Peinador: unha moeda galega de antes do euro

Enrique Peinador, no hotel balneario de Mondariz.
Enrique Peinador, no hotel balneario de Mondariz.

Se as tensións económicas fan cambalear ó euro, non hai razón para volver á peseta. Galicia podería volver a outra moeda, oficiosa pero recoñecida no seu tempo en moitos comercios. Trátase do ‘peinador‘, de curso legal durante varias décadas, entre finais do século XIX e o primeiro terzo do século XX. Utilizábase como divisa no balneario e Gran Hotel de Mondariz. E tiña tan bo crédito que mesmo se aceptaba en comercios de Vigo, de Baiona e de Pontevedra, con toda naturalidade.

Moeda de Peinador cun valor de 20 céntimos.
Moeda de Peinador cun valor de 20 céntimos.

Non falamos dos ‘maravedíes’ que se cambian na Festa da Istoria, en Ribadavia. Nin dos ‘amaros’ que se empregan no Festival Port América. O ‘peinador’ era unha moeda acuñada, vixente todo o ano, que sobrevivíu ducias de anos e que chegaba a aceptarse fóra das fronteiras do pequeno concello balneario pontevedrés.
A invención desta moeda foi unha xenialidade máis entre as moitas da familia impulsora do balneario de Mondariz. Foi o médico Enrique Peinador Vela quen descubriu a fonte da Gándara e, xunto ao seu irmán Ramón, fundou o hotel. E a seguinte xeración, representada por Enrique Peinador Lines, levou a idea ata convertela nun emporio, que recibía visitantes insignes de media Europa.

Enrique Peinador foi amigo de Castelao e protector da Real Academia Galega

Peinador Lines, empresario, filántropo e galeguista, levou a Mondariz á súa máxima prosperidade. Soñou unha liña tranviaria que comunicase con Vigo. E acolleu todo o máis selecto da alta sociedade, ao tempo que financiaba reunións da Real Academia Galega ou patrocinaba a destacados intelectuais, como Castelao, que é o autor do debuxo da marca de augas, cun home con chaqué abrazando unha botella.
Así que, entre as grandes ideas da familia Peinador, un día chegou a de acuñar a súa moeda propia. E lograron mantela durante décadas. O deseño inclúe unha letra ‘M’ inscrita nun sol de 48 raios. No anverso, aparece o valor facial da moeda. Con todo, hai múltiples variedades, en sucesivas acuñacións. E, tamén, valores diversos.

Imaxe do Gran Hotel balneario de Mondariz.
Imaxe do Gran Hotel balneario de Mondariz.

Hainas convertibles en pesetas, pero tamén en reais, o que resulta curioso porque esta unidade monetaria xa desaparecera moito antes, en 1868. Os coleccionistas de peinadores, que os hai, cren que o valor en reais respondía ao fala coloquial da época. E que a moeda de 10 reais equivale a medio duro, isto é, 2,5 pesetas. Mentres que a que aparece coa inscrición ‘4 reais’ equivalía a 1  peseta.
Había no Gran Hotel unha oficina de cambios, onde os hóspedes podían adquirir as moedas. Dentro das fronteiras do balneario, os peinadores cotizaban con calquera divisa. Tamén, cos dólares do home máis rico do mundo, John Rockefeller III, que visitou Mondariz en 1929. O peinador era a moeda aceptada en todo o recinto balneario. E resulta probable que un diñeiro que parecía de xoguete conquerise que o gasto dos hóspedes fose máis espléndido.

O millonario John Rockefeller sen dúbida quedou pasmado cos ‘peinadores’

En Mondariz, había onde gastar. Porque en tempada alta, sobre todo no verán, as mellores boutiques de Vigo e de Pontevedra desprazábanse ao balneario, alugando o que hoxe nas grandes superficies chaman un “córner”, un pequeno posto cos seus produtos. Din que o máis luxoso era o de “La Villa de París“, emblemático comercio que traía roupa de importación.
Cando os hóspedes saían en coche a pasar o día en Vigo ou en Pontevedra, moitos deles levaban os seus peinadores no peto. E contan que, en moitas tendas e hoteis da cidade, aceptábase esta moeda sen problemas. Hoxe, podemos atopar peinadores nas tendas de numismática. Aparecen tamén á venda nos portais de coleccionismo. Por un peinador de 30 céntimos páganse actualmente ao redor de 20 euros.

Un peinador de 25 céntimos.
Un peinador de 25 céntimos.

Escribiu Emilia Pardo Bazán: “Se desexades coñecer, sorprender na súa vida diaria aos escritores españois de renome, aos políticos de altura: á Mondariz. Por alí desfilaron en poucos anos o escollido da intelixencia española. Sobre o chafariz destes mananciais podería escribirse: Aquí cúranse os estragos do pensamento e os danos da civilización“.
Porque houbo un tempo en que o balneario e Gran Hotel de Mondariz foron unha pequena capital do mundo. Mesmo con moeda propia. Así que, cando o euro colapse definitivamente, e debamos volver a unha divisa local, existe unha alternativa. En Galicia podemos volver a unha divisa refuxio, tranquila e plácida como un balneario: o peinador.

5 COMENTÁRIOS

  1. El logo comercial de las aguas de Mondariz es de Federico Rivas, prestigioso ilustrador de la época. Castelao dibujo a un hombre arrodillado, abrazado a una botella ancha y chata.

    • Non é certo. O debuxo de Castelao foi o primeiro e saiu na revista NÓS. Un home de trazo, con chaqué cun xeonllo no chan alzando a antiga bolleta nunha man. Polo tanto o artigo erra no relativo a que “abraza a botella” que é a imaxe que coñecemos hoxe en día, pero si é certo que Castelao fixo a primeira versión dese logotipo.

  2. O que vostedes identifican como Castelao non o é, senón Vicente Risco, naquela altura (1920) directivo da Coral De Ruada. O caso é que este erro está repetido en varios lugares e convén que quede claro que se trata deso, dun erro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.