Patricia Bello Alonso participa nun dos proxectos de investigación que o Cenieh mantén en Olduvai.

Unha arqueóloga galega en Olduvai, o berce da humanidade

A investigadora arteixá Patricia Bello participa nun proxecto que estuda a industria lítica deste xacemento no norte de Tanzania

A natureza conspirou en Olduvai para que, millóns de anos despois, os científicos poidan desenterrar neste lugar do norte de Tanzania algúns dos primeiros pasos dos homininos. A erosión e os movementos tectónicos deixaron ao descuberto restos que atraen a arqueólogos de medio mundo na procura de respostas sobre a nosa orixe. E alí traballa Patricia Bello Alonso (Arteixo, 1990), arqueóloga do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (Cenieh), no marco das súas investigacións sobre a tecnoloxía do Paleolítico Inferior e a adaptación dos homininos ao medio.

“Quizais pareza un tópico, pero o que máis destacaría de traballar en Olduvai é a extraordinaria e vertixinosa aprendizaxe tanto a nivel persoal como profesional”, explica Patricia, licenciada en Historia pola USC con especialización en Arqueoloxía e Prehistoria, disciplinas sobre as que despois realizou un máster na Universidad de Cantabria.

O xacemento de Tanzania, di, “é unha escola única e excepcional onde se escavan e se estudan materiais arqueolóxicos que sen dúbida seguen a aportar información fundamental para a comprensión da evolución humana”. E ademais, destaca Bello, ten a oportunidade de traballar, nun ambiente de “alta e continua exixencia”, con especialistas consolidados de diversos ámbitos.

Antes de chegar a Olduvai, a carreira de Patricia comezou nalgúns dos xacementos galegos máis destacados, como a cova de Valdavara, en Becerreá, e coas prácticas organizadas polo profesor Ramón Fábregas para procesar e estudar os materiais arqueolóxicos neste e outro enclaves prehistóricos de Galicia. Despois do máster en Cantabria, acadou un contrato predoutoral para a Formación de Persoal Investigador (FPI), que lle permitiu incorporarse á plantilla do Cenieh de Burgos baixo a dirección de Manuel Santonja, Joseba Rios-Garaizar e Joaquín Panera.

Grazas a este contrato, Patricia Bello participa en dous proxectos, dirixidos polo Cenieh e o Instituto da Evolución en África (IDEA) nos que busca “establecer, a partir de estudos traceolóxicos, un patrón sobre as actividades económicas desenvolvidas polos homininos que ocuparon a Garganta de Olduvai hai 1,3 millóns de anos”. Un estudo que realiza “a partir da análise da industria lítica do xacemento achelense de Thiongo Korongo (TK)”.

Panorámica de Olduvai. Foto: Noel Feans-CC BY 2.0.
Panorámica de Olduvai. Foto: Noel Feans-CC BY 2.0.

Ademais de Olduvai, e a pesar da súa xuventude, Patricia xa traballou en diversos xacementos de España ou Francia, que foron “oportunidades únicas”. Explica que “se ben Thiongo Korongo é a miña prioridade, tamén estou mellorando a miña formación como traceóloga e arqueóloga”. Para isto, está colaborando en varios xacementos do Paleolítico Inferior, como as escavacións para estudar a industria achelense en Ambrona (Soria), ou a industria lítica de Cuesta de la Bajada (Teruel). En 2018 comezou a colaborar co equipo que estuda o enclave de Bois-de-Riquet (Lézignan-la-Cèbe, Francia).

A investigadora tamén aproveitou a súa tese para realizar estadías internacionais con grupos como o de Cristina Lemorini no Laboratory of Technological and Functional Analyses of Prehistoric Artefacts (LTFAPA) na Universidade da Sapienza (Roma), onde puido consultar a colección de referencia que teñen con materias primas procedentes do xacemento arqueolóxico de Kanjera South (Kenia), ou a Universidade Hebrea de Xerusalén, con Naama Goren Inbar, para poder facer unha análise traceolóxica e comparativa con TK a partir da industria lítica achelense dos xacementos de Ubeidiya e Gesher Benot Yaqov.

Este mesmo mes de setembro, Patricia Bello comezará unha nova estadía en Alemania: “Terei a oportunidade de estar dous meses no Laboratory for Traceology and Controlled Experiments (TraCEr) do Arqueological Research Centre and Museum for Human Behavioural Evolution con Joao Marreiros para formarme en novas técnicas microscópicas aplicadas os análises traceolóxicos”.

Colaboración con Galicia

Desde o Cenieh, dirixido pola ourensá María Martinón, realízanse importantes investigacións sobre a Prehistoria de Galicia, como as que desenvolve Eduardo Méndez Quintas en Porto Maior (As Neves) ou as Gándaras de Budiño (Porriño). E Patricia Bello tamén ten nos seus plans participar nestes proxectos. “Está previsto que nun futuro próximo comece a miña colaboración con Eduardo e outros investigadores de Portugal”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.