Venres 19 Abril 2024

Pero había cebras no Cebreiro?

O cabalo galego de monte é un pequeno tesouro natural de Galicia. No monte Galiñeiro, no Aloia, na serra do Suído ou na Groba habita  en semiliberdade este equino tamén coñecido como faca galizana e que triunfa na rapa das bestas.

Pero… ¿É posible que, ademais de cabalos, nos nosos montes tivese habido cebras? E si: falamos dun animal propio da sabana africana e que aquí só vemos en documentais ou dándolle nome aos pasos de peóns. Houbo algunha vez mandas de cebras en Galicia?

Publicidade

Martín Sarmiento.
Martín Sarmiento.

A resposta a esta pregunta é rotunda: non. Nunca houbo cebras en Galicia. Pero esta certeza é moi recente. Porque, ata fai non moito, os nosos antergos crían que estes équidos raiados habitaran na nosa terra. De feito, hai un misterioso animal, chamado ‘cebro’, que aparece mencionado por Cervantes no Quixote. E o propio topónimo do Cebreiro está relacionado con esta criatura.

Para o padre Sarmiento a cuestión estaba clara: o cebro era unha cebra. Nunha obra titulada ‘Disertación sobre o animal zebra’ amósase convencido de que por Galicia corría este animal aínda en tempos da Idade Media. O traballo do polígrafo ilustrado está datado en Madrid o 24 de xuño de 1752. E escribiuno para o seu paisano o conde de Maceda, Antonio Pedro Lanzós e Taboada, un nobre moi influente na corte do rei Fernando VI, ao punto de que gozaba do cargo honorífico de Xentilhome da Cámara do Rei.

Sarmiento ‘tentou usar a influencia que Maceda tiña nos círculos reais para convencer ao monarca da necesidade de mandar traer a Madrid exemplares de cebras africanas e tentar aveciñalas nos montes españois”, sinalan os investigadores Elena Santos Vega e José Santos Puerto nunha monografía sobre o monxe e científico galego.

Segundo Sarmiento, ata o fin da Idade Media, a cebra criábase e era cazada en Galicia porque se apreciaba moito a súa pel. E cita exemplos de toponimia como o apuntado do Cebreiro. Cre o erudito benedictino que a cebra é o mesmo que o onagro que se cita en textos clásicos latinos e gregos. E que tamén son, en realidade, a mesma especie que a cebra africana coa única salvedade de que co paso dos séculos este animal a raias chegou á extinción en Europa.

Sarmiento consideraba que o nome do Cebreiro amosaba que houbo cebras en Galicia

No seu tractatus, Sarmiento cualifica á cebra como o “máis fermoso dos cadrúpedos”, recollendo palabras do seu mestre Jobo Ludolfo, e insiste en que o animal raiado nacía, se criaba e se cazaba na península Ibérica, pero que se extinguira “o gando cebruno, porque a cobiza das súas peles fermosas apurou do todo ata perderse a especie en España”.

Defende o polígrafo galego que “esta especie está perdida de todo en España; pero existe en África, e en especial no Congo. Deberíase traer de alí, e restituíla aos montes de España, para que neles procreasen”. Anos máis tarde, noutro escrito de 1756, volve insistir: “Non había cousa máis doada, pois hoxe hai tantas cebras (e con ese nome) nas costas occidentais de África e en especial no Congo e no Cabo de Boa Esperanza“. E mesmo suxire que o rei imite ao monarca portugués, que ten unha carroza tirada por cebras traídas de terras africanas e domadas para o tiro.

Segundo Sarmiento, en Galicia había cebras. Aínda que, ás veces expresa algunha dúbida sobre se se trata do mesmo animal que o cebro: “aínda concedendo que non son un mesmo animal, cando menos se debían domar e traer, ou para tentar se, coa experiencia, son as antigas zebras españolas; ou para curiosidade e ostentación da magnificencia real”.

Carro tirado por cebras adestradas, como facía o rei de Portugal.

O pensador ilustrado quere repoboar o país de toda especie que poida aclimatarse, con obxectivo de “restituír a España todas as especies de animais, aves e vexetais que se saben foron naturais do país, e se perderon, senón tamén mandar que a España se transplanten todas as especies peregrinas, que poidan producir e frutificar nela. Vexetais para madeiras, froitos, e medicamentos. Aves para carnes, pluma e canto. E animais inocentes para las, pelo, carnes e peles”.

A ciencia desmentiu posteriormente ao padre Sarmiento. Porque a cebra común (Equus quagga) nunca estivo en Galicia. Pero si que estivo o ‘cebro’, un animal misterioso, xa extinguido, sobre o que un recente estudo achega datos da súa orixe.

Porque, sete séculos antes de que os europeos contemplasen ás cebras africanas, cebra e cebro eran palabras que xa se usaban para denominar a un équido amplamente expandido pola península ibérica durante a Idade Media. Aparece reflectido nos rexistros históricos e nas obras literarias, pero se descoñece como era o cebro.

Para tentar resolver este misterio, que perdura desde hai séculos, un equipo de investigadores, liderados pola Universidade de Oviedo (Uniovi), recompilou información de diferentes disciplinas humanísticas e científicas sobre o cebro para ofrecer unha resposta actualizada e interdisciplinar sobre a súa verdadeira identidade.

“Frei Martín Sarmiento foi o primeiro en abordar o tema ao atopar que os montes do Cebreiro (Galicia) no século XIII chamábanse en latín monsdicitur Onagrorum, o que lle levou a descubrir que en multitude de documentos medievais portugueses e españois se falaba dos cebros”, conta Carlos Nores, autor principal do estudo que foi publicado en 2015 na revista Anthropozoologica.

Como temos visto, a conclusión do frade foi que en España había cebras africanas nun tempo pretérito. Apoiábase tamén en que o cebro é mencionado por Cervantes, pero tamén por Lope de Vega. Non foi ata 1922 que a Academia de Ciencias de Lisboa xerou un debate entre lingüistas e historiadores que solicitaron información aos zoólogos para despexar incógnitas.

Reedición do opúsculo de Sarmiento.
Reedición do opúsculo de Sarmiento.

En 1957 o naturalista Dimas Fernández-Galiano apoiou a hipótese de que se trataba en realidade dun onagro ou asno salvaxe, pero non existían fósiles destes animais na península Ibérica. Xa en 1992, apareceu outra hipótese: podería tratarse dunha especie de onagro europeo, coñecida como o asno de Otranto (Equus hydruntinus), que existiu no sur de Europa durante o Pleistoceno e do que se atoparon fósiles na península Ibérica ata a idade do Cobre. “Pero a paleoxenetista francesa Eva-María Geigl acabou demostrando que o auténtico Equus hydruntinus se extinguira no Pleistoceno e que os restos óseos atribuídos a esta especie en realidade eran de cabalo, aínda que fisicamente estes cabalos salvaxes eran parecidos ao extinto asno de Otranto”, comenta o investigador.

Con toda a información histórica e científica previa, o novo estudo, que reconstruíu morfolóxicamente o cebro e o seu hábitat, e describiu as súas características fenotípicas, expón catro hipóteses posibles: o cebro puido ser un Equus hydruntinus; un cabalo salvaxe; un onagro importado de Oriente Próximo, ou un asno ou cabalo doméstico cimarrón.

“A partir dos coñecementos actuais, a hipótese máis plausible parece ser a do último reduto do cabalo salvaxe de Europa occidental; de feito sabemos que autores romanos e altomedievais comentaron a presenza de cabalos salvaxes nos primeiros séculos de nosa era, e as súas descricións son coincidentes coas posteriores que temos do cebro”, conclúe Carlos Nores.

Pero o misterio continúa sen ser resolto. Aínda non se sabe de xeito concluínte que tipo de animal era o ‘cebro’, que lle deu nome ao Cebreiro. O que si resulta seguro é que xamais houbo cebras en Galicia. Aínda que o padre Sarmiento chegase a crer que polas serras do país andaba en tempos o equino a raias que corre pola sabana africana e aquí da nome aos pasos de peóns.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

“Anicamento” e “teito de cristal”, entre as novas entradas do Dicionario da RAG

A RAG engade corenta voces como novas acepcións e mellora a definición de 20 lemas na súa última actualización

Unha masa de aire polar desplomará os termómetros en Galicia

As temperaturas caen ata 10 graos a vindeira semana, quedando en valores baixos para a época do ano

▪️ Ten sentido implantar en Galicia a nova medida antitabaco do Reino Unido?

A investigadora da USC Mónica Pérez advirte que nos países con altas taxas de fumadores é difícil que esta medida saia adiante

Galicia rexistrou preto de 43.100 raios en 2023, un 66% máis que o ano anterior

O día co maior número de descargas eléctricas detactadas foi o 9 de setembro, cun total de 10.204