
Ata a chegada do ferrocarril e das estradas, os ríos foron as grandes vías de comunicación. Hoxe esquecido, o transporte fluvial alumeou a primeira Revolución Industrial. O Mississippi articulaba o sur de Estados Unidos para o tráfico de viaxeiros e mercadorías. Como, moito antes, o Danubio cumpría a mesma función en Europa Central. No século XVIII, coa Ilustración e os seus adiantos, o tráfico fluvial incrementouse. E, se os británicos estreaban o Caledonian Canal, de costa a costa de Escocia, en España nacía a Canle de Castela, para levar o trigo da Meseta cara aos portos do Norte.
A febre polos ríos decaería no século seguinte. O XIX sacou da manga o ferrocarril e o transporte de mercadorías mudou por completo. As autoestradas do século XX farían esquecer de todo os cursos fluviais, mentres as canles e esclusas se converterían en rutas de sendeirismo sen recordo dos seus tempos de esplendor co tráfico de gabarras.
A Galicia, a terra dos mil ríos, aquela moda do transporte fluvial pasoulle sen gloria, como tantos outros adiantos nun país arrasado polo caciquismo e atrapado no seu atraso. Así que o Danubio, o Mississippi e o Caledonian Canal soaban moi afastados aquí no século XVIII. Pero houbo galegos que soñaron con articular o país a través dos seus cursos fluviais. E converter o río Miño na grande autoestrada do país.
O gran valedor deste avance foi o ilustrado Pedro Antonio Sánchez, cóengo de Compostela, nacido en 1749 e falecido tres anos antes da invasión napoleónica, en 1806. Este pensador redactou un ambicioso proxecto para facer o Miño navegable, convertendo A Garda nun porto de primeira orde e permitindo aos viños do Ribeiro saír aos mercados internacionais.
Sen camiño carreteiro polo Sur
Sánchez eleva a súa proposta “ao inmortal rei Carlos III“, co obxecto de facer do Miño a gran canle de Galicia “dende a súa desembocadura no mar ata a cidade de Ourense ou, cando menos, ata a vila de Ribadavia”.
O noso crego non agocha que o seu plan pretende darlle vida á economía galega partindo do negocio do viño. Porque non hai moito que os ingleses cambiaron os caldos do Ribeiro polos de Porto. Aínda que foron as guerras de relixión, e non as facilidades de transporte, a causa da ruína deste lucrativo negocio que se mantiña florecente dende o século XIV.
O certo, non entanto, é que a provincia de Ourense ten grandes dificultades para dar saída ás súas mercadorías. E a conexión coa Meseta é unha auténtica odisea, sen que sequera exista un camiño carreteiro que conecte o Sur de Galicia con Castela. As únicas rutas posibles son as chamadas “de ferradura”, para cubrir a pé ou dacabalo.
Como di Pedro Antonio Sánchez: “Esta falta de extracción fai que os naturais do Ribeiro miren con igual horror a abundancia que a escaseza da colleita”.
Así que propón a súa idea á Corte e imaxina unha Galicia próspera, artellada polo Miño: “As embarcacións irán buscar este viño e cargarán á súa volta xéneros de vestir, de cacao, de arroz, de azucre, de canela, de xabón, de aceite e outras diferentes especies: como o porte será moi lixeiro, o prezo deles deberá ser máis equitativo, e os portugueses se atoparán máis embarazados en despachar o azucre, a canela falsa, o aceite, a xabón, os panos do seu país, a ferralla e outros artigos que están na raia seca sen facer aduana”.
Do Miño, a Biscaia e Castela
Crearíase unha ruta comercial dende Ourense ata Castela, polo Sur de Galicia, que sería a mellor alternativa á “penosa viaxe que fan hoxe en día polo Cebreiro”. Escribe o noso ilustrado: “Non pode dubidarse que, transportando viño polo Miño, non soamente será conducido con vantaxe e cun frete pouco custoso ás cidades, vilas e lugares que rematan as costas de Galicia, Asturias e Biscaia, senón que dende alí será levado con felicidade algunhas leguas terra dentro”.
Sánchez preocúpase polo prezo da obra: “Canto aos custos desta empresa, por grandes que parezan, son sempre moi pequenos comparados coas asombrosas utilidades que deben resultar”. E anima a implicar ós portugueses no proxecto: “Será indispensable que traten coa corte de Portugal, para que, ou concorra aos gastos da obra nas dez leguas en que o río divide os dous reinos ou suxeite os seus vasalos a pagar os mesmos dereitos por razón do frete que se impoñan aos españois”.
O proxecto de facer do Miño a grande autoestrada fluvial queda en nada. O “inmortal Rei Carlos III” morrería o 14 de decembro de 1778,sen facer caso ningún ó memorando presentado por Pedro Antonio Sánchez. Queda como unha máis entre miles de boas ideas, de bos galegos preocupados polo país, que se perderon para sempre…