Venres 19 Abril 2024

“Sicenata Pacata”: novo estudo sobre a misteriosa inscrición do Pereiro de Aguiar

Unha actuación no Castelo de Parada procurará datar o contexto cultural do epígrafe e implicará á veciñanza na súa conservación

No ano 2011, o xornalista e divulgador cultural Manuel Gago achegouse á parroquia de San Salvador de Vilariño, no Pereiro de Aguiar, para observar de preto unha inscrición na que bastantes anos antes repararan os profesores Xesús Ferro Couselo, Antonio Rodríguez Colmenero ou Luís Monteagudo. Nun afloramento granítico dos moitos que hai na zona, coñecido pola veciñanza como “O Penedo das Letras”, aparece a inscrición SICENATA PACATA.

Gago contouno no seu blog, e nos comentarios sucedéronse numerosas hipóteses sobre o significado destas dúas palabras. Alén da clara orixe romana do termo pacata (algo así como ‘pacificados’) a etimoloxía de sicenata, probablemente céltica, segue sendo hoxe fonte de especulacións. Ferro Couselo postulou a idea de que aquilo significase algo así como ‘vencidos e pacificados’, o que alimentaba, unha vez máis, a lenda do monte Medulio onde as tribos galaicas se quitaron a vida antes que renderse a Roma. 10 anos despois da publicación na bitácora de Gago, que puxo sobre o mapa este recuncho do Pereiro de Aguiar, denominado Castelo de Parada, unha atalaia no alto dunha aba que cae ata o río Miño, unha actuación dirixida polo arqueólogo Martiño Xosé Vázquez, de Xeitura S.Coop.Gal., procura novas respostas sobre a inscrición e, principalmente, sobre a contorna, na que se teñen atopados vestixios do Medievo.

Publicidade

“A día de hoxe, cos datos que temos, o único que podemos confirmar é unha ocupación medieval do enclave Aínda que estamos localizando algunhas pistas que poderían abrir unha nova liña de investigación sobre un posible asentamento próximo da Idade do Ferro“, resume Vázquez. É un lugar cunhas moi boas condicións de control e defensa, xa que desde el se poden dominar máis de 10 quilómetros do discorrer do Miño. Moi preto, ademais, pasa un camiño real no que hai claras sinais dun intenso tránsito durante moito tempo. Desde esta semana, e durante o mes de setembro, no marco dunha actuación cofinanciada pola Deputación Provincial de Ourense, os traballos teñen por obxectivo garantir a conservación do epígrafe (da que se realizará un modelado en tres dimensións), datar a súa antigüidade e, ademais, divulgar o patrimonio entre a veciñanza da súa zona.

Unha das investigadoras de Xeitura amosa as pezas de cerámica atopadas no lugar. Foto: Xeitura.
Unha das investigadoras de Xeitura amosa as pezas de cerámica atopadas no lugar. Foto: Xeitura.

Ao mesmo tempo, segundo apunta o director do proxecto, realizarase unha pescuda na poboación local para buscar posibles sinais na toponimia e microtoponimia que poidan dar pistas sobre o posible pasado medieval ou castrexo. “É unha zona con moitos afloramentos de rochas graníticas, e cada penedo, cada recuncho, ten un nome. Quen sabe se alguén nos pode dar un detalle que alumee o pasado”.

Ao mesmo tempo que se realizan as investigacións in situ o equipo do proxecto está a rastrexar os arquivos medievais e modernos para atopar máis pistas sobre a inscrición ‘Sicenata pacata’ ou sobre esta zona en xeral.

Segundo Martiño Vázquez, alén da relevancia sobre a antigüidade do epígrafe, é salientable de seu os propios termos usados: “Hai diversas hipóteses sobre a orixe e significado de `sicenata´, o que de por si xa converte ao epígrafe en singular. Habendo incluso quen aposta porque este foi redactado mesturando dúas linguas“.

Recuperación e posterior divulgación do enclave

Antes de difundir o enclave, o obxectivo desta actuación é incrementar o coñecemento e a protección do Castelo de Parada. “O concello de Pereiro de Aguiar decidiu, con moito tino, que o primeiro dos traballos para a recuperación de toda a contorna sería a diagnose e rexistro do epígrafe. Isto permite ter unha foto do estado actual do monumento e aplicar todas as medidas necesarias para a súa correcta transmisión sen poñer en risco a súa conservación”.

En palabras de Luís Menor, alcalde do Pereiro de Aguiar, que visitou o lugar a semana pasada xunto ao investigador local Fernando Iglesias Ramos, a investigación no Castelo de Parada “é a primeira das moitas actuacións que temos previstas na zona para converter a ribeira do río Miño que discorre polo noso municipio nun atractivo cultural e turístico, reivindicándonos unha vez máis como porta de entrada á Ribeira Sacra”.

Iglesias Ramos, autor dunha monografía publicada este mesmo ano baixo o título “Vilariño, memorias dunha bágoa”, colaborará os venres 10 e 17 de setembro, en horario de tarde, nas actividades que implicarán á veciñanza – en especial á mocidade –  na investigación, protección e difusión dos restos arqueolóxicos da zona. Así, realizarán un exercicio de cartografía participativa e prospección sobre a contorna, procurando identificar novas inscricións ou restos que axuden a comprender a historia do lugar. Finalmente, o sábado 25 haberá unha visita guiada nocturna para facilitar a lectura da inscrición ‘Sicenata pacata’, que alguén gravou nese mesmo recuncho moitos centos de anos atrás.

Segundo informan desde o proxecto, as persoas maiores de 16 anos que estean interesados en participar nalgunha das actividades previstas simplemente terán que reservar a súa praza enviando un correo-e a sicenatapacata@gmail.com, indicando o seu nome completo, datos de contacto e actividade á que queren apuntarse.

1 comentario

  1. Non me dedico a historia, pero pra min sempre foi a miña amante perdida. Non entendo, como a Xunta, Deputacións, concellos e iniciativa privada, non son quen de investigar e poñer en valor tan rica historia herdada, incluso a mitoloxía e lendas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

A falsa endemia de malaria e outros intentos para desecar a lagoa de Antela

A partir do século XVIII a zona húmida foi considerada inimiga da agricultura. Os veciños intentaron evitar o desaugamento das terras que utilizaban para o pastoreo

A Unesco considera unha “acción destrutiva” o proxecto de praia fluvial en Lugo

O comité científico do organismo emitiu unha resolución demoledora sobre o impacto medioambiental na Reserva da Biosfera Terras do Miño

Galicia superará os 40 graos durante a cuarta onda de calor da península

O sur de Pontevedra a Ourense serán as zonas máis afectadas durante un episodio de calor intenso que durará ata o xoves

Alerta por 19 positivos por tuberculose en Ourense: estes son os seus síntomas

Un infectado contaxiou a case unha vintena de alumnos do IES Julio Prieto Nespereira que, de momento, non desenvolveron a enfermidade