Martes 16 Abril 2024

San Telmo: 200 anos do misterio que se perdeu na Antártida

Unha investigadora galega rescata a historia do navío, construído en Ferrol, cuxos tripulantes puideron ser os primeiros en pisar o continente xeado

Pode que chegue o día no que cambie a historia. Tamén é posible que nunca se chegue a saber o que aconteceu. Adoita dicirse que para completar unha fazaña non chega con conseguila, senón que hai que regresar para contala. Ou que, polo menos, quede algunha evidencia de que así foi. Así o fixo Roald Amundsen en 1911 ao converterse no primeiro ser humano en chegar ao Polo Sur: deixou unha tenda de campaña cunha carta para constatar o seu logro, por se non sobrevivía á viaxe de volta. Nada se sabe, con todo, dos mariñeiros españois, entre os que moi probablemente habería galegos, que puideron asinar hai agora 200 anos, en 1819, outro gran fito: ser os primeiros en poñer pé na Antártida. Chegaran ou non, quedaron para sempre no continente xeado. Só unhas semanas despois de que o San Telmo desaparecese, o capitán británico William Smith chegou ás illas Shetland do Sur, e o seu nome quedou na historia como o primeiro home que puxo o pé nunha terra máis ao sur dos 60º de latitude, o que xa se considera como Antártida.

Cando se cumpre o segundo centenario daquel misterio, a investigadora galega Elena Martín Cancela rescata no seu libro Tras as pegadas do San Telmo a época na que percorreu os mares aquel navío de 74 canóns, construído nos Reais Estaleiros de Esteiro, en Ferrol, en 1788. A pesar de ter xa 31 anos de antigüidade, seguía sendo en 1819 un dos que estaba en mellores condicións da frota española, debido á mala situación da Armada durante o reinado de Fernando VII, e despois dos estragos da Guerra de Independencia.

Publicidade

En maio daquel ano, o San Telmo partiu de Cádiz cara a Perú, como buque insignia dunha escuadra destinada a sufocar un dos movementos independentistas que emerxían en  Hispanoamérica. Pero nunca chegou a cruzar ao Pacífico. “A última posición coñecida era latitude 62º sur e lonxitude 70º oeste, nun punto no que as correntes e os ventos derivan directamente ao norte de illa Livingston”, conta Martín. O 4 de setembro, “con graves avarías que afectaban o temón e á verga maior, a mercé do mar e sen posibilidade de goberno, as fragatas que o acompañaban, a Prueba e a Mariana, tiveron que deixalo á súa sorte”. Dous anos despois, en decembro de 1821, debido ás peticións das familias para cobrar a pensión correspondente, asinouse o documento polo cal o navío e os seus tripulantes foron dados de baixa. Pero hai varias evidencias que apuntan a que aquel malferido barco chegou a tocar terra antártica.

Meses despois de perderse a pista do navío, pasou algo que permaneceu en segredo ata 1990, cando se  desclasificaron arquivos secretos do  Almirantazgo Británico. Sóubose entón, segundo conta Elena Martín no seu libro, que as expedicións dos ingleses Fildes e Weddell, ademais da de Smith, avistaran na illa Livingston os restos dun barco coas mesmas características que o San Telmo.  É posible que naquel momento xa non quedara ningún sobrevivente, debido ás durísimas condicións que tiveron que soportar os náufragos.

Por outra banda, a toponimia da zona, recoñecida por diversas institucións e países, tamén deixa pistas, con nomes como os illotes Telmo, o glaciar Telmo, a baía Porlier (en recordo de Rosendo Porlier, xefe da escuadra) ou a illa Toledo (de Joaquín Toledo, capitán do buque).

O Proxecto San Telmo

Hai máis de 25 anos, o pai e mentor da investigadora, Manuel Martín-Bueno, catedrático de Arqueoloxía da Universidad de Zaragoza, liderou a primeira expedición que tentou localizar os restos do navío. Coa colaboración do Instituto Antártico Chileno, e en tres campañas realizadas in situ entre 1992 e 1996, “acháronse evidencias de posibles restos do San Telmo, así como de campamentos de posibles sobreviventes”, lembra María Martín.

Con todo, non se puido confirmar que estes restos pertenzan ao navío construído en Esteiro. Pero hai análises que levan a pensar que así foi: un estudo realizado pola propia Universidad de Zaragoza identificou algúns anacos de madeira de piñeiro e carballo, que coinciden coas usadas para construír os navíos españois no século  XVIII.

Pero quedan aínda fíos dos que tirar. Lembra Elena Martín que nas campañas dos anos 90 localizáronse “anomalías magnetométricas que indican máis de dez puntos con masas potentes de metal”, o que podería sinalar “a presenza de canóns, lastre,  forros metálicos ou útiles de embarcacións”. Hoxe en día, coas melloras tecnolóxicas destes sistemas de detección, a investigadora cre que se podería conseguir “a verificación desas anomalías con sonar de varrido lateral e sonda multiface, ademais da posibilidade de facer algunha inmersión cos equipos actuais” para “corroborar as teorías do equipo do Proxecto San Telmo e localizar o barco”. Desta maneira, podería cambiar a historia, atribuíndo así aos españois “o descubrimento deste continente, a pesar de ser fortuíto e involuntario”.

Galicia e o San Telmo

Alén dá  construción en Ferrol, o vínculo  do San Telmo con Galicia esténdese tamén, con  moita probabilidade, a algúns dous seus tripulantes. Pero  hai dificultades á hora de confirmar este vínculo. “Non se ten realizado ningunha investigación partindo dos apelidos das listaxes de tripulación para poder relacionalos con orixes galegas, pero hai que ter en conta que os documentos da época poden conter inexactitudes, como nos atopamos durante a investigación deste suceso”, explica Elena Martín. Pero é moi posible, debido á gran tradición mariñeira de Galicia, que algún galego quedase para sempre naquel recuncho da Antártida.

Con todo, a investigadora lembra as raíces galegas doutro personaxe importante na exploración antártica: Luís Pardo Villalón, mariño chileno que rescatou á expedición de Ernest  Shackleton en pleno inverno austral, en 1914. ” As raíces deste explorador están en Betanzos, ligadas  á casa de Figueroa”,  lembra a investigadora galega.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Confirmada a presenza de gripe aviaria por primeira vez na Antártida

O virus detectouse en mostras de aves mortas, achadas por científicos arxentinos nas proximidades da base 'Primavera'

Científicos galegos buscan na Antártida procesos naturais que afecten á supervivencia do planeta

Falamos co investigador Mariano Lastra, quen estuda a degradación das algas baixo distintos niveis de radiación e como isto afecta aos nutrientes dispoñibles

A Illa de Tambo, un tesouro arqueolóxico por descubrir: “Os achados apuntan a un complexo ermitán”

A Xunta deu permiso para desbrozar en San Fagundo, o punto máis alto de toda a illa. De momento atopáronse unha capela e restos do que podería ter sido outro inmoble

Arqueoloxía explicada a un científico e público interesado

O investigador Felipe Criado Boado, director do Instituto de Ciencias do...