A temperatura global podería estar sobreestimada no 70% dos intervalos do Fanerozoico

Un estudo da UVigo constata que a mostraxe espacial desigual distorsiona as reconstrucións da temperatura da auga do mar nesta era

Un estudo constata que a mostraxe espacial desigual distorsiona as reconstrucións da temperatura da auga do mar no Fanerozoico
Un estudo constata que a mostraxe espacial desigual distorsiona as reconstrucións da temperatura da auga do mar no Fanerozoico

Aínda que o cambio climático provoque un quecemento do planeta sen precedentes provocado polos seres humanos, non é a primeira vez que a Terra sofre procesos tanto de quentamento como de arrefriamento global. Un artigo publicado polo investigador da UVigo Lewis A. Jones e Kilian Eichenseer, da universidade Erlangen-Nürnberg, documenta unha ampla gama deste tipo de sucesos e o seu efecto nos ecosistemas, proporcionando un contexto crítico para comprender o cambio climático pasado, actual e futuro.

Na publicación explican que o clima da Terra non se pode medir directamente polo pasado xeolóxico, polo que os investigadores baséanse en substitutos da temperatura para reconstruír climas pasados. O máis común é recorrer ás medicións da proporción de isótopos estables 18O e 16O (d18O), “medidas que se toman, polo xeral, das cunchas de organismos fósiles compostos de carbonato de calcio (CaCO3), como foraminíferos, braquiópodos, bivalvos e belemnites”.

Variabilidade das mostraxes

A partir das medicións de d18O da cuncha, explican, pódese calcular a temperatura da auga circundante no seu momento da formación. De feito, estas medicións proporcionan “o rexistro máis completo da temperatura pasada do Fanerozoico”, explica Jones, un período de tempo que abarca os últimos 541 millóns de anos, pero o rexistro xeolóxico está incompleto e “a dispoñibilidade de fósiles para a mostraxe varía a través do tempo e do espazo”.

Isto, recalcan os investigadores, é un problema, xa que unha mostraxe incompleta e variable deste gradiente ao longo do tempo “pode conducir a reconstrucións enganosas de temperaturas globais pasadas”. Precisamente, no seu artigo Jones e Eichenseer proban o impacto desta distribución cambiante da mostraxe nas reconstrucións da temperatura global pasada. Demostrando que a temperatura global podería estar sobreestimada no 70% dos intervalos do Fanerozoico.

Así, os seus resultados suxiren que as flutuacións observadas na temperatura global poderían ser inducidas artificialmente durante algúns intervalos, enmascarando a tendencia real. Tamén observaron que as perturbacións climáticas poden subestimarse en certos puntos do Fanerozoico. “Por exemplo, unha tendencia de arrefriamento clásica observada no Ordovícico podería subestimarse debido a un cambio de mostraxe cara o Ecuador”.

O grupo investigador

Coa chegada á Universidade de Vigo a pasada primavera da investigadora Sara Valera, cunha bolsa Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC) de 1,5 millóns euros, botou a andar o MAPAS Lab. Esta nova liña de investigación, dentro do Grupo de Ecoloxía Animal, céntrase en estudar os procesos de evolución e extinción nos últimos 540 millóns de anos, é dicir, onde aparece e desaparece a biodiversidade ao longo do tempo, xerando mapas paleoclimáticos para ese período.

O traballo comeza a dar os seus froitos en forma de artigos científicos, como é o caso do que acaba de publicar a Geological Society of America, asinado por Lewis A. Jones e Kilian Eichenseer. Jones incorporouse á Universidade de Vigo este verán procedente do Imperial College London, para formar parte do MAPAS Lab.

A súa liña de investigación céntrase en decodificar as interaccións entre a vida e o medio ambiente no tempo profundo. Un eixo central do seu traballo é a avaliación da influencia da mostraxe espacial variable para comprender onde e cando vivían as especies, para o que combina información procedente da paleoclimatoloxía coa localización de rexistros fósiles, o que lle permite comprender as limitacións climáticas da distribución dos corais ao longo do tempo.


Referencia: Uneven spatial sampling distorts reconstructions of Phanerozoic seawater temperature. (Publicado en Geological Society of America)

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.