Martes 19 Marzo 2024

Raposos domesticados na Idade de Bronce

Un estudo no que participa a investigadora galega Aurora Grandal atopa restos destes animais en tumbas humanas; un indicio da súa domesticación

Un equipo de investigadores españois, nos que é coautora a científica da Universidade da Coruña Aurora Grandal-d’Anglade, publicou en Archaeological and Anthropological Sciences un estudo no que describen o achado de raposos e cans en tumbas do noreste da Península, como os xacementos de Can Roqueta (Barcelona) e Minferri (Lleida), da Idade de Bronce. Uns achados que, segundo declarou Grandal á Axencia Sinc, ofrecen sinais de que ambas especies foron animais domesticados nesta etapa da Prehistoria.

“Descubrimos que nalgúns casos os cans recibiron un tipo de alimentación especial. Isto relacionámolo coa súa función como cans de traballo. E ademais, un dos raposos mostra indicios de ser un animal doméstico xa naqueles tempos”, conta a investigadora galega.

Publicidade

O estudo expón, a través do estudo da dieta de cánidos e humanos mediante a análise dos isótopos de carbono e nitróxeno nos ósos, que a dieta de ambos era semellante. “Algúns casos suxiren unha preparación da comida específica, rica en cereais, para os cans máis grandes (probablemente dedicados ao transporte de cargas, e alomenos un dos raposos”, segundo estes mesmos achados.

“O caso do raposo de Can Roqueta é moi especial, pois trátase dun animal de idade avanzada, cunha pata rota. A fractura aínda estaba en proceso de curación, e amosa sinais de estar inmobilizada (curada) polos humanos. A alimentación deste animal é moi particular, pois parécese máis á das crías de can. Interpretámolo como un animal doméstico que viviu longo tempo cos humanos”, explica Grandal á xornalista de Sinc Eva Rodríguez.

Patoloxías pola carga

“Nestes individuos tamén se observan patoloxías na columna vertebral ligadas ao transporte de obxectos pesados. Seguramente buscábase unha dieta rica en  carbohidratos porque desenvolvían un traballo máis activo, que requiría un gasto calórico inmediato. Pode parecer estraño que aos cans os alimenten basicamente con cereais, pero isto xa o recomenda o agrónomo hispano-romano Columela do século I, na súa obra De re rustica”, explica tamén a Sinc Silvia Albizuri Canadell, coautora do traballo e arqueozoóloga da Universidade de Barcelona.

Nos demais animais, como vacas, ovellas ou cabras, obsérvase unha alimentación herbívora. Probablemente a súa función fose a de dar leite, carne ou la, e non tanto como forza de traballo. “O cabalo aínda non estaba estendido nesas sociedades, non se atopa ata épocas posteriores”, engade a científica.

En xeral, os humanos e os cans teñen sinais isotópicas algo superiores ás dos ungulados, que indican un certo consumo (non moi elevado) de proteína animal, “non necesariamente moita carne, poderían ser, por exemplo, derivados do leite”, explica Grandal. Entre os obxectos arqueolóxicos atopáronse peneiras que serviron como ‘queixeiras’.

Ademais, os homes parecen incluír máis carne cas mulleres na súa dieta. En canto aos cans, a súa alimentación puido ser principalmente de restos do que comían os humanos, e a maioría era máis similar á de mulleres e nenos. “É por iso que pensamos que estaban máis ligados a estes ambientes domésticos”, di a investigadora. Existen moitos paralelismos etnográficos que indican esa relación entre mulleres e cans.

Os cánidos na Idade de Bronce

O papel fundamental dos cans durante a Idade do Bronce, cando a gandería constituía, xunto á agricultura, a base da economía, foi o da vixilancia e guía de rabaños. Tamén se encargaban do coidado dos poboados humanos, tendo en conta o risco que supoñía a presenza frecuente de animais perigosos como o lobo ou o oso.

“Unha das características do can é a súa gran intelixencia e facilidade de aprendizaxe e, sen dúbida, o seu comportamento defensivo. Por se fose pouco, este animal foi utilizado ata o século  XIX de nosa era en América do Norte, Canadá e Europa para o transporte lixeiro sobre os lombos e no arrastre de carros e zorras. Tamén actuou como animal de carga na Península durante a Idade do Bronce”, asegura a Sinc Albizuri Canadell.

Algúns exemplares arqueolóxicos de América do Norte presentan patoloxías óseas que se relacionan co arrastre de ‘ travois’. Existen ademais relatos dos primeiros colonizadores sobre o uso do can nestas tarefas por parte poboacións indias ata o s.  XIX de nosa era, aínda que ata hai poucos anos non se identificaron en Europa.

“Foron os exemplares estudados de Can Roqueta os que fixeron saltar o sinal de alarma sobre a utilización deste animal para a carga lixeira desde a antigüidade, e constitúen un caso excepcional en Europa“, expón a investigadora da universidade de Barcelona.

Referencias:

 Axencia Sinc.

– Dogs and foxes in Early-Middle Bronze Age funerary structures in the northeast of the Iberian Peninsula: human control of canid diet at the sites of Can Roqueta (Barcelona) and Minferri (Lleida). (Archaeological and Anthropological Sciences, 14 de xaneiro de 2019).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia notifica 10 mortes ao día por consumo de tabaco

A investigadora da USC Julia Rey Brandariz constata na súa tese que a comunidade galega é a duodécima que máis falecementos rexistra por esta substancia

O aire en Europa é o máis seco dos últimos 400 anos

Unha investigación demostra que, desde principios do século XXI, se está a producir un desecamento xeralizado debido á actividade humana

Identificada unha proteína esencial na regulación da obesidade

Un estudo do CSIC descobre que Dido1 ten unha función clave no desenvolvemento do tecido adiposo

Por que algúns pacientes teñen covid persistente e outros non? Este estudo dá na clave

Un equipo do Hospital Universitario de Zúrich busca mellorar a atención aos doentes con novas estratexias de tratamento