Ramón y Cajal, nun retrato dos anos 80 do século XIX.
Ramón y Cajal, nun retrato dos anos 80 do século XIX.

A visita de Ramón y Cajal a Galicia en 1909

O Nobel de Medicina pasou por Ribadeo e Lugo de camiño a Verín, onde tomou as augas varios días no balneario de Cabreiroá

No ano 1909, Santiago Ramón y Cajal (Petilla de Aragón, 1852) era toda unha eminencia. Tres anos antes, en 1906, os seus postulados sobre a teoría neuronal valéranlle, xunto a Camillo Golgi, o Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía, o único dos dous que recibiu España na súa historia. Xa levaba ás súas costas unha vida apaixonante: un rapaz traste, fillo dun médico que medrou entre Aragón e Navarra, que estivera a piques de morrer na guerra de Cuba e que acabaría revolucionando a ciencia e pasando á historia.

E foi entón, hai agora 110 anos, en setembro de 1909, cando Ramón y Cajal  pasou uns días en Galicia. Así o recollen os xornais daqueles días. O Nobel chegou desde Asturias a Ribadeo, e de alí seguiu camiño cara a Lugo con destino a Verín. E nesta vila ourensá pasou uns días no balneario de Cabreiroá, tomando as augas que, segundo o seu propio testemuño, lle permitiron “recobrar a saúde”.

A comezos de setembro, o xornal Las riberas del Eo daba conta da chegada de Ramón y Cajal a Ribadeo. “Este insigne home de ciencia foi o noso hóspede durante poucas horas do martes e o mércores (días 7 e 8) da presente semana. Na tarde do martes chegou a Ribadeo, procedente de Asturias, e ben pronto divulgouse a noticia de que o eminente histólogo se atopaba entre nós”.

A xente acudiu en Ribadeo “a saudalo e ofrecerlle os seus respectos”, nunha visita na que Cajal “admirou as belezas naturais” da zona

Xunto a el acudiron “a saudalo e ofrecerlle os seus respectos” as autoridades, médicos e “outras varias persoas de significación”, que segundo replicaba El Norte de Galicia “fixeron xustísimas gabanzas das calidades de afabilidade e modestia que adornan ao sabio, ao ilustre obreiro da intelixencia, cuxa lexítima fama traspasou merecidamente as fronteiras”.

Aínda que a visita foi corta, a Ramón y Cajal deulle tempo en Ribadeo “admirar as súas belezas naturais, que lle mereceron louvanzas”, e, segundo o cronista, “tamén o vimos na igrexa parroquial, escoitando con atención grande a elocuente palabra doutra eminencia, doutro sabio, o padre Calpena”.

O mércores, Cajal deixaba Ribadeo “no magnífico automóbil do opulento capitalista e querido amigo noso, D. Ramón González, con dirección a Lugo, desde onde proseguiu viaxe cara ao balneario de Verín”.

Ramón y Cajal en Cabreiroá

Non hai máis detalles na prensa do percorrido de Cajal por Galicia, que tivo que atravesar de norte a sur para chegar a Verín o día 10. Si menciona o seu paso, aínda que sen máis detalles, o Diario de Lugo, anunciando que leva uns días en Galicia e que veu “co obxecto de tomar as augas de Cabreiroá”, quedando hospedado no hotel do balneario, que fora inaugurado anos antes por José García Barbón. Tampouco se aforra gabanzas este xornal, calificando ao Nobel como “ilustre sabio” e “gloria de España”, e subliñando que “os seus traballos científicos traspasaron todas as fronteiras e a súa fama percorreu o orbe enteiro”.

Cabreiroá utilizou durante moito tempo a visita de Ramón y Cajal como reclamo publicitario.
Cabreiroá utilizou durante moito tempo a visita de Ramón y Cajal como reclamo publicitario.

Ante tan sobranceira visita, os medios deron conta do acontecemento. “A presenza do ilustre hóspede causou entusiasmo na numerosa colonia de agüistas que actualmente se atopan atopan naquela pintoresca paraxe, que gracias á constancia do seu activo propietario señor Barbón é unha das residencias máis amenas e a virtude das súas augas adquiriu xa renome universal”, dicía Gaceta de Galicia  o 14 de setembro.

A noticia percorreu o país, e de seguro que moita xente quixo coñecer ao Nobel. Un exemplo pode lerse en El Eco de Galicia, que recollía a invitación da “Sociedade de Cultura de Vigo” para que Ramón y Cajal visitase a cidade, “onde será obxecto de grandes homenaxes“. Descoñécese se ao final Cajal aceptou o convite.

Asina no libro do balneario

O día 17 de setembro, Ramón y Cajal escribiu antes de marchar cara a Madrid no libro de visitas do balneario de Cabreiroá. E polo que parece, non foi a única vez que o ilustre visitante estivo no lugar. Este foi o texto publicado no Diario de Pontevedra o 23 de setembro:

“Mas sí no me es dado juzgar como clínico, puedo hablar como enfermo. Y como tal declaro que gracias a las virtudes del manantial de Cabreiroá, del cual hago uso corriente desde cerca de un año, he recobrado la salud, seriamente comprometida por los efectos debilitantes de un catarro intestinal crónico y por la amenaza de cólicos hepáticos”.

 

O "Diario de Pontevedra" recolleu o testemuño que Cajal deixou en Cabreiroá.
O “Diario de Pontevedra” recolleu o testemuño que Cajal deixou en Cabreiroá.

Aqueles días ficaron na memoria de Verín e Cabreiroá: todo un Nobel de Medicina buscando cura nas augas do seu manancial. Aquela ilustre visita segue sendo utilizada hoxe pola empresa de augas e a propia vila para darse a coñecer, e hai un mural e unha estatua na súa honra.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.