Fonte: noaa.gov.
Simulación do tsunami xerado polo sismo. Fonte: noaa.gov.

En Redondela “houbo un movemento extranatural da mar de ter crecido e minguado con moita furia, facendo cabeza de auga, cando non lle tocaba, tres veces”; en Vigo “a mar sobresaíu dos seus límites habituais máis de dúas brazas (3,3 metros) crecendo e minguando por espazo de seis para sete veces. A preamar subiu con moito impulso (…); baixaba e volvía subir fóra da súa orde natural”.

En Corcubión, o enxeñeiro Carlos Lemaur, que anos despois sería o arquitecto do Pazo de Raxoi de Compostela, e que naquel momento traballaba nas obras do peirao desta vila, contaba:

“Ás once e media (…) viuse o mar baixar de súpeto do termo máis alto, no que se atopaba, ao máis baixo, no que se deteñen as augas mortas, e subir logo por riba das augas vivas dos equinoccios; despois disto, baixar con violencia ao termo das augas mortas, e subir en menos de dous minutos moitos pés sobre varios terreos aos que xamais chega, e que están tres ou catro pés máis altos que as augas vivas dos equinoccios (…). A mar baixou novamente ao termo máis baixo (…) e subiu ao instante dous pés máis alta que ningunha das veces antecedentes. Esta gran oscilación repetiuse dúas veces en menos de cinco minutos, despois do cal só se observaron outras máis pequenas”.

“As campás tocaron de seu” e o Miño moveuse

Os danos no patrimonio e nas edificacións particulares foron cuantiosos. Derrubáronse, totalmente ou en parte, numerosas vivendas, campanarios, ermidas, capelas, igrexas e fortalezas. As réplicas que se sucederon durante semanas danaron aínda máis as construcións debilitadas polo gran temor do 1 de novembro.

O historiador e profesor da USC Domingo González Lopo documentou nun artigo aqueles efectos, no marco dunha publicación que conmemorou en 2005 os 250 anos do desastre. “Hai datos de que outro sismo, que non foi tan forte, en 1761, foi sentido en maior medida en Galicia, ou polo menos hai máis documentación sobre el; aínda que probablemente se deba, en parte, a unha maior atención despois do gran sismo de Lisboa”, explica.

Fontes documentais que rexistran o sismo de 1755. Fonte: Begoña Ces Fernández.
Fontes documentais que rexistran o sismo de 1755. Fonte: Begoña Ces Fernández.

Houbo desperfectos incluso en edificios sobranceiros como as catedrais de Tui e Lugo e o xa citado mosteiro de Oia. Unha das anécdotas máis destacadas foi que as campás cobraron vida propia; “tocaron de seu” debido á oscilación causada polo sismo, dicían as fontes de varias vilas e aldeas galegas.

Ata o río Miño reaccionou ao tremor. Nas termas de Lugo, segundo contan “saía a auga arriba como fervor de ola, rompeu máis arriba, como de 5 a 6 cuartas, e algúns naturalistas aseguran que trae máis calor ca antes”. E en Melias e Rivela, preto de Ourense, o Miño “separouse polo medio, quedando case seco, e botando a auga ás beiras, saíndo fóra máis de oito varas castelás (algo menos de sete metros)”, un fenómeno que tamén se rexistrou en Quintela de Leirado e Arnoia, e que González Lopo atribúe, como se ten rexistrado noutros feitos semellantes, ao movemento das placas tectónicas provocado polo sismo.

Vítimas mortais

A igrexa de Santiago de Amiudal, en Avión (Ourense) rexistrou a única morte ‘violenta’ do terremoto en Galicia, aínda que non foi directamente polos danos do sismo. Ao parecer, debido ao medo que causou o tremor, unha muller precipitouse desde a tribuna do templo e foi posteriormente atropelada pola multitude que fuxía en estampida da igrexa. Tamén se parece confirmar a morte dunha muller na Coruña e unha anciá en Oia debido a un infarto causado polo pánico. Menciónanse tamén tres bebés que faleceron durante o parto en Oia, Pontevedra e Santiago. Non en tanto, segundo sinala a investigadora Begoña Ces na súa tese Os efectos do sismo de Lisboa de 1755 sobre o patrimonio monumental de Galicia e corrobora o profesor González, as mortes destes cativos “poderían estar asociadas a outras deficiencias hixiénico-sanitarias da época”.

Moitos dos que viviron o sismo crían presenciar a fin do mundo

Hai tamén testemuños de estampidas e psicose en Santiago e Pontevedra. En Corcubión, Carlos Lemaur relatou con detalle a reacción dos paisanos. “Crendo que o que sucedía non podía ser outra cousa que a Fin do Mundo, laiábanse e pedían a Deus perdón, como se naquel mesmo instante fosen morrer (…) saíndo o pobo da igrexa, espantouse terriblemente (…) e empezou a chorar e lamentarse, e o cura exhortábaos, que tiña tanto e aínda maior medo ca eles. Persuadidos de que súa hora era chegada, e que ían morrer, collía cada un un santo do altar, e iba correndo con el nos brazos, e chegaba outro e quitáballo pola forza”.

Houbo pánico tamén en Ponteareas, onde, como todos os sábados, había mercado. “Sendo o concurso de xente que concorría ao mercado de máis de tres mil persoas, puxéronse todos de xeonllos, pedindo a Deus perdón cada un das súas culpas, e valéndose a berros para declamar que a Maxestade Divina detivese o rigor da súa Xustiza”.

O nacemento da sismoloxía

O terremoto de Lisboa cambiou a historia de Portugal. A traxedia tivo importantes implicacións políticas, económicas, filosóficas e tamén científicas para o país luso e o resto de Europa – Voltaire referiuse aos feitos varias veces-. Sebastião José de Carvalho e Melo, hoxe coñecido como Marqués de Pombal, mandou facer unha longa investigación a partir dunha enquisa que se remitiu a todos os recunchos de Portugal para estudar as causas e consecuencias do sismo.

Retrato do marqués do Pombal.
Retrato do marqués do Pombal.

Grazas a esta documentación, e á que se recolleu tamén en Galicia e España, segundo lembra o profesor Lopo, hoxe podemos coñecer polo miúdo como se viviu a traxedia.

Naquel movemento, a dinámica de placas e a orixe dos terremotos eran un absoluto misterio ata para os máis ilustrados. Alén das habituais explicacións relixiosas e metafísicas, había quen cría que os sismos eran causados por fortísimos ventos subterráneos que circulaban polas entrañas da Terra, entre outras teorías.

Outra das consecuencias do sismo foi a reconstrución dunha paisaxe urbana da que aínda podemos gozar hoxe en día. Coa axuda de arquitectos e enxeñeiros e o esforzo dos lisboetas, o Marqués de Pombal dirixiu a reconstrucción do que hoxe é a Baixa de Lisboa, un fermoso exemplo da arquitectura racionalista, con amplas avenidas en forma de cuadrícula. Aquí están os primeiros edificios deseñados para poder resistir os sismos, a través da estrutura coñecida como gaiola pombalina, que soporta mellor as forzas de tracción e compresión xeradas durante os tremores de terra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.