Tomás Mariño, precursor da navegación aérea dende Viveiro

Perito e profesor, publicou un tratado técnico con solucións para os dirixibles que se adiantaría á era dos Zeppelin

Tomás Mariño e o deseño do seu trebello voador.

Dúas décadas antes do primeiro voo dun Zeppelin, Tomás Mariño, un perito agrimensor e mestre de escola de Xove (Lugo), publicaba un tratado técnico revolucionario sobre a navegación aérea. Nel introducía algúns novos inventos, como o uso das hélices tanto para o desprazamento horizontal como o vertical, así como conceptos para garantir a estabilidade, a velocidade e a dirección dos aeróstatos. Pola súa idade avanzada, Mariño non puido levar á práctica as súas teorías, pero o seu manuscrito rematou publicado nun xornal e depositado actualmente no Arquivo do Reino de Galicia.

Fillo de Manuel Mariño e de Venancia Pardo Fernández, Tomás Mariño naceu en Xove (Lugo) en 1798 e exerceu en Viveiro como profesor e  agrimensor. A súa paixón pola aeronáutica non a puido exercitar ata o seu retiro profesional, polo que non rematou o seu ‘Proyecto acerca de la navegación aérea’ ata o ano 1879, un ano antes de falecer. Así que as súas creacións quedaron esquecidas ata que, en 1920, foi rescatado para ser publicado, en forma de  folletín, catro décadas máis tarde, no periódico ‘Heraldo de Vivero’. Realizouse tamén unha edición en libro, prologada polo tenente coronel Manuel Insua Santos, que se consideraba o descubridor deste científico ata daquela descoñecido.

Algúns dos primeiros deseños de dirixibles no século XIX.

A obra está escrita en forma de diálogo entre dous personaxes: un é o propio Tomás e outro Sílio, quen vai expondo cuestións para que o texto avance. Entre as súas achegas, están conceptos teóricos para conseguir que un dirixible avance mesmo en contra da dirección do vento. Todo iso, nun momento no que esta tecnoloxía aínda era moi precaria, xa que apenas en 1852 voara o primeiro dirixible a motor, o construído polo francés Henri  Giffard,  propulsado por unha máquina de vapor. Mentres que o primeiro Zeppelin alemán tardaría aínda dúas décadas en despegar, no ano 1900.

O “Proyecto acerca de la navegación aérea” consta dunha primeira parte na que se detallan os aspectos técnicos e teóricos e unha segunda en que se describe con detalle a aeronave a construír. Achega sinxelas e enxeñosas ideas coas que afronta as cuestións fundamentais da aviación moderna: estabilidade, velocidade e dirección. Non só analiza hélices, motores e ás ríxidas, senón que, ademais, propón indicacións e solucións aos problemas aeronáuticos, ofrecendo algúns deseños de aparellos que se parecen aos de avións moi posteriores. Todo isto converte a este ancián profesor lucense retirado nun precursor da aviación moderna.

O modelo realizado por Tomás Mariño.

Cando, no ano 1920, o ‘Heraldo de Vivero’ rescata a obra e publica o traballo por entregas, a prensa do momento louva a intelixencia e creatividade de Tomás Mariño, que ten resolto “o dificultoso problema de dar dirección aos globos, debido a que gran parte das indicacións que no folleto se apuntan para solucionalo, responden, con case completa exactitude, aos medios que actualmente se poñen en práctica”. Manuel Insua Santos, o seu descubridor, publicou máis tarde un artigo sobre o personaxe e a súa obra no xornal santiagués ‘La Noche’ correspondente ao día 15 de xullo de 1946.

O manuscrito do ‘Proyecto acerca de la navegación aérea’ consta de dezaoito páxinas, unha portada e o debuxo do aparello voador, todo iso dispoñible actualmente no Arquivo  do Reino de Galicia e en copia dixital no repositorio documental Galiciana.

O  concello de Xove dedicoulle a Tomás Mariño unha rúa, onde en 1921 colocaron unha placa conmemorativa. A dicir de José de Cora, aquela homenaxe converteuse nun acto moi emotivo, no que o alcalde da localidade, Jesús Rúa Rodríguez manifestou: “a Xove cabe a sorte de ser o berce do precursor do dominio do espazo. A don Tomás Mariño, o seu ilustre fillo, é a quen se debe este marabilloso invento que pasou inadvertido como outros tan só por darlle a luz un home humilde”.

Retrato de Tomás Mariño.

O recoñecemento chegáballe a Tomás Mariño catro décadas despois da súa morte. Tampouco en vida podería levar a cabo os seus proxectos, pois escribiu a súa obra cando contaba xa 81 anos e carecía de elementos materiais para levala á práctica. Ademais, el mesmo recoñecería en todo momento a súa falta de capacidade para iso, porque escribe que a súa construción debería ser “o traballo dun intelixente maquinista”.

Como curiosidade, aínda tería Tomás Mariño homenaxes recentes na súa vila natal, como no ano 1987, cando o colexio público de Xove reeditou a súa manuscrito. Pero este teórico galego non puido nin imaxinar que a súa obra perduraría máis dun século despois de escribila. E de soñar cunha navegación aérea que soubo albiscar pero que non sería unha realidade ata moitas décadas máis tarde sobre os ceos de Galicia.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.