Xoves 18 Abril 2024

Tambre, Sil, Miño Alto e Miño Baixo: as catro provincias galegas de Napoleón

Calquera recita de corrido as catro provincias galegas: A Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra. Mentres que, no Antigo Reino de Galicia, eran sete: Santiago, A Coruña, Betanzos, Lugo, Mondoñedo, Ourense e Tui. Sen embargo, poucos saben que Galicia tivo outra división provincial, deseñada por Napoleón con espíritu científico, racional e revolucionario.

Trátase da organización territorial de 1810, dictada polo rei José I Bonaparte e que dividía Galicia en catro provincias con nomes de río: Sil, Tambre, Miño Alto e Miño Baixo. E, aínda que foi aprobada, nunca entrou efectivamente en vigor.

Publicidade

As provincias napoleónicas perseguían o mesmo obxectivo que en Francia: crear unha administración centralizada, cunha capital forte, e esmagar calquera identidade nacional que puidese discutir o poder central. En Francia, foi deseñada con París como eixo e unhas prefeturas con nomes de accidentes xeográficos que hoxe aínda perduran. En España, Napoleón encargou ao seu irmán facer o mesmo.

prefecturas galicia

O 20 de xullo de 1808 entraba José I en Madridd, só dous días antes da capitulación de  Bailén. Ao ter noticia da rendición de  Dupont, o Rei e o seu Goberno víronse na obriga de se retirar a unha cidade máis segura, e elixiron Vitoria, onde permaneceron ata que Napoleón en persoa recuperou o control de Madrid en decembro de 1808.

Na súa estadía en Vitoria, o novo rei foi preparando os cambios no país. Entre outros, en novembro encargou ao coronel valenciano Francisco  Amorós a redacción dunha memoria relativa a unha división de España en departamentos.

As cidades capitais das prefecturas galegas eran Vigo, A Coruña, Ourense e Lugo

O traballo de Amorós foi logo aproveitado por José María de Lanz y Zaldívar, que preparou o Mapa de Prefeturas de 1810, tan fermoso como absurdo. Os criterios eran conseguir que todos os departamentos tivesen aproximadamente a mesma superficie e poboación, algo que resultaba imposible. Galicia tiña máis dun millón de habitantes, mentres Álava non chegaba a 70.000. Tamén aproveitaba os accidentes naturais como fronteiras, que ás veces trazaba en liña recta, como sucedeu co chamado ‘Reparto de África‘.

No propio proxecto, que as Cortes estudaron en decembro de 1809, citábase como obxectivo “evitar a rivalidade que se observou entre os habitantes das diversas provincias de España, efecto necesario da súa antiga independencia, das súas guerras e dos seus privilexios posteriores, sería conveniente que por unha lei constitucional se dividise España en pequenas provincias… Entón desaparecerían os nomes de biscaíños, navarros, galegos, casteláns, etc”.

José I Bonaparte.
José I Bonaparte.

Ademais de ser centralizadora, a división departamental de España imitaba o modelo francés nos nomes das prefecturas, que se denominarían polos nomes dos accidentes xeográficos máis notables en cada zona. Por suposto, tentaban con isto borrar calquera vestixio de identidade cultural.

En abril de 1810, o rei José I aproba o decreto. E Galicia queda dividida en catro prefecturas: A de Tambre, con capital na Coruña; a de Miño Alto, con cabeceira en Lugo; a de Sil, liderada por Ourense; e a de Miño Baixo, con capital en Vigo.

Miño Baixo ocupaba practicamente o mesmo territorio que a actual provincia de Pontevedra. Tiña tres subprefecturas, localizadas en Vigo (capital) Tui e Pontevedra.

Miño Alto, con capital en Lugo, tiña como outras subprefecturas as de Mondoñedo e Viveiro. E ocupaba parte das actuais terras asturianas na contorna do conca do Navia.

Sil era a provincia que hoxe ocupa Ourense, pero co engadido de parte do sur de Lugo. As súas subprefecturas eran Ourense, Monforte de Lemos e Monterrei.

E, para rematar, a provincia de Tambre tiña a súa capital na Coruña, con subprefecturas en Santiago e Corcubión.

Con todo, as catro novas provincias galegas (Tambre, Miño Alto, Sil e Miño Baixo) nunca foron constituídas, pois os franceses xa non dominaban Galicia, tras a derrota do mariscal Ney na batalla de Pontesampaio, en xuño de 1809.

6 COMENTÁRIOS

  1. por algo lle chamaban a ese mamarracho imperialista fransés “Pepe botella”… os de Madrid chamában-lle “el Botellas”… asqueroso borracho…

  2. No le durarían mucho. De ahí que su mención pueda sustituirse por algún héroe casi anónimo pero inimitable…

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204

Un potente anticiclón adianta o verán en Galicia con temperaturas por enriba dos 31 graos

As altas presións situadas sobre Francia están bloqueando a chegada de borrascas e atraendo aire cálido ao norte da península

Unha trintena de casos de dengue en Portugal: debemos preocuparnos en Galicia?

O mosquito tigre, vector da enfermidade infecciosa, detectouse por primeira vez no territorio galego no verán de 2023

Guía para ver a eclipse solar dende Galicia

O fenómeno poderase observar a partir das 21:02 horas, sete minutos antes do ocaso na zona da Coruña