Xoves 25 Abril 2024

Os seis porquiños que revolucionaron a gandería galega

O investigador Miguel Odriozola trouxo de Inglaterra a Pontevedra en 1931 seis cochos ’Large White’ para a súa rolada experimental

Un día de febreiro de 1931, atracaba no porto de Vigo un transatlántico do que desembarcaba un home acompañado de seis porquiño. Era o veterinario Miguel Odriozola, un sobranceiro científico, bolseiro en Cambridge e adscrito á recentemente creada Misión Biolóxica de Galicia, centro de investigación agropecuaria que nacera en Pontevedra no ano 1921. Hoxe, os descendentes daqueles seis marranchos poderían contarse por millóns. Porque foron a orixe da ‘piara científica’ que Odriozola desenvolveu coa raza inglesa Large White, cruzándoa con liñaxes galegas para mellorala e conseguir o mellor porco de cría do país. Polo menos vinte mil daqueles leitóns foron vendidos aos gandeiros galegos ata que a piara foi desartellada en 1987. Esta é a historia dun rabaño experimental que revolucionou a gandería porcina en Galicia.

Esta aventura científica ten un protagonista: o veterinario Miguel Odriozola Pietas, nado en Vitoria en 1903, experto en xenética animal que foi un das grandes fichaxes da Misión Biolóxica, centro de investigación que hoxe pertence ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Publicidade

Tras incorporarse en xaneiro de 1929, Odriozola foi enviado a unha estadía de investigación na Agricultural School de Cambridge, onde estudou o metabolismo do gando porcino. Ao seu regreso a Pontevedra, o director da Misión, o enxeñeiro agrícola Cruz Gallástegui, encárgalle adquirir unhas parellas de porcos da raza Large White, apenas coñecida en España pero que xa tiña gran fama pola súa facilidade de cría e a súa produtividade. Con 10.000 pesetas marchou Odriozola a Inglaterra e, no mes de febreiro de 1931, desembarcaba no porto de Vigo con dous machos e catro femias, das cales tres xa estaban preñadas. Moitos dos porcos que se criaron en Galicia no último século son descendentes deses seis animais orixinarios.

A piara da Misión Biolóxica de Galicia foi crecendo, con sucesivos cruces coa raza autóctona ata acadar un gando porcino galego substancialmente perfeccionado. Ademais, a súa condición de piara pechada foi un fito veterinario mundial, que para 1959 estaba considerada como a máis antiga do mundo, só superada pola da raza Poland, nunha granxa experimental en Iowa, nos Estados Unidos.

Edificio Odriozola na Misión Biolóxica de Galicia.

En 1940, construíronse no pazo de Salcedo, sede da Misión Biolóxica de Galicia, uns cortellos especiais para acoller a piara científica. De alí ían saíndo os porquiños mellorados xeneticamente por sucesivos cruces e que máis tarde se vendían aos gandeiros. Calcúlase que, nos máis de cincuenta anos que viviu esta piara experimental vendéronse máis de 20.000 marranchos, moitos dos cales son antepasados dos porcos de cría actuais en toda España. Pouca xente é consciente de que a orixe de boa parte da gandería porcina actual está naquela pequena corte de porquiños.

“O reto da piara de Salcedo foi perpetuar unha mostra de poboación estranxeira de alta calidade”, explica José María Malpica, investigador da obra de Odriozola, quen engade que “a intelixencia e tenacidade de Odriozola permitiron sortear os maiores riscos da depresión consanguínea. Grazas a iso, miles de porcos Large White puideron ser proporcionados a gandeiros galegos e do norte de España. Este labor tivo unha extraordinaria importancia entre 1939 e 1955, período de guerra mundial e postguerras autárquicas, no que foi imposible a importación” e o desenvolvemento da gandería.

Durante os primeiros doce anos de vida da piara, Odriozola publicou numerosos estudos sobre aqueles porcos Large White. Defensor da ciencia aplicada, tamén pronunciaba conferencias, dirixidas aos propios gandeiros, algunhas con suxestivos títulos como “Eclipse do experimento”, onde criticaba ao “sabio que perde de vista que a xustificación do que el elabora está en que alguén, algunha vez, poida aplicalo”. Desa época son as súas publicacións “O gando de porca da Misión Biolóxica de Galicia”, “Notas sobre a alimentación de porcos”, “Moitas crías ao destete ou menos crías con máis peso individual”, “Plan de mellora do gando porcino”, “Arredor dunha piara pechada”, e “Millo, cebada e arroz na alimentación de porcos”.

Porcos da piara científica de Odriozola.

Orgulloso da súa piara científica, Odriozola publicou tamén artigos de divulgación, como o titulado “Os sete francos visitantes”, no que fabula a visita duns gandeiros e un economista á Misión Biolóxica de Galicia, onde van facendo preguntas sobre os porcos Large White. Respóndelles un personaxe que se identifica como ‘O Acompañante’ e que evidentemente é o propio Odriozola, un pouco molesto polas preguntas ás veces absurdas que lle formulan os visitantes.

Por exemplo, pregúntanlle se non sería máis barato importar estes porcos de Inglaterra todos os anos. E responde reivindicando a ciencia feita no país: “É dicir, vivir de prestado sempre e sen saber que vale o prestado. Máis que de independencia económica, trátase aquí da autonomía xenética. E, se o mundo se internacionaliza, achegariamos algo”, escribe.

Tamén defende o papel que os propios gandeiros teñen na mellora das razas porcinas e en difundir o seu experimento: “Esta piara aspira só a ser o núcleo. Nun sistema ‘sindical’, as asociacións de gandeiros deben constituír piaras ‘multiplicadoras’, que coa materia prima dos reprodutores cedidos pola Misión –e xa sen complicacións experimentais- producirán á súa vez reprodutores en número suficiente para abastecer a demanda do país”.

Odriozola non se detivo tras o seu éxito coa raza Large White e tamén foi chamado polo Instituto Nacional de Colonización en 1945 para tentar a mellora do porco ibérico, sen deixar de asistir aos seus pupilos da Misión Biolóxica de Galicia. Da súa nova liña de investigación naceu a piara de porcos ibéricos máis selecta do mundo, que foron criados na Finca del Dehesón del Encinar, unha explotación que aínda existe, radicada preto de Talavera de la Reina, en Toledo. Escolleu para aquel novo reto, tras moitos rastrexos, catro orixes de soleiras distintas, dúas de porcos retintos portugueses (Ervideira de Évora e Caldeira de Elvas) e as outras dúas, de porcos pretos lampiños estremeños (Campanario e Poboa). Desde a súa fundación en 1945, aquela piara mantivo o illamento reprodutor e permitiu a maior investigación realizada nunca sobre o porco ibérico, ao tempo que revolucionou a súa cría coa venda de máis de 40.000 exemplares reprodutores.

Neste segundo grande experimento de Odriozola, o veterinario tivo que enfrontar o gran reto de crear unha auténtica ‘Arca de Noé’, cando a epidemia de peste porcina africana nos anos 60 do século pasado ameazou á súa piara, que trasladou a unha illa das marismas do Guadalquivir para illala e preservala durante uns anos.

Certificado dos porcos Large White da MBG en Pontevedra.

Mentres tanto, nunca abandonou á súa piara científica de Large White en Pontevedra, que se mantivo ata o ano 1987, cando se extinguiu esta liña de investigación ao xubilarse o último discípulo de Miguel Odriozola. Finalmente, os porcos foron sacrificados, aínda que os seus resultados xenéticos consérvanse en Madrid nun departamento do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria (INIA), tamén pertencente ao CSIC.

Actualmente, un edificio de laboratorios da Misión Biolóxica de Galicia leva o nome de Miguel Odriozola, en homenaxe aos seus importantes estudos, que revolucionaron a gandería de Galicia, como antes fixo Rof Codina definindo á vaca rubia galega, ou como o fixo na agricultura o propio Cruz Gallástegui cos seus estudos para a mellora do millo.

A Misión Biolóxica de Galicia, en Pontevedra, cumpriu en 2021 cen anos. E a súa historia é a de grandes fitos científicos para a agricultura e a gandería do país. Como aquela piara científica da raza Large White, traída en barco desde Inglaterra hai 90 anos. Aqueles seis porquiños que desembarcaron con Odriozola no porto de Vigo e cuxos descendentes habitan hoxe os cortellos por todo o país…

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Catro galegos proban o primeiro fármaco contra o fígado graxo nun ensaio clínico pioneiro

O tratamento, que acaba de ser aprobado en Estados Unidos, pode tardar dous anos en estar dispoñible en España

Catarreira, friaxe, peleira… As 12 palabras galegas para referirse ao arrefriado

O proxecto ALGa do Instituto da Lingua Galega permite coñecer as variantes léxicas deste estado patolóxico

O sector galego das TIC suma 23.000 empregos directos, 4.000 no último lustro

A facturación medra preto dun 14% e achégase aos 3.700 millóns de euros

Estamos máis preto da detección precoz do alzhéimer?

A través dos biomarcadores podémonos adiantar á aparición das enfermidades vinculadas á vellez