Venres 29 Marzo 2024

“Terra e Memoria” reúne na web a historia cidadá da Galicia do século XX

Máis de 2.000 entrevistas dixitalizadas realizadas entre 1987 e 2017 a outras tantas vítimas das persecucións de 1936 e da ditadura, a emigrantes, labregas, segadores, obreiros, operarias da conserva e xente do común que viviu no século XX; un fondo universitario de Historia oral único en España que hoxe se presentou na USC e que está dispoñible para a súa consulta na web Terra e Memoria.

As particularidades do proxecto presentáronas en rolda de prensa o vicerreitor de Profesorado da USC, Ernesto González Seoane, e os responsables dos grupos de investigación impulsores, o catedrático Lourenzo Fernández Prieto (Grupo Histagra), o profesor Emilio F. Grandio Seoane (Hispona) e a profesora Pilar Cagiao Vila (Histamérica).

Publicidade

Presentación do proxecto "Terra e Memoria" na USC.
Presentación do proxecto “Terra e Memoria” na USC.

O proxecto recolle entrevistas sobre a Historia do século XX sistematizando os testemuños orais arredor de tres centros de interese: historia social da vida cotiá e do mundo rural; migracións a América e Europa: orixes, viaxes, traballos, retornos, e sobre vítimas das persecucións do golpe, a guerra e a represión franquista.

Historga, os inicios 

A web organízase a partir dos fondos da Unidade de Patrimonio Documental e Oral Contemporáneo (UPDOC) creada en 2004 no antigo Departamento de Historia Contemporánea e de América, que recompila unha actividade continuada de construción de fondos orais que inicia na USC a finais dos anos 80 a profesora Isaura Varela, “centrada nese empeño de recoller as voces de quen non tiñan voz”, matizou Pilar Cagiao. O proxecto, chamado HISTORGA de fontes orais (Historia Oral de Galicia), nace oficialmente en 1987 e converteuse nun programa de investigación moi ambicioso e pioneiro, posto en marcha nun momento no que a historia oral aínda tiña un escaso desenvolvemento e recoñecemento.

O arquivo está dispoñible para o seu acceso ao personal investigador autorizado

Historga recolle testemuñas sobre aspectos centrais da historia recente de Galicia, como son as máis de 350 gravacións en torno á Guerra Civil e o exilio, así como a conflitividade política e social rexistrada no Franquismo e na Transición, ou as referentes á vida cotiá, alimentación, educación, mundo rural ou historia da muller. Contén testemuños de persoas nacidas ó longo de todo o século XX e aínda no século XIX, como é o caso dunha entrevista realizada a un vigués nado en 1888.

O proxecto formou a máis de trinta promocións de estudantes no manexo da historia oral e tivo continuidade nos traballos dos tres grupos de investigación que hoxe presentan a web ao longo destas tres décadas, como o Programa HistAmérica dende 2000, que reúne un fondo de máis de 1.600 entrevistas, e o impulso singular do proxecto Nomes e Voces (2006-2010), cun fondo de arredor de 500 testemuñas orais.

Así, a base de datos de Terra e Memoria integra rexistros residentes (dados de alta na propia base de datos) e outros importados desde dúas bases de datos que funcionan tamén de forma independente: nomesevoces.net e máis o fondo oral de HistAmérica.

Nomes e Voces

Este fondo é resultado dos traballos do proxecto de investigación ‘Nomes e Voces’ que naceu ao abeiro das programacións que realizou a Xunta de Galicia con motivo do Ano da Memoria 2006 coa intención de estudar as vítimas da represión durante a Guerra Civil e a ditadura, e ofrecer á sociedade os datos relativos ás persoas que sufriron persecución por mor da súa posición favorable á democracia republicana.

O traballo vira ao redor da pescuda dos nomes, das voces e dos lugares da represión, para o que se indagou en 2.000 procesos sumariais, nos 315 rexistros civís e fixéronse 482 entrevistas para recoller os testemuños dos que pasaron polo cárcere ou estiveron agochados, así como as lembranzas dos seus descendentes.

Historga Migracións

Un dos temas da nosa historia recente no que se fai máis patente a idoneidade do traballo coas fontes orais é o das migracións. As entrevistas de vida permiten un achegamento á vida cotiá, á formación de redes parentais e á súa influencia na dirección dos fluxos migratorios, ós procesos de transformación cultural e de mentalidades, á visión de América dos colectivos implicados e ao tema do retorno.

Mais de 1.000 entrevistas, que inclúen as gravacións realizadas para teses de doutoramento e diversos traballos de investigación cobren os principais destinos dos galegos en América como Uruguai, Arxentina, Cuba, Brasil ou Venezuela, mais tamén outros minoritarios como a República Dominicana, Porto Rico, Perú ou Panamá. Mais o fondo recolle tamén as migracións dentro do Estado e as migracións cara a Europa de mediados do século pasado así como unha serie de entrevistas realizada nos últimos anos sobre as recentes correntes migratorias que teñen o noso país como destino.

‘Terra e Memoria’, un proxecto aberto a novas achegas particulares ou institucionais, está dispoñible para o seu acceso a persoal investigador autorizado. Os grupos promotores apelan ademais á colaboración e apoio económico de institucións que, como a Fundación Juana de Vega e a Deputación da Coruña, continúen contribuíndo á protección do fondo e a conservación do patrimonio.

Podes acceder á base de datos de “Terra e Memoria” nesta ligazón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.