Fernando Groba Bouza recolle na súa investigación preto de 40.000 unidades denominativas.

Unha tese atopa 40.000 termos para falar dos cabalos en galego

A investigación de Fernando Groba Bouza na UVigo recolle preto de 40.000 unidades denominativas sobre hipoloxía en galego

Sete anos investiu o filólogo ponteareán Fernando Groba Bouza na elaboración da súa tese de doutoramento O léxico da hipoloxía no galego oral, unha investigación que pon en valor a grande importancia, a pesar do escaso recoñecemento, tanto da administración, como dos medios de comunicación e da sociedade en xeral, de Galicia no conxunto do Estado español, onde se sitúa como segunda comunidade autónoma en número de explotacións de gando equino, só superada por Andalucía, segundo datos do Ministerio de Agricultura.

A celebración anual de máis de 200 actividades, como 15 feiras cabalares de grande impacto no contexto estatal e europeo, unha vintena de curros ou rapas das bestas nas súas serras, 80 concursos ou probas federadas que organiza a Federación Hípica Galega e máis dun cento de eventos ecuestres como rutas, xuntanzas e festas do cabalo, confirman a relevancia dun sector, ao que o investigador está vinculado desde neno, “case comecei a montar antes do que a andar”, explica, e, desde hai anos, como socio da Asociación de Criadores de Cabalo de Pura Raza Galega (Puraga).

Fernando Groba.

A decisión de centrar a súa tese de doutoramento no léxico da hipoloxía no galego oral xustifícase, segundo Fernando Groba, polo enorme contraste detectado entre a importancia do sector equino e a practicamente inexistente bibliografía sobre hipoloxía escrita neste código. “Deste xeito, comecei a pensar que facer un estudo amplo sobre o vocabulario da hipoloxía podería ser útil. Despois, souben por un manual sobre metodoloxía do traballo terminográfico puntual en lingua galega que, cando non había este tipo de fontes impresas nun corpus lingüístico para investigar sobre o seu vocabulario, existía a posibilidade de botar man da documentación oral e foi aí cando decidín facerlles entrevistas e gravacións a persoas directamente vinculadas con estes animais”, non só de Galicia, senón tamén en concellos estremeiros de Asturias, León e Zamora nos que se fala galego e tamén do norte de Portugal, “como profesionais e afeccionados á cría, doma, ferraxe, medicina veterinaria, trato, venda de artigos de equitación, etc.”, detalla o filólogo.

Vocabulario sobre hipoloxía

En setembro de 2013, Groba empezou a buscar e a ler bibliografía sobre equinos, taxonomías e propostas de estruturación e formas de ordenar un ámbito de estudo, sobre terminoloxía, lexicografía e sobre os aspectos que conformaban o obxecto de estudo, “e comecei a deseñar a metodoloxía que ía empregar e despois realicei as entrevistas, baleirei e clasifiquei os datos para unha base, conseguín reunir e clasificar un total de 73.333 unidades denominativas, e, por último, fixen a súa análise e a redacción da tese”, explica o filólogo ponteareán. “73.333 son os rexistros de unidades denominativas clasificadas que contén a base de datos que elaborei e dentro desa cantidade, hai unha porcentaxe repetida porque hai informantes que teñen a mesma denominación para o mesmo obxecto (algo que me serviu para ver a súa frecuencia de uso). Precisamente, este inxente número fixo que deixase un bloque temático sen analizar no corpo da tese: as denominacións que teñen que ver coa doma e domesticación”, sinala Groba en relación coa súa tese que recolle 38.841 denominacións, das que 18.813 non se repiten.

Cabalos e euguas de pura raza galega en Rábade.

A bibliografía reunida aparece descrita nos capítulos introdutorios de O léxico da hipoloxía no galego oral, que compila practicamente todo o que hai publicado sobre hipoloxía en galego e, “aínda que non os coñeciamos, atopamos catro traballos que podemos considerar fundacionais e pioneiros na lexicografía hipoloxía do galego e, aínda que non todos o especifican na súa metodoloxía, sospeitamos que todos eles beben tamén de fontes orais. Por tal motivo, non podo dicir que fun a primeira persoa en reunir vocabulario vinculado coa hipoloxía mais si o primeiro en realizar un estudo de maior envergadura e cunha metodoloxía moito máis elaborada”, detalla Fernando Groba, que lembra que ningún deses traballos fai unha análise exhaustiva do vocabulario da hipoloxía, senón que ofrecen unicamente información definicional (son vocabularios ou minidiccionarios), pertencen a áreas xeográficas moi determinadas e posúen, salvo algunha excepción, un número de vocábulos moi limitado.

En canto ás conclusións da investigación, que foi dirixida polo docente do departamento de Filoloxía Galega e Latina da UVigo Alexandre Rodríguez Guerra e pola profesora do departamento de Anatomía, Producción Animal e Ciencias Clínicas Veterinarias da USC Patricia Fernández de Trocóniz Revuelta , máis aló do “grandísimo” poder denominativo do galego no sector da hipoloxía, “e de poder afirmar, con toda seguridade, que posúe un vocabulario vencellado cos équidos riquísimo e completísimo”, di Groba, a tese confirma a existencia dunha cultura ecuestre enorme, “que demostra que o equino é un animal totémico no noso país, tanto que a evolución histórica da sociedade galega pode ser analizada a través destes animais (a mudanza no seu trato e coidado así como no cambio de funcionalidade)”, confirma o doutor pola Universidade de Vigo.

A investigación, pola que Groba acadou a cualificación de sobresaliente cum laude, tamén conclúe que o vocabulario equino galego permite delimitar áreas e subáreas dialectais que coinciden grosso modo con aquelas que posúe a lingua xeral e que o estudo do léxico a partir da lingua oral precisa unha boa planificación e concreción previas porque o obxecto de estudo pode converterse en algo inabarcable.

Un dicionario de hipoloxía

En canto á posibilidade de trasladar ao plano práctico as conclusións da investigación, Fernando Groba apunta dúas accións: a elaboración dun dicionario galego da hipoloxía que sirva de referencia e de punto de encontro entre todas aquelas persoas que están vinculadas con este mundo, e a realización de estudos moito máis concretos e focalizados sobre aspectos gramaticais, pragmáticos, morfolóxicos ou incluso paremiolóxicos.

Finalizado o traballo, Groba bota a vista atrás e lembra o sobreesforzo económico e persoal que implicou realizar esta investigación, e as mínimas axudas económicas recibidas, dunha banda, pola súa idade (comezou a tese con 34 anos) e, doutra, pola necesidade de ter que traballar para poder vivir, o que lle impedía solicitar ou compatibilizar ningún tipo de axuda, máis aló dunha bolsa de mobilidade de 250 euros outorgada pola Eido e unha axuda da Comisión académica do programa de doutoramento para material funxible e impresión da tese. “É certamente indignante que sigamos así no século XXI cunha situación semellante á de falta de apoio á investigación nas Humanidades que existía nos anos 70. Cando escoitaba en simposios e congresos a persoas catedráticas de Filoloxía Galega que chegaran a durmir en palleiros… para realizar as enquisas do Atlas Lingüístico galego ou outros traballos de dialectoloxía durante o franquismo tardío e os primeiros anos da democracia, nunca pensei que eu tería que pasar por unha circunstancia semellante, planificando saídas de dous ou tres días e pasando a noite no coche cando realizabamos as entrevistas para reducir gastos, en pleno século XXI”, lamenta Fernando Groba.

Aquí podes ler a nova no Duvi

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.