Sábado 20 Abril 2024

Operación ántrax no río Miño

Axentes alemáns montan unha antena radiotelegráfica no monte do Castro, en Vigo, en 1918.
Axentes alemáns montan unha antena radiotelegráfica no monte do Castro, en Vigo, en 1918.

España non participou oficialmente na I Guerra Mundial, pero se converteu nun dos principais campos de batalla da espionaxe na retagarda. Galicia, pola situación estratéxica dos seus portos, viviu con intensidade as operacións de intelixencia da Triple Alianza e da Triple Entente. Os axentes dedicaron grandes esforzos a abastecer ós submarinos alemáns ou a informar sobre o movemento nos principais portos. Tamén, a garantir ou tentar sabotar as comunicacións, ben a través da liña telegráfica do Cable Inglés, ben cos sistemas de radiotelegrafía instalados polos alemáns por exemplo no monte do Castro, en Vigo. O que é menos sabido desta guerra soterrada é que o país estivo a piques de vivir tamén a guerra bacteriolóxica en primeira liña. Un xeito de empregar a ciencia para fins ominosos.
Os axentes alemáns, ingleses e franceses asentados en Galicia desenvolveron a súa guerra sucia dende 1914 a 1918. Unha das súas misións era sabotar os intereses inimigos en España. Nomeadamente, buscouse boicotear a exportación de materias primas, medicinas ou alimentos.
Especialmente activa foi Alemaña, que contaba co “Servizo S“, encargado en exclusiva da sabotaxe e tamén da guerra biolóxica. Segundo conta o historiador Eduardo González Calleja na súa obra “Nidos de espías” (Alianza Editorial, 2014), o Servizo S enviou a través dos portos galegos cargamentos de xermes patóxenos, como o ántrax, destinado a infectar o gando, en especial aos cabalos que podían ser enviados á fronte de combate aliada.
O investigador recolle na súa obra un telegrama datado o 7 de xuño de 1916, e interceptado por Francia, no que un axente propoñía contaminar con cólera os ríos da fronteira entre España e Portugal, incluído o Miño. Aínda que, finalmente, o plan foi desbotado por Berlín, a operación estaba completamente definida para crear unha epidemia en Galicia e o norte portugués, un brote de cólera que tería sido catastrófico para a poboación. O ántrax e o mormo empregaríanse contra os animais.

O ántrax podía contaminar cabalos e bois e evitar o seu uso polo inimigo

Os espías alemáns recibían “frascos de xabón marcados coas letras ‘E’ (Equus) e ‘B’ (Bos), que en realidade agochaban axentes de ántrax e mormo para infectar a cabalos e bois destinados á exportación”, afirma González Calleja. O telegrama do 7 de xuño de 1916 suxería “contaminar os ríos da fronteira hispano-portuguesa con bacilos de cólera para pechar as comunicacións entre Portugal e os aliados”.
Os alemáns empregaron submarinos para trasladar os axentes patóxenos dende Berlín. Está documentada a escala en Cartaxena do U-35, que o 16 de febreiro de 1917 entregou aos espías xermanos doce caixas de terróns de azucre que contiñan cólera. A idea era disolvelos en auga e botar a contaminación en pozos, canles de auga, e ríos. O profesor Kleine, experto en patóxenos ao servizo do Káiser, emitiu un informe relatando que “con dúas ampolas deste cultivo poderíase realizar unha contaminación moi ampla”. Por sorte, as autoridades de Berlín desbotaron a sabotaxe bacteriolóxica por principios morais, aínda que si se fixo en outras zonas como en Finlandia, onde provocaron terribles brotes de ántrax entre os cabalos do país, para evitar que foran utilizados polo exército ruso.

Mata Hari estivo en Vigo, aloxada no hotel Continental, durante a Gran Guerra.
Mata Hari estivo en Vigo, aloxada no hotel Continental, durante a Gran Guerra.

Galicia librouse da guerra bacteriolóxica, malia que os axentes alemáns xa tiñan nas súas mans os patóxenos para provocar un desastre nos animais e nas persoas en toda a área do río Miño.
Porque no país había unha intensa actividade de espionaxe. Os axentes secretos actuaban sobre todo nos portos de Vilagarcía, A Coruña e Vigo. A súa misión principal era sinalar a entrada e saída de buques. Os aliados podían así planificar as súas rutas. E os alemáns, fixar obxectivos para os seus submarinos U-boot. “Había xente que estaba dedicada case en exclusiva a ver os barcos que entraban, o cargamento que levaban e como se chamaban”, como explica o investigador José Antonio Tojo Ramallo. A súa información era moi valiosa. En catro anos de contenda, case 400 buques foron afundidos en augas galegas.
González Calleja afirma que o ambiente xeral nas cidades galegas era partidario de Alemaña: “A maior parte das autoridades militares eran xermanófilos, e algunhas netamente antifrancesas”. Había, non obstante, unha forte corrente anglófila radicada na Coruña e, sobre todo, en Vigo, polas súas oficinas do Cable Inglés.
Mesmo a famosa Mata Hari estivo aloxada en Vigo durante a contenda, tras desembarcar no seu porto. Pero estas anécdotas puideron desembocar nunha traxedia, con Galicia convertida en obxectivo da guerra bacteriolóxica. O sentido común impúxose en Berlín e a operación para botar ántrax e cólera no Miño foi cancelada polo sinistro Servizo S. Pero houbo un plan para sementar de ántrax o río Miño. Que tería arrasado gando e seres humanos na I Guerra Mundial.

Publicidade

2 COMENTÁRIOS

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Revelan o mecanismo molecular que activa a toxicidade da bacteria do cólera

Un equipo de científicos de España e EE.UU. descubriron a estrutura atómica da proteína ToxR unida ao ADN

Epidemias activas en 2022: como combater os gromos?

Ademais da sida e da covid-19, nestes momentos hai gromos epidémicos doutras seis infeccións humanas: gripe, VRS, polio, ébola, varíola do mono e cólera

Gastroenterite, non cólera: estes son os motivos polos que se confudiu o caso de Toledo

A microbióloga María Tomás asegura que houbo unha "sospeita razoable" porque as doenzas están causadas pola mesma bacteria

Así se loitou contra o cólera na Galicia do século XIX

O Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación de Pontevedra impulsa unha exposición virtual cos expedientes sanitarios da época