Panorámica do castro de O Facho de Donón (Cangas).

Panorámica do castro de O Facho de Donón (Cangas).

Unha tese estuda a relixión en Galicia desde a Idade de Ferro

O investigador Aitor Freán presentou o traballo na Facultade de Xeografía e Historia da USC

O investigador Aitor Freán Campo acaba de presentar na Facultade de Xeografía e Historia da USC a súa tese de doutoramento, titulada “Persistencia e evolución da relixiosidade e das mentalidades do noroeste peninsular dende a Idade de Ferro ata a tardoantigüidade”, na que analiza a evolución da relixión e a mentalidade dos poboadores do territorio galego desde a Idade de Ferro ata a tardoantigüidade.

Segundo se explica desde a USC, os romanos, ao conquistar Galicia, impuxeron costumes e crenzas que seguen presentes hoxe en día. A cultura dos habitantes do noroeste peninsular foi perdéndose ante o poder de Roma, pero aínda quedan mostras desas comunidades na actualidade. Así, a tese de Aitor Freán céntrase no estudo dos elementos máis destacados do pensamento simbólico de calquera cultura e comunidade: a ocupación do espazo e as súas consecuencias simbólicas, a morte e o ámbito funerario, a ritualidade, os espazos sagrados, o sacerdocio e as divindades.

Ademais, analízanse outros aspectos de interese como a incidencia da introdución da escritura por parte das comunidades ágrafas galaicas e a repercusión da interacción con cultos orientais de orixe fenicio-púnica, exipcia, minorasiática, irania e, por suposto, hebrea, ao indagar sobre os elementos e as características que definiron a cristianización de Gallaecia.

Aitor Freán. Imaxe: USC.

Aitor Freán. Imaxe: USC.

A finais da Idade do Bronce, os habitantes da antiga Galicia comezaron a asentarse nos castros e, na transición cara a Idade de Ferro, era habitual un modo de vida máis sedentario. Estes cambios foron construíndo unha espiritualidade na que o interior dos propios castros era considerado como un espazo sagrado, un lugar de vivos. Nas comunidades galaicas, existían divinidades heteroxéneas e propias de cada asentamento, aínda que tamén se rexistran deidades comúns en diferentes castros.

As sociedades galaicas da Idade do Ferro non rendían culto ao corpo físico do defunto e a morte era considerada un elemento máis simbólico que material. Aitor Freán descubriu que era habitual a incineración acompañada de celebracións comunitarias como banquetes, e un posterior depósito dos restos da cremación en cursos de auga “como unha forma de reproducir o tránsito a un Máis Alá en clave oceánica”, explica o doutor. Os mortos, como elementos materiais, desaparecían do mundo dos vivos a través dun desprazamento, no que a auga era o elemento condutor ao outro mundo.

Na tese de doutoramento dirixida por Ana María Suárez Piñeiro, Aitor Freán descobre que, unha vez a antiga Galicia é conquistada polos romanos, toda a realidade anterior é redefinida, incorporando así novos elementos e manifestacións externas. Os habitantes da Gallaecia romana, na súa aspiración de converterse en cidadáns romanos, están obrigados a participar en cultos imperiais nos que se busca o beneficio de deuses descoñecidos para eles, no marco dun proceso de asimilación do politeísmo romano.

A tese aborda elementos como a ocupación simbólica do espazo, a morte, os ritos funerarios e as divindades

Roma quería difundir por todo o territorio unha cultura e un estilo de vida no que a adopción de comportamentos e compoñentes da relixión romana resultaba fundamental dado a natureza cívica da mesma e a imposibilidade de disociar elementos da relixión de actos políticos, sociais ou mesmo económicos.

A influencia romana tamén cambia os rituais funerarios e, baixo o dominio do imperio, a morte adquirirá materialidade. Os cadáveres enterrábanse nas vías que daban acceso ás cidades e os vivos acudían ao sepulcro para honrar a súa memoria. Este legado continúa hoxe en día, xunto coa construción de sepulcros en monumentos pétreos e a importancia das inscricións na pedra. Estes costumes están vinculados a unha escatoloxía procedente da mitoloxía grega, aínda que adaptaba ao pensamento simbólico romano.

Abórdanse as situacións peculiares que se viviron coa chegada da romanización e o cristianismo

Todos estes cambios, nos que os habitantes de Gallaecia asumen as crenzas romanas, aparecen dende os momentos iniciais da conquista e a aparición de núcleos urbanos como Braga, Lugo, Astorga.

A chegada do cristianismo transformou a relixión nun axente activo que contrastaba coa actitude pasiva dos cultos coñecidos ata o momento. O proceso de materialización, que comezou nos rituais funerarios coa chegada da romanización, colleu forza coa chegada do cristianismo e a súa preferencia pola inhumación.

O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada por Aitor Freán estivo presidido polo catedrático Francisco Javier Fernández Nieto. Os profesores José Carlos Bermejo Barrera e María Cruz González Rodríguez completaron o xurado. O autor da tese de doutoramento obtivo a máxima cualificación de sobresaínte cum laude.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.