As construcións con pedra seca son un elemento esencial da paisaxe galega. Imaxe: cultura.gal.

A ‘maxia’ da pedra seca xa é Patrimonio Inmaterial da Humanidade

Hai xa moito tempo, grandes mentes foron quen de erixir valados e diversas edificacións sen máis morteiro ou argamasa que a propia pedra, colocando de forma moi coidada cada unha delas para garantir a solidez e a harmonía do conxunto. Esta técnica, a da pedra seca, moi usada en Galicia, acaba de ser recoñecida esta semana pola Unesco como Patrimonio Inmaterial da Humanidade. A Xunta, a través da Consellería de Cultura, tomou parte da candidatura impulsada por Grecia e Chipre, na que tamén tomaron parte outros seis países europeos (España, Italia, Suíza, Francia, Eslovenia e Croacia). Galicia, xunto a Andalucía, Aragón, Asturias, Baleares, Estremadura, Cataluña e Valencia, participou na candidatura española.

A pedra seca en Galicia

Segundo subliña Cultura, a pedra seca “conforma un dos exemplos de coñecementos e usos máis relevantes das formas de vida tradicional que axuda a construír a paisaxe do país”. Unha técnica que se perfeccionou e transmitiu a través do oficio dos canteiros, que tivo especial relevancia en comarcas como Bergantiños, Soneira, Fisterra, Xallas, a Ribeira Sacra, a Terra Chá, Deza, Terra de Montes e Pontevedra.

Así, a pedra seca pódese ver aínda hoxe en día en valados, muros, e construcións agrogandeiras como alvarizas, neveiras, pombais, hórreos, pendellos, foxos do lobo ou muíños. Exemplos, todos eles, que “contribúen a definir e representar a estrutura da propiedade ou explotación do territorio”, explica a consellería.

Os hórreos, como estes das Torres do Allo, en Zas, son un dos principais exemplos das construcións con pedra seca. Imaxe: Certo Xornal – CC BY 2.0.

Non en tanto, a consellería lembra tamén que “para os propietarios de bens construídos con esta técnica a inclusión na lista non suporá requisitos adicionais á hora do seu mantemento e conservación máis aló dos existentes na lexislación vixente”. Iso si, a Xunta poderá ditar instrucións, recomendacións e suxestións para os interesados no seu uso e conservación; así como fomentar a pedra seca a través de programas e proxectos específicos.

A decisión coñeceuse na reunión anual do Comité intergobernamental de salvagarda do patrimonio cultural inmaterial, celebrada en Port-Louis (República de Mauricio). Estivo alí presente, por parte da Xunta, a directora xeral do Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Ínsua.

O recoñecemento da inclusión na lista representa o compromiso dos países na execución de medidas de salvagarda específica para que as comunidades locais, que son as súas portadoras, poidan ter as condicións para o seu mantemento e difusión.

Galicia participou activamente no desenvolvemento da candidatura. Neste sentido, aos efectos de promover o estudo e a documentación da técnica da pedra seca e dos seus procesos, así como para colaborar na súa difusión pública e respecto polo traballo dos canteiros tradicionais e dos numerosos exemplos que se conservan, decidiuse incorporala, como paso previo a esta inscrición na lista da UNESCO, ao Censo do Patrimonio Cultural de Galicia como manifestación do patrimonio cultural inmaterial.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.