As contas de casca de ovo de avestruz son artefactos ideais para comprender as relacións sociais antigas. Son os adornos fabricados máis antigos do mundo, xa que os humanos transformaron completamente as cunchas para producir contas. Dado que diferentes culturas as foron producindo en diferentes estilos, estes accesorios prehistóricos convertéronse nunha forma de rastrexar conexións culturais.
Para buscar signos de conectividade da poboación, o equipo investigador creou a base de datos máis grande que existe de contas de casca de ovo de avestruz, que inclúe datos de máis de 1.500 contas individuais achadas en 31 xacementos do sur e o este de África. Ao comparar as características destas contas (diámetro total, apertura e grosor da cuncha), atoparon que fai entre 50.000 e 33.000 anos, as persoas desta zona do continente africano usaban contas case idénticas.
Responder a como se formaron as sociedades antigas é crucial para interpretar a diversidade biolóxica e cultural que vemos nas poboacións humanas actuais
Esta conexión de este a sur é a rede social a longa distancia máis antiga xamais identificada. Abarcaría máis de 3.000 quilómetros, ao conectar a persoas nas dúas rexións, e suporía o único período de tempo no que as características da contas son as mesmas. Este achado foi publicado na revista Nature, e levado a cabo polos investigadores Jennifer Miller e Yiming Wang, do Instituto Max Planck para a Ciencia da Historia Humana en Alemaña.
Con todo, estes signos de conexión desapareceron hai 33.000 anos, probablemente provocados por un cambio importante nos climas globais. Case ao mesmo tempo que a rede social rompe, África oriental experimentou unha redución dramática nas precipitacións, a medida que o cinto de choiva tropical se desprazou cara ao sur. Isto aumentou a choiva na gran área que conecta ambas as rexións, provocando que se asolagasen periodicamente as beiras dos ríos, o que puido crear unha barreira xeográfica que interrompera as redes sociais rexionais, segundo as investigacións.
Referencia: Ostrich eggshell beads reveal 50,000-year-old social network in Africa. (Publicado en Nature).