Sábado 20 Abril 2024

Todos os megalitos de Europa poderían ter unha orixe común

A investigación publicada en PNAS sinala a Bretaña como o lugar de orixe común do megalitismo en toda Europa

Os nosos antergos tamén quixeron deixar a súa pegada para a posteridade. E fixérono a través de grandes pedras coas que construíron monumentos. Agora, unha nova investigación suxire que eses megalitos que aparecen diseminados pola antiga Europa non foron concibidos de forma independente, senón que foron influenciados polo traballo dunha única comunidade de cazadores-recolectores que vivía na rexión agora coñecida como Bretaña no noroeste de Francia.

O estudo tamén suxire que a tecnoloxía para navegar longas distancias se desenvolveu máis rápido do que se pensaba anteriormente, sendo esta a forma principal en que a cultura de erguer estes monumentos de pedra se abriu camiño en todo o continente.

Publicidade

“Os primeiros megalitos orixináronse no noroeste de Francia e estendéronse ao longo das rutas marítimas das costas mediterránea e atlántica en tres fases principais sucesivas”, conclúe a autora do estudo , Bettina Schulz Paulsson, da Universidade de Gotemburgo en Suecia.

As pedras de Callanish, nas illas Hébridas (Escocia).

A idea dun punto de orixe é unha hipótese antiga sobre como estes megalitos se diseminaron por Europa; outra idea máis recente di que houbo múltiples lugares onde o megalitismo xurdiu de xeito case simultáneo e espontáneo. Para resolver a cuestión dunha maneira ou outra, Schulz Paulsson mergullouse en datos e fixo unha datación por radiocarbono de 2.410 sitios prehistóricos en Europa, non só megalitos senón tamén tumbas premegalíticas que cremos que os precederon.

Ademais de datar os restos humanos enterrados nestes sitios, as datas reducíronse aínda máis ao estudar a arquitectura, as ferramentas utilizadas e a evidencia dos costumes de enterramento atopadas en cada un dos sitios.

Utilizando algúns cálculos estatísticos masivos para obter unha liña de tempo máis precisa, o nacemento do movemento megalítico fixouse no noroeste de Francia a partires do 4.500 aC, durante un período de arredor de 200-300 anos.

A investigación tamén implica que esta cultura xa tiña un bo sistema de navegación marítima

Dende alí, a tendencia da construción con pedras estendeuse bastante rapidamente, suxire a análise, ao longo das rutas costeiras cara ao sur de Francia, o Reino Unido, o Mediterráneo, España e Portugal, chegando a Escandinavia e outras partes de Europa.

Ademais, as datas fixadas polo novo estudo parecen amosar que as persoas se movían máis rápido e en barcos mellor equipados do que se pensaba. “Os movementos da cultura megalítica debían ser poderosos para espallarse  con tanta rapidez nas diferentes fases, o que indica que as súas habilidades marítimas eran máis avanzadas do que supoñíamos”, di Schulz Paulsson.

A investigadora sostén que estas comunidades primitivas tiñan barcos capaces de levar grupos de persoas a través de distancias significativas. E que estas rutas comezaron uns 2.000 anos antes do que pensabamos.

Aínda que é posible que non teñamos a imaxe completa das datas megalíticas en toda Europa, investigadores como o arqueólogo Chris Scarre da Universidade de Durham no Reino Unido afirman que este estudo é moi sólido. “Non podemos certificalo ao cento por cento, e sempre haberá outra investigación por facer neste eido, pero a nova hipótese semella ser un escenario moi plausible”, dixo Scarre nunha entrevista en The Smithsonian: “Este estudo coincide coa idea máis aceptada de que existen vínculos entre estas diferentes rexións con monumentos megalíticos. O desafío é comprender como funcionaron eses vínculos”.

Os achados foron publicados na revista PNAS que podes consultar nesta ligazón

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da Academia

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204