Sábado 20 Abril 2024

Rescatada a ‘virxe do Sar’: como acabou unha virxe de case 200 quilos no leito do río?

O achado da talla, na parroquia de Conxo, xerou unha importante expectación e esperta numerosas cuestións entre os investigadores

Sobre as 17.30 da tarde, despois dunha xornada con grande afluencia de curiosos , a xa bautizada como ‘virxe do Sar’, a talla de pedra gótica atopada por Fernando Brey, un afeccionado á pesca sen morte, saía do río no que presumiblemente levaba moitos anos agochada, confundida entre pedras, verdín e periódicos episodios de contaminación. Quen sabe se xa estaba alí, por exemplo, cando a poucos metros se celebrou en 1856 o Banquete de Conxo. Brey, que hoxe seguía “moi ilusionado” polo achado que realizou hai unhas dúas semanas, destaca que non tería atopado a talla se non foi porque tropezou e se tivo que apoiar nela. “Ía polo río e claro, cando vas pescando non reparas moito nas pedras; pero tropecei e ao botar a man para coller equilibrio, vin que tiña unha forma estraña, e que estaba tallada”. A dificultade de distinguila do resto das pedras do leito do Sar pode ser, segundo as persoas que inspeccionaron o lugar, un dos motivos de que pasara desapercibida ata o accidental achado de Fernando Brey.

El contactou con Ana Paula Castro, experta en patrimonio cultural directora da empresa Galantiqua Arte Antigüedades e socia da Asociación para a Defensa do Patrimonio Cultural Galego (Apatrigal), que realizou unha análise para catalogar a peza, e deron conta á Consellería de Cultura. Este luns, despois de difundirse o achado, o propio titular de Cultura, Román Rodríguez, estivo no lugar xunto ao alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo. Rodríguez avanzou que sería trasladada ao Museo das Peregrinacións da cidade para ser depositada e estudada en profundidade.

Publicidade

A peza e o lugar

Na manobra de rescate da peza, situada nun lugar bastante oculto pola maleza, participaron varios operarios que tiveron que cargar a talla, de arredor de 180 kg de peso, segundo os primeiros cálculos, a través dunha vivenda contigua ao río Sar. Unha vez fóra da auga, puideron observarse con detalle algúns dos trazos característicos da talla, unha virxe entronizada que, segundo a análise de Ana Paula Castro, ten unha “iconografía similar á da virxe de Oseira ou da Franqueira”. No colo suxeita a un neno, e aos lados da virxe, sobre os seus ombreiros, hai dous anxos (putti), que aparecen suxeitando coa man “algún obxecto ou o propio manto da Virxe”.

Ao estar tallada tamén pola parte de abaixo, decorada cunha flor de catro pétalos central e follas de acanto entrelazadas, leva a pensar, segundo a análise realizada polo profesor Juan Monterroso Montero, que se podería tratar dunha imaxe “acaroada a unha parede, quedando practicamente ao aire incluso a base”.

Un dos detalles que chama a atención é que destacan os expertos consultados, é a ausencia do rostro da virxe e a cabeza dun dos nenos. Segundo o informe de Ana Paula Castro, “con moita posibilidade” trátase dun “impacto moi antigo, tendo en conta o desgaste dos bordos das arestas da rotura”. Neste sentido, o catedrático de Historia da Arte Ramón Yzquierdo engade que “posiblemente é unha imaxe que en data antiga -talvez no barroco- se converteu nunha pedra máis, e de algún xeito foi desacralizada, por iso o rostro da virxe foi suprimido e a cabeza e o torso do neno”.

Atopan no río Sar unha virxe de pedra que podería datar do século XIV

Polo de agora non hai máis detalles sobre a posible orixe da peza, aínda que se puxo sobre a mesa a posibilidade de que na zona houbese no pasado algún tipo de construción que puidera albergar a talla. Na catalogación realizada por Ana Paula Castro exponse “a existencia de dous muros de pedra -derruídos en parte- arredor da peza achada: un deles é paralelo á canle do río e o outro perpendicular á canle do río, de xeito ascendente no terreo”, que poderían vincularse a edificacións con relación coa talla. Sobre a datación, e á espera da confirmación a través das análises previstas, Ramón Yzquierdo expón na súa análise que “sen ningunha dúbida, trátase dunha obra gótica cuxa cronoloxía pode situarse na segunda metade do XIV“.

Unha das posibilidades que poñía sobre a mesa Carlos Fernández Coto, presidente de Apatrigal, remitíase a un artigo publicado polo xornalistae editor Henrique Alvarellos hai uns anos en La Voz de Galicia. A través dunha fotografía de comezos do século XX, Alvarellos lembraba a existencia no actual bosque do Banquete de Conxo, moi preto de onde se produciu o achado da talla, dunha virxe de pedra, chamada “Virxe da Cuncha”, que foi descrita por Tirso de Molina a comezos do século XVII. Hai dous anos, o Concello compostelán recuperou a fonte que lle daba nome.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

As covas do Monte Pindo, o refuxio dos disidentes durante a represión franquista

Un proxecto galego recupera a memoria dos fuxitivos da Guerra Civil na Costa da Morte a través de 12 pezas documentais
00:03:05

R de Revolta: o autogoberno irmandiño de “todos á unha”

Entre 1467 e 1469 a rebelión do poder popular arremeteu contra as fortalezas do Reino, o símbolo material da violencia dos señores

A pegada dos deuses prerrománicos nos topónimos de Galicia

O estudo das inscricións de seis aras votivas no noroeste peninsular axudan a entender a mobilidade xeográfica e o culto ás deidades

Os oito precedentes de Toconao: 2.070 toneladas de ‘pellets’ vertidas ao mar dende 2011

Un informe de Fauna & Flora International recolle os accidentes máis graves que ocasionaron o derramamento de bólas de plástico polo mundo