O Marabú, recibido en Panxón por curiosos e autoridades.

O voo do ‘Marabú’: as primeiras fotos aéreas de Galicia

O aeroplano aterrou en Vigo e A Coruña en 1927 co proxecto dunha liña aérea entre Galicia e Portugal que ligase con Madrid e Sevilla

En 1927, aterraba na praia de Panxón, na ría de Vigo, o avión que tomaría as primeiras imaxes aéreas de Galicia. Era o ‘Marabú‘, un Junkers que participara na guerra de África e reconvertido agora para a primeira liña aérea regular entre España e Portugal. O fotógrafo Pacheco subiría ao día seguinte para retratar a cidade de Vigo. Días máis tarde, tomaría terra na praia de Santa Cristina, espertando a admiración dos coruñeses. Aquela viaxe propoñía unha ruta aérea entre A Coruña, Vigo, Oporto e Lisboa. Xa daquela a coordinación aeroportuaria non funcionou… e o proxecto fracasou. Pero quedan as súas fotos.

El Pueblo Gallego conta a chegada do avión: “Onte chegou a Vigo aterrando na praia de Panxón o avión Marabú da Unión Aérea Española. Eran as once da mañá cando o paxaro metálico pasou sobre a cidade, facendo algunhas evolucións a voo baixo, que foron contempladas por moita xente. Aos poucos segundos, o avión tomaba terra na praia de Lourido, continuación da de Panxón”.

Foto aérea de Vigo tomada por Pacheco en 1927 a bordo do Marabú.

A bordo do aeroplano van o marqués de Quintanar e José M. Espinosa, ambos da Unión Aérea Española. O piloto é José María Ansaldo e o copiloto Mario Álvarez, que tamén actúa como mecánico. “O Marabú é un avión moderno, marca Junker, cun motor de 200 cabalos. Mide 14 metros de longo e 9 de envergadura”, relata o diario: “Ten unha cabina detrás dos asentos do piloto e o mecánico, con capacidade para catro persoas, e detrás desta cabina, un departamento de equipaxes. Está todo recuberto de ferro metálico e no oco das grandes ás leva os depósitos de esencia”.

O avión pode amarar engadíndolle uns flotadores. E ten a súa historia, porque participou na evacuación de feridos durante a guerra de África. É da metade de tamaño que o de nove pasaxeiros que a Unión Aérea Española utiliza nas liñas Madrid-Lisboa e Lisboa-Sevilla, recentemente estreadas.

O alcalde de Vigo, Alonso Cuenca, recibe aos aviadores en Panxón, dende onde son trasladados a Vigo en automóbiles, mentres unha parella da Garda Civil queda vixiando a aeronave.

Noticia en El Pueblo Gallego.

Ao día seguinte, fará os voos sobre a cidade que marabillan aos vigueses e nos que participa Pacheco para retratar Vigo por primeira vez desde un avión. “Pola súa estrutura urbana, é Vigo unha das cidades que máis interesantes aspectos ofrece para ser tomada fotográficamente desde avión”, explicaba o xornalista en 1927: “A multitude abigarrada de edificios, das máis caprichosas liñas xeométricas, formando un intenso fervedoiro de actividades e dinamismos, presenta as suxestivas perspectivas que reproducimos nesta páxina”.

Con este texto acompañábase a primeira foto de Vigo tomada desde un aeroplano, no Libro de Ouro de Galicia, unha publicación entre o xornalismo e o almanaque de promoción turística.

A crónica desfaise en eloxios á afouteza do fotógrafo por elevarse nos ceos: “Pacheco, tan xenial fotógrafo, como ‘valente cidadán’, desprezando perigos, remontou na aeronave para captar esta modalidade da fermosa poboación marítima, abrazada á súa baía incomparable”.

Pero a visita ten un obxectivo máis ambicioso. “O obxecto desta viaxe é o de estudar sobre o terreo as condicións de aterraxe” para facer unha liña aérea entre A Coruña, Vigo e Porto, para enlazar en Lisboa cos avións da liña Lisboa-Sevilla e Lisboa-Madrid, explica El Pueblo Gallego.

Foto de Santa Cristina tomada dende o Marabú.

“A importancia desta liña é verdadeiramente transcendental. Por este medio Galicia terá unha rápida comunicación coas principais cidades da península”, afirman. A duración da viaxe “contando o tempo que pode perderse nas aterraxes”, será dunhas seis horas. “As vantaxes desta liña non se limitarán soamente á rápida comunicación con Lisboa e Madrid, senón tamén ás das cidades do litoral galego”, engaden.

O Concello de Vigo dá aloxamento ao marqués de Quintanar no pazo da Pastora e aos demais tripulantes son instalados no hotel Moderno. Esa noite, ofrécese unha cea de gala no hotel Moderno, presidida polo alcalde. Aos brindes, o marqués de Quintanar proclama que, a partir desta visita do Marabú, “Vigo contará con rápida comunicación aérea co centro de España e, por ligazón, con toda Europa e, se o proxecto progresa, Vigo só estará separado de Madrid por catro ou seis horas de voo”.

Autoridades e tripulación do Marabú. Foto en Vida Gallega.

Dous días máis tarde, o Marabú voa ata a praia coruñesa de Santa Cristina, onde tamén é recibido por unha multitude abraiada, xunto coas autoridades da cidade. Alí tamén tomarán algunhas fotos, pero non da cidade herculina no seu conxunto, senón da propia praia de Santa Cristina e do seu litoral. Pero o marqués de Quintanar será igualmente agasallado e paseado pola corporación, encantada coas promesas dunha comunicación aérea regular para Galicia. Pero o ‘paxaro metálico’, como dicía o cronista, quedaría só en promesas. Non habería avión, pero quedan as súas fotos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.