Xoves 28 Marzo 2024

O Smithsonian de Washington cuestiona a orixe galega do futbolín

O Instituto Smithsonian é o buque insignia da cultura científica nos Estados Unidos, con 19 museos e unha colección de 136 millóns de pezas. Tamén é un gran centro de investigación de prestixio mundial. Fundado en 1846, ten por obxectivo ‘aumentar e difundir’ o coñecemento humano, polo que a súa revista oficial trata temas diversos… incluído o futbolín.

Así, unha investigación do Smithsonian, publicada na revista da institución, cuestiona que a orixe deste xogo sexa galega, aínda que lle recoñecen a popularidade que acadou o autoproclamado pai do futbolín, Alejandro Finisterre ou Alexandre de Fisterra, seudónimo do escritor, editor e inventor Alexandre Campos Ramírez.

Publicidade

Retrato de Alexandre Campos por Eulogia Merle (FECYT).

Na reportaxe ‘A sucia historia do futbolín’, a revista Smithsonian recoñece que a orixe do xogo “ten as súas raíces sumidas na confusión”. Os investigadores de Estados Unidos apuntan a que foi creado en varias partes de Europa simultáneamente (‘nunha combustión espontánea de ideas’) durante as décadas de 1880 e 90. Outras fontes atribúen o invento a Lucien Rosengart, un enxeñeiro francés que tivo a súa propia fábrica de automóbiles. Entre as patentes deste creador galo están o cinturón de seguridade, unha bicicleta e o futbolín, que ata a súa morte en 1976 sostivo que foi froito da súa invención no ano 1930 para entreter aos seus netos.

A reportaxe de ‘Smithsonian’ afirma que, antes da II Guerra Mundial, xa había futbolíns nos cafés ‘de toda Francia’, cos xogadores en miniatura ataviados con equipacións brancas, vermellas e azuis, o que con ironía atribúen “para recordar a todos que a máquina era o resultado da inventiva dunha mente francesa superior”.

Os investigadores de Estados Unidos dedican logo amplo espazo a Alexandre de Fisterra, recoñecendo que ten “moitos seguidores, que afirman que tivo a idea cando estaba nun hospital do País Vasco con feridas provocadas por un bombardeo durante a Guerra Civil española”.  Alejandro Finisterre falou cun carpinteiro local, Francisco Javier Altuna, para que construise a mesa e patentou o seu deseño para o futbolín en 1937. O Smithsonian recolle que o inventor galego perdeu os papeis da patente ‘cando tivo que fuxir a Francia despois do golpe de estado fascista do xeneral Franco‘.

O Smithsonian recoñece a popularidade da historia de Fisterra pero a rexeita

Pero o Instituto Smithsonian ten claro que o galego non foi o creador do futbolín. “Se ben é discutible que o señor Finisterre realmente inventase o fútbol de mesa, o feito indiscutible é que a primeira patente dun xogo con homes pequenos sobre barras foi outorgada en Gran Bretaña a Harold Searles Thornton, infatigable seguidor do Totthenham Hotspurs, o 1 de novembro de 1923″.

Un tío do primeiro patentador do futbolín, Louis P Thornton, visitou a Harold en Londres e levou a idea a Estados Unidos, concretamente a Portland (Oregón), onde presentou unha nova patente en 1927. “Pero Louis tivo pouco éxito co fútbol de mesa”, afirma o Smithsonian, “a patente expirou e o xogo quedou na escuridade, sen que ninguén se decatara das vertixinosas alturas que escalaría décadas máis tarde”.

Necrolóxica de Lucien-Rosengart, ‘inventor do futbolín’.

A investigación continúa co pulo mundial que tería o futbolín anos despois do remate da II Guerra Mundial. En 1950, constitúese en Bélxica a primeira Liga oficial. E no ano 1976, apareceu a Federación Europea de Fútbol de Mesa.

Nos Estados Unidos, o ‘Foosball‘ reapareceu en 1960, grazas a Lawrence Patterson, un soldado que estivo destinado en Alemaña na postguerra e quedou namorado do xogo. Na década de 1970, o futbolín pasou a ser un fenómeno nos EUA, e case non había casa onde non houbese no soto unha mesa para xogar. Houbo varias ligas estatais e a franquicia pasou a ser millonaria.

Pero, como recoñece o Smithsonian, “o colapso do futbolín estadounidense foi mesmo máis rápido que o seu aumento. Pac-man, ese pequeno personaxe de debuxos animados, xunto con outros xogos de arcade, foron fundamentais na desaparición do fenómeno do futbolín. As 1000 mesas mensuais estimadas que se venderon a fins dos 70 caeron a 100, e en 1981″. A franquicia declarouse en bancarrota.

Nos últimos anos, o futbolín volveu a Estados Unidos, con algúns campionatos dirixidos aos máis nostálxicos. Pero poucos saben que lle deben moito a Alexandre Campos Ramírez, un galego de Fisterra que foi escritor, editor, membro da Real Academia Galega e tamén inventor. Falecido no 2007, morreu sostendo que fora o inventor do futbolín. Aínda que agora o prestixioso Instituto Smithsonian queira poñer en dúbida a súa invención.

A reportaxe na revista 'Smithsonian'.
A reportaxe na revista ‘Smithsonian’.

2 COMENTÁRIOS

  1. “O Smithsonian recoñece a popularidade da historia de Fisterra pero a rexeita”

    A rexeita?????

    Que idioma estades a empregar??
    Diría que quen escribe traduce literalmente do castelán (la rechaza).
    Dise “rexéitaa”. Coma este tedes múltiples erros, por favor, revisade os artículos. Son moi bos, pero estas cousas doen. Non faledes coma Feijoo…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Ramón Verea, o galego que inventou a máquina multiplicadora

A súa revolucionaria calculadora consérvase no Museo IBM de Nova York e no Smithsonian de Washington