Os cadros expoliados polos nazis, expostos en Pontevedra antes de regresar a Polonia

Unha nova análise das pezas atribúelle unha cronoloxía máis tardía có século XVI, polo que non serían orixinais de Dieric Bouts, como se cría

Os cadros da 'dolorosa' e o 'cristo' quedarán expostos na Sala 1 do Edificio Castelao. Foto: Deputación de Pontevedra.
Os cadros da 'dolorosa' e o 'cristo' quedarán expostos na Sala 1 do Edificio Castelao. Foto: Deputación de Pontevedra.

O Museo de Pontevedra abriu este xoves ao público a instalación temporal que amosa dous cadros que teñen unha longa e fascinante historia detrás deles, e que nos vindeiros meses regresarán a Polonia, o seu lugar de orixe. As obras, unha ‘dolorosa’ e un ‘cristo’ atribuídos nun principio a Dieric Bouts, pintor flamenco do século XV, foron expoliadas polo exército nazi durante a invasión da Segunda Guerra Mundial da Colección da Princesa Czartoryski no seu castelo da vila de Goluchów. As pezas, expostas na Sala 1 do Edificio Castelao, contan cunha breve reseña explicativa e un código QR para saber máis da súa historia e trazabilidade.

Publicidade

Tanto a familia Czartoryski como o goberno polaco reclamaron os cadros, que serán remitidos ao país de acordo ao que decida o Ministerio de Cultura, que é quen ten as competencias sobre o futuro dos cadros, segundo explicaron este xoves o vicepresidente da Deputación pontevedresa, César Mosquera, e o director do Museo, Xosé Manuel Rey. Nestes momentos a Avogacía do Estado está estudando a situación para emitir informe e, mentres non se faga efectiva a devolución e se aclare a quen se lle entregan, o díptico quedará no Museo. “Nós somos terceiros de boa fe, con toda a disposición para colaborar, e non nos crea ninguna distorsión nin estamos a desgusto con que as obras estean aquí. Vaise sabendo máis delas e van estar ben acollidas e ben tratadas mentres dure o proceso”, salientou Mosquera.

A identificación da ‘dolorosa’ e o ‘ecce homo’ como bens espoliados xurdiu durante o confinamento pola pandemia cando Mariusz Wisniewski, do Departamento de Patrimonio Cultural do Ministerio de Cultura e Patrimonio Nacional de Polonia, contactou co Museo de Pontevedra para interesarse polo díptico. Despois da Segunda Guerra Mundial perdeuse a pista dos cadros, ata que reapareceron no comercio de arte en Barcelona en 1971 e en Madrid en 1973.

Desde o Museo e a Deputación animan ás persoas “amantes da arte e curiosos da historia” a aproveitar a oportunidade para contemplar as dúas creacións e afondar na súa orixe e características. Segundo César Mosquera, é “unha pena que teñamos que desfacernos destes cadros, pero é unha alegría colaborar a reparar o espolio nazi”, en relación á súa devolución, á que o Museo se comprometeu dende o inicio.

As obras espoliadas polos nazis en Polonia que acabaron no Museo de Pontevedra

Non son obra de Dieric Bouts

O director do Museo, Xosé Manuel Rey, indicou que dende o punto de vista histórico artístico houbo novidades sobre as pezas. Inicialmente foran atribuídas a Dieric Bouts mais, a raíz dun informe da directora do Instituto Moll Ana Diéguez por encargo do Museo, sábese que non teñen esta atribución e que case con total seguridade pertenzan a algún membro do taller do seu fillo Albert Bouts. Isto dataríaas nun período máis tardío do século XVI, algo que encaixa tamén coa cronoloxía e o tipo de marco tan significativo con casetóns e textos sostidos por ánxeles que presentan.

As dúas obras foron tamén analizadas no Museo cun programa D-Strech utilizado normalmente para as pinturas rupestres que, modificando as gamas de cores, permitiu desvelar textos escritos nas traseiras dos marcos, onde se aprecian frases en latín e incluso datos en relación coa súa procedencia alemá.

Como reflexión, Xosé Manuel Rey asegurou que a día de hoxe os Museos están analizando cuestións que hai 20 ou 30 anos eran “impensables”: “Hai acceso a bases de datos en liña, co que as obras viaxan moito máis que antes, e é máis fácil rastrexar a información. Agora mesmo hai unha tendencia e unha dinámica a que os propietarios, sexan estados ou familias, intenten recuperar obras que en determinados momentos saíron dunha maneira anómala con respecto á perspectiva actual. Por iso está reclamando Exipto obras, o Estado Grego… É un movemento a nivel mundial”, destacou.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.