Martes 19 Marzo 2024

Francisco Sánchez ‘O Escéptico’, o Descartes galego

Francisco Sánchez, nun gravado.
Francisco Sánchez, nun gravado.

Un dos pais do método científico e da dúbida metódica é orixinario de Tui. Cando pensamos nun científico desta cidade fronteiriza, o nome adoita ser o de frai Rosendo Salvado, que ás súas misións relixiosas en Australia sumou estudos de antropoloxía ou a introdución do eucalipto en Galicia. Pero moito antes, no século XVI, outro tudense se converteu nunha figura universal. Trátase de Francisco Sánchez ‘O Escéptico’, quen anticipa as teorías de René Descartes, ata o punto de que se chegou a acusar este último de plaxio.

A nacionalidade de Sánchez sempre foi obxecto de controversia. Porque todos o queren. Non hai dúbida de que naceu en 1551 en Tui, o cal escribiu el mesmo: “Eu, Francisco Sánchez, hispano nacido na cidade tudense… “. Non obstante, a súa nai era portuguesa e bautizouno en Braga. Mentres que Francia o reivindica porque viviu dende mozo Toulousse, onde desenvolveu a súa carreira. Por último, é tamén unha autoridade para os hebreos, porque a súa familia era xudía conversa.

Publicidade

Aos 11 anos, os Sánchez trasládanse a Roma, onde Francisco inicia os seus estudos. Con 22 anos, en 1573, se doutora na Escola Médica de Montpellier, na que obtén unha das súas principais cátedras. As guerras de relixión obrígano a refuxiarse en Toulouse, onde exercerá a medicina o resto dos seus días, como profesor na mesma facultade onde antes destacaran Miguel Servet ou Giordano Bruno.

En 1580, con 29 anos, publica a súa obra filosófica máis ambiciosa. Trátase de ‘De multum nobili et prima universali scentia.  Quod nihil scitur‘ (Do máis nobre e universal primeiro saber. Que nada se sabe). Aquí senta as bases da súa filosofía e da súa aposta pola dúbida metódica. Neste sentido, é un dos pais do método científico.

O noso tudense ataca o “argumento de autoridade” que é unha forma de falacia que, na antiga Grecia, se atribuía á escola de Pitágoras. Consiste en soster que algo é certo porque o di alguén que ten unha gran sabedoría. Equivale a dicir “a Terra xira en torno ao Sol porque así o dixo Galileo“. En realidade, non é así. Porque a órbita terrestre pode demostrarse por métodos científicos. Ou podería non ser así. O evidente é que non é certo por que o dixesen Galileo nin Copérnico.

Esta falacia, tamén coñecida como “argumento ad verecundiam“, semella algo moi antigo, pero é común escoitala calquera día nos debates de televisión. A diferenza é que poñer en dúbida a “autoridade” recén rematada a Idade Media esixía un gran valor, que Francisco Sánchez ‘O Escéptico’ sen dúbida posuía.

A grande achega do de Tui é que, para atopar a verdade, é preciso o exame directo e someter logo a experiencia á análise e á crítica racional. Nisto, considéraselle un precursor de David Hume e, sobre todo, de René Descartes. De feito, non faltaron os que vían na obra cartesiana unha excesiva inspiración no noso amigo Sánchez.

Veía imposible atopar a Verdade… o único posible era ‘acosala’

Que o sobrenome de ‘O Escéptico’ non era esaxerado demóstrao unha frase súa na que define a Verdade: “Ti mesmo perseguirala, unha vez que sexa dalgún xeito descuberto e sacada do seu acubillo, mais non esperes atrapala nunca nin posuíla; abóndeche o mesmo que a min: acosala“.

O filósofo e científico de Tui ten un gran valor porque, ao avogar pola experiencia e pola dúbida como métodos, anticipa a ciencia moderna. Pero, aínda que fixo varias achegas á Medicina ou á Matemática, tampouco podemos consideralo un devoto da ciencia, nin moito menos. Escribiu críticas contra a Astroloxía, como hoxe parece lóxico. Pero tamén poñía en dúbida as propias matemáticas, a xeometría ou a astronomía. Era tan escéptico, que tamén as consideraba unha forma ideal de interpretar a realidade e, dende logo, nada que ver coa realidade mesma.

Morreu en Toulouse ós 72 anos

Francisco Sánchez morreu en Toulouse en 1623, aos 72 anos, convertido nunha eminencia en toda Europa. O seu legado chegaría a outros filósofos e científicos que, como Leibniz, o consideraron un dos máis grandes da historia. Na súa acta de defunción inscribiuse o seu nome como François Chance. A súa vida, dende logo, tivo como escenario Francia. Pero este xudeu converso foi en realidade unha figura europea. E un gran pensador que naceu na cidade de Tui hai case cincocentos anos.

4 COMENTÁRIOS

  1. Os pais de Francisco, o médico António Sánchez e Felipa de Sousa aínda estaban en Tui en 1564, polo que as datas tradicionais hai retrasadas, probablemente ata finais da década por mor dalgúns procesos inquisitoriais. O Inquisidor Quijano de Mercado sinalaba a fuxida de Tui dun médico importante cara a 1570.

  2. Extraordinaria historia a deste ilustre e esquecido paisano. Graciñas gciencia por rescatar do esquecemento a esta recua de egrexios persoeiros.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O ‘efecto Tanxugueiras’, a estudo: “As reivindicacións das mulleres son máis serias que as dos homes”

A xornalista e filósofa Rebeca Baceiredo presentará en Texas a súa investigación sobre autorepresentación da identidade na música galega actual

Por que hai persoas que cren que as emocións provocan cancro?

A poboación acepta maioritariamente ideas pseudocientíficas. Comprender a filosofía da ciencia é a mellor vacina posible

Un equipo español patenta un novo método para detectar o SARS-CoV-2

O sistema, que tamén permite detectar outros tipos de virus, baséase na técnica de edición xenética CRISPR

Amor e redes sociais: exhibición, cousificación e celos

O uso destas plataformas esixe que nos mostremos "ou outro" para que saiba con quen está contactando, algo imprescindible para que a conexión se leve a cabo