Arqueólogos da Uvigo serán os primeiros en escavar o castro de Santa Lucía

O castro de Santa Lucía, en Astariz, no Concello de Castrelo de Miño, forma parte do conxunto de poboados fortificados da Idade do Ferro e época galaico-romana que flanquean as beiras do val medio do Río Miño, entre Ourense e Ribadavia. Para os expertos ten unha singular relevancia pola súa relación coa minería aurífera da rexión, xa que debeu funcionar como poboado de man de obra e provisión de servizos para os labores mineiros, explicándose así o motivo da súa acusada romanización. A pesar desta relevancia, o castro nunca foi escavado nin referenciado en publicacións. Co obxectivo de pór no mapa este enclave, o Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo (GEAAT), co financiamento do Concello de Castrelo de Miño, realizará unha intervención arqueolóxica no castro durante todo o mes de agosto.

Fermín Pérez, Xurxo Rodríguez e Virxilio Rodríguez durante a presentación da intervención arqueolóxica /DUVI.
Fermín Pérez, Xurxo Rodríguez e Virxilio Rodríguez na presentación /DUVI.

A intervención será a primeira actuación que se realizará ao abeiro dun convenio marco de colaboración asinado este venres entre a Universidade de Vigo e este concello. A sinatura deste convenio, que dá continuidade aos asinados anteriormente con concellos como os de Allariz, Amoeiro e Monterrei, explicou Virxilio Rodríguez, vicerreitor do campus de Ourense, amosan o “compromiso da Universidade de Vigo co territorio no que se asenta” e o seu desexo de pór á súa disposición “o noso saber facer, o noso coñecemento e os nosos recursos humanos”. Coa realización deste proxecto arqueolóxico, subliñou Xurxo Rodríguez, alcalde de Castrelo de Miño, o seu concello aposta por “pór en valor os nosos recursos arqueolóxicos” co obxectivo de que sexan un atractivo engadido máis para este territorio.

Traballarán 6 arqueólogos do GEAAT e 24 universitarios de toda España

Fermín Pérez, investigador principal do GEAAT, foi o encargado de explicar o proxecto de intervención arqueolóxica e posta en valor do castro galaico-romano de Santa Lucía, situado en Astariz. El será o director dun proxecto no que traballarán seis arqueólogos e dúas quendas de doce estudantes de Historia e titulacións afíns cada unha procedentes de diferentes facultades españolas. As escavacións prolongaranse durante todo o mes de agosto pero o proxecto continuará logo no laboratorio ata completar o ano.

Segundo explican os responsables do proxecto, o castro obxecto de estudo ocupa a parte alta do picouto mais setentrional do monte de Santa Lucía, con moi acusadas pendentes cara os ríos que o delimitan, o Miño polo norte e leste e o regato do Fragoso polo oeste e sur. Atópase rodeado de dúas grandes explotacións auríferas romanas a ceo aberto, establecidas sobre as terrazas aluvionares do Miño, como son a dos Cotos de Prado e, especialmente, a dos Cotos de Astariz. “O castro atópase relativamente ben conservado e con áreas de potencialidade estratigráfica suficiente como para atopar novas estruturas soterradas. Atópase ademais nunha zona de grande valor natural e paisaxístico, con impresionantes vistas sobre o Miño. Xa que logo, amosa unha moi boa potencialidade patrimonial, tanto a nivel de coñecemento arqueohistórico do pasado de Castrelo como de rendemento sociocultural e turístico do mesmo”, explicou Fermín Pérez. Castrelo de Miño non conta con ningún xacemento arqueolóxico escavado e que poida ser musealizado e visitable a curto ou medio prazo.

As actuacións e traballos concretos previstos dentro do proxecto que levará a cabo o GEAAT consisten nunha primeira campaña de intervención arqueolóxica de campo (limpeza, desbroce e sondaxes valorativas), no levantamento planimétrico e topográfico exhaustivo do conxunto do castro, na prospección arqueolóxica da contorna, no estudo de estruturas e materiais e na realización de actividades de difusión e dinamización cultural complementarias. As tarefas comezarán cos traballos de limpeza de determinados sectores do castro, que ten unha extensión aproximada de dúas hectáreas, especialmente aqueles colonizados por vexetación invasiva. Continuarán coa limpeza e rexistro de estruturas rupestres visibles mediante fotogrametría dixital terrestre 3D. Estas estruturas rupestres localízanse pola ladeira oeste e suroeste da croa, ocupando pequenos espazos ou aterrazamentos entre os batolitos graníticos da zona. As estruturas consisten en rebaixes ou cortes da rocha natural, combinados nalgúns casos con vestixios de muros de mampostería. Segundo explican os arqueólogos, distínguense “pías, redondas ou cadradas, canalizacións de drenaxe e, especialmente, espazos rectangulares de meirande tamaño que deben corresponder a antigas estancias ou habitáculos do castro”. Entre estas estruturas rupestres destaca a presenza dun lagar, “ben identificado pola cubeta de decantación e polos rebaixes onde encaixaría a desaparecida trabe e contrapeso de prensión”.

Aplicarán a política de “aberto por obras” durante as escavacións

Tamén se realizará unha escavación arqueolóxica naqueles sectores do castro que amosan potencia estratigráfica “suficiente e adecuada”, segundo indican os responsables do proxecto. A previsión é realizar cando menos tres sondaxes en arredor de 60 metros cadrados, adaptando a forma e orientación das sondaxes ás circunstancias concretas de cada sector. Polo que se refire á prospección arqueolóxica da contorna do castro, o obxectivo será “localizar e catalogar os xacementos arqueolóxicos próximos e sensiblemente coetáneos co castro, especialmente os asentamentos habitacionais e explotacións auríferas romanas”.

 Complementariamente á realización do proxecto levaranse a cabo actividades de difusión e dinamización cultural. Deste xeito seguirase a política de “aberto por obras” durante a intervención de campo, con atención diaria e visita guiada gratuíta ao público visitante. Está prevista cando menos unha visita guiada específica para a poboación local, preferentemente durante os últimos días da intervención, e a organización dunha charla ou conferencia informativa no local social do Concello de Castrelo de Miño destinada á presentación e divulgación pública dos principais resultados do proxecto. Unha vez rematada a intervención, o traballo continuará no laboratorio, onde se procederá ao estudo convencional dos restos mobles (lavado, siglado, inventario e debuxo), á realización de analíticas se fosen precisas e á elaboración e interpretación de todos os datos obtidos con vistas á redacción de informes, memorias e publicacións científicas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.