O arqueólogo Rafael Rodríguez.
O arqueólogo Rafael Rodríguez.

Rafael Rodríguez: “Os galaicos deixáronnos moitas máis cousas das que pensamos”

O arqueólogo é un dos comisarios da exposición "Galaicos, un pobo entre dous mundos", que impulsa a Deputación de Pontevedra

Desde hai máis de 20 anos, Rafael Rodríguez Martínez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, viaxa no tempo a través dos moitos xacementos que alberga a provincia. Unha ferramenta, un resto animal ou vexetal ou unha determinada construción pode contarnos moitas cousas sobre como vivían os que ocuparon antes ca nós estas mesmas terras. Saber atopalas, compilalas e interpretalas da pé a proxectos como Galaicos, un pobo entre dous mundos, a mostra impulsada pola deputación provincial e que a finais de 2019 chegará a Galicia despois de dar a coñecer esta cultura no Museo Arqueolóxico Nacional de Madrid e o Museo da Prehistoria de Valencia, onde se atopa na actualidade. Rafael Rodríguez é un dos comisarios da exposición.

– Quen eran os galaicos?

– Eran os pobos que habitaban o noroeste da península Ibérica antes e durante a chegada de Roma. Esta denominación dáselle xa na época romana, e ao principio referíase só a un pobo pequeniño da Bracarense, no actual Portugal, pero despois Estrabón e outros autores clásicos esténdenos a todo o cuadrante noroeste, e baixo o paraugas dos galaicos entran toda unha serie de pobos e tribos desta zona.

– A exposición fala dun pobo entre dous mundos: cales eran?

– O outro comisario da exposición, Antonio Nicolau, adoita falar do noroeste naquela época como a rótula dunha perna, que artella a relación entre as vertentes culturais do Atlántico (cunha gran potencia no Bronce final) e do Mediterráneo, que chega xa antes de Roma, cos comerciantes fenicios que cruzan Xibraltar e deixan pegada. Aquí conflúen esas dúas culturas, e dan pé a unha cultura propia, que evoluciona e se modifica despois coa romanización, mudando o tipo de construcións, as costumes, a división do territorio, etc.

– Hai debate desde o propio nome: fálase de galaicos, pero tamén de castrexos, celtas…

– Nós marchamos un pouco pola tanxente; escapamos do debate de celtas si/celtas non. E por outro lado tamén queremos reflexionar sobre a denominación de cultura castrexa: estase reducindo a denominación ás súas construcións; é, salvando as distancias, como se falamos da cultura dos adosados. É un nome que todos usamos, eu mesmo, pero é aconsellable escapar un pouco del, porque estes pobos eran moito máis ca iso.

Galaicos, un pobo entre dous mundos: o percorrido por 2.000 anos de historia

Como evolucionan estes vínculos entre os dous mundos en Galicia?

– No que levamos estudado desde os anos 90, vemos que se producen ao longo do tempo diferentes episodios de contacto. Os primeiros son, loxicamente, con comunidades costeiras, a través de pequenos intercambios co mundo fenicio. E máis tarde, debido á presión que exercen sobre eles forzas emerxentes como Grecia e Roma, estes pobos semitas móvense cara a arriba, desde bases como Cádiz, e aumentan os seus contactos na fachada atlántica. A finais do século V e comezos do IV antes da nosa era, o noroeste da península xa está perfectamente integrado nestas rutas comerciais. Posteriormente, no século II antes da nosa era, cando Roma lle corta os pés a Cartago, os contactos son aínda máis intensos.

Ao comezo parece ser unha relación desigual e pasiva, pero vemos que máis tarde o mundo mediterráneo vai callando e aparecen cousas estrañas: santuarios como o do castro de Punta do Muíño do Vento, hoxe no Museo do Mar de Vigo, ou a factoría de salgadura da Lanzada. As elites do noroeste van reaccionando, e modificando a cultura propia: as artes de pesca, a agricultura… A reacción é máis intensa na costa, aínda que tamén van entrando cara a interior. A conflitividade social aumenta, xorden desigualdades, etc.

Rafael Rodríguez expón que “a romanización trouxo moitas cousas, pero tampouco apareceu sobre unha base inexistente”

 A mostra quere rachar tamén co tópico que asocia o prerromano a bárbaro.

– Non hai que obviar que a romanización trouxo moitas cousas, pero tampouco apareceu sobre unha base inexistente. As sociedades galaicas eran moito máis evolucionadas e complexas do que se pensaba ata agora: unha territorialidade marcada, unha explotación do medio moi pensada, etc. O que fai Roma é aproveitar o substrato en beneficio propio. E tamén hai que ter en conta que estamos nun punto central do Atlántico, a 3-4 días de navegación de Cádiz e de Cardiff. Con todo, comezan a aparecer cousas no interior de Galicia, relacionadas con zonas como Extremadura e outras partes do suroeste peninsular.

– Que nos queda hoxe daqueles pobos?

– Eu creo que nos deixaron moitas máis cousas das que pensamos, pero é difícil ás veces percibilo e illalo de influencias posteriores. Roma modifica moito, e o cristianismo na Idade Media, moitísimo máis. Pero por exemplo conservamos e compartimos con eles o aproveitamento do mar; os peixes que comemos nós son os que comían eles, cos mariscos, outro tanto. Sabemos tamén que xa hai castiñeiros, e que se aproveitan, antes da época romana. Nos estudos sobre alimentación na Idade do Ferro tamén se ve que consumen berzas e outros produtos que conforman algo semellante a un antecedente do cocido…

Por outra banda, a gran dispersión do hábitat no noroeste xa existía na Idade do Ferro. Todo está condicionado pola paisaxe, e polo tipo de terreo que temos aquí.

Guía de viaxe para descubrir aos galaicos

– E que nos falta por coñecer?

– Quedan mil preguntas por responder. Cada vez que abrimos un xacemento ou volvemos traballar nel (Trega, A Lanzada) xorden novas dúbidas e cuestións. A eterna pregunta, por exemplo, na Idade do Ferro, é onde enterraban aos seus mortos: hai dous xacementos en Lugo que poden achegar pistas, pero non se pode confirmar. Do mundo relixioso daquela época queda moito por saber. E tamén queremos indagar en como influíron os outros pobos no seu desenvolvemento. Por exemplo, debeuse o ‘bum’ da explotación agraria á influencia mediterránea?

Os castros levan escavándose desde 1914; estudáronse moitísimo, e hai moito material. Pero aínda temos que ler todo o que saíu, e todo o que está por ver. Non só nas interaccións cara a fóra, senón na relación dentro do propio noroeste, as divisións territoriais, as agrupacións e posibles comunidades.

Na provincia de Pontevedra hai xacementos claves para seguir investigando. Un é o Trega, pola súa inmensidade: queda moito por escavar, restaurar e coñecer. Outro é o monte do Facho, en Cangas, do que xa sabemos moito, pero podemos comprendelo mellor. A Lanzada, que é un fetiche para min, que cada vez que abrimos segue dando cousas. E hai outros, xa da época romana, que son francamente interesantes: Adro Vello, no Grove, e a vila romana de Porta de Arcos, en Rodeiro, que pode explicar o que pasa coa chegada de Roma no interior da provincia de Pontevedra, xa que é un punto estratéxico, xunto á serra do Faro, controlando o paso da costa cara a Lucus Augusti.

1 comentario

  1. Moi interesante, pero unha aportación do imaxinario podería enriquecer os mundos dos que fala o Sr. Rodríguez

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.