Ata agora críase que a Torre de Hércules fora erixida a finais do século I d. C. ou comezos do II. Fonte: Daniel Csörföly / CC BY-SA 3.0.
Ata agora críase que a Torre de Hércules fora erixida a finais do século I d. C. ou comezos do II. Fonte: Daniel Csörföly / CC BY-SA 3.0.

A Torre de Hércules é máis antiga do que se cría ata agora, di un estudo

Unha investigación do catedrático Antonio Rodríguez Colmenero sostén que o faro romano foi construído na época de Augusto, no século I a. C.

A construción da Torre de Hércules data do século I antes de Cristo, segundo recolle o historiador Antonio Rodríguez Colmenero na monografía O faro romano de Brigantium Flavium, Torre de Hércules da Coruña, un volume editado polo Centro de Estudos da Cidade da USC, dirixido pola catedrática e profesora na Facultade de Humanidades da USC Ana Goy Diz, en colaboración coa Autoridade Portuaria da Coruña (titular da propiedade do faro), no que o autor recolle cinco anos de pescudas sobre este monumento. Esta nova achega apunta, por tanto, que o faro romano se erixiu no mandato de Augusto, e non de Traxano, como se cría ata agora.

O catedrático xubilado de Historia Antiga da USC comezou esta liña de traballo hai xa preto dunha década, cando en 2011 botou a andar co impulso da Xunta de Galicia a Rede de Patrimonio Marítimo do Golfo Ártabro. Unha vez cumpridos os obxectivos cos que naceu esta rede, Rodríguez Colmenero centrou as pescudas neste singular faro romano para agora compilar as conclusións deste estudo nunha monografía de máis de 300 páxinas a toda cor que sae á luz xusto cando se cumpre o décimo aniversario do ingreso da Torre de Hércules no patrimonio mundial.

Colmenero, Losada e Goy, na presentación do libro 'O faro romano de Brigantium Flavium, Torre de Hércules da Coruña'. Foto La Opinión da Coruña.
Colmenero, Losada e Goy, na presentación do libro ‘O faro romano de Brigantium Flavium, Torre de Hércules da Coruña’. Foto La Opinión da Coruña.

As principais achegas desta obra afectan tanto á nova datación do comezo da construción deste faro, que Rodríguez Colmenero sitúa uns anos antes de Cristo, xa durante o mandato do emperador Augusto, como á finalidade e usos do mesmo, dado que alén das funcións marítimas, o faro tamén cumpría obxectivos defensivos e militares, e mesmo respecto do sistema de iluminación, que facía emprego de espellos que reflexaban dos lumes alimentados con aceite.

O investigador estima que o faro coruñés é máis antigo do que até agora se pensaba e fixa os comezos da súa edificación entre os anos 13 e 5 antes de Cristo. Rodríguez Colmenero considera asemade que a Torre de Hércules forma parte dunha serie que se estendía polo Cantábrico ao longo dunha ruta que chegaba até Germania e que se levantou en homenaxe ao emperador Augusto e xusto nunha época de clima bélico.

A monografía tamén interpreta a mención feita polo xeógrafo grego Ptolomeo á costa galega na que menciona “tres claros” refírese ao faro coruñés porque o prisma con espellos existente na súa lanterna facía que de lonxe se visen tres luces. O achado dunha inscrición alusiva á legio Gémina X nas paredes do faro coruñés, un fito que constata os seu cometido militar, é outra das apartacións desta obra, na que Rodríguez Colmenero tamén explica a dirección desta obra recaerá nun arquitecto luso, como é o caso de Cayo Sevio Lupo, débese a que Brigantium Flavium pertencía entón á provincia de Lusitania, que anos máis tarde pasou á Citerior.

O sistema de iluminación da Torre de Hércules ofrecía información aos barcos, pero tamén servía para comunicarse de xeito máis rápido co interior. De feito, Colmenero relata neste libro que as sinais de luz do faro eran perfectamente visibles desde o asentamento romano de Sobrado dos Monxes, un enclave moito máis preto de Lucus Augusti, a principal capital romana do interior na época.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.