Venres 19 Abril 2024

O profesor que trouxo a Galicia a froita que sabe a gloria

Un exemplar mestre de escola, José Sánchez García, legounos un pequeno milagre: o mirabel. Este froito emparentado coa ameixa segue a ser unha rareza en toda a Península Ibérica. A súa produción restrínxese a Galicia, concretamente ao Baixo Miño. É moi popular nas rexións fronteirizas entre Alemaña e Francia. E ten a consideración dunha auténtica delicatessen no mundo das froitas. Pero aquí aínda sería un perfecto descoñecido se non fose polo traballo dun profesor que rematou fundando unha marca de calidade lendaria: A Rosaleira.

Sánchez comezou cunha horta escolar e rematou fundando ‘A Rosaleira’

Cando, en 1936, chegan ás mans de José Sánchez as dúas primeiras plantas de mirabel, o noso protagonista é xa un experto en horticultura. Era natural de Soria, moi preto da localidade rioxana de Calahorra, famosa polas súas conservas vexetais. E vivía no Rosal, onde tiña a súa praza como profesor na escola  de Fornelos. Alí, en 1922, Sánchez decidiu incorporar a agricultura como materia académica. Nesa época, os estudos agrícolas están moi de moda. Abonda dicir que, un ano antes, en 1921, viña de fundarse a Misión Biolóxica de Galicia, hoxe pertencente ao Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC).

Publicidade

Unha experiencia didáctica

O profesor Sánchez quere que os seus alumnos se acheguen á agricultura dende unha perspectiva científica. Combinaba as clases teóricas cunha hortiña escolar, onde os alumnos plantaban hortalizas nos primeiros cursos e, a partires de 1923, incorporou leguminosas e cereais. Xosé M. Malheiro Gutiérrez, nunha monografía sobre a historia das escolas en Galicia, describe o éxito do proxecto: “Alternaba o estudo teórico na aula coa práctica agrícola na horta (…) Cada un coidaba da súa propia parcela, acoutada por lindes de pedra, e asumían responsabilidades individuais, aínda que facendo a repartición de froitos de xeito comunal (…) Deste xeito, interiorizaban nocións relacionadas coa produción agrícola, vivenciaban in situ, experimentando fisicamente a aplicación do aprendido e interiorizaban o valor das tarefas compartidas traballando en equipo”.

Non hai dúbida de que aquela horta escolar do Rosal transmitía coñecementos, pero tamén valores. E tiña unha función engadida: “Ademais do obxectivo educativo, estas prácticas agrícolas contribuían á mellora do sistema alimenticio dos rapaces”.

A variedade ‘siriaca’ da prunus doméstica só se cultivaba na rexión da europea da Lorena

Sánchez apoiábase en libros da época como “A Viña” ou “Economía e arte de aboar os cultivos en Galicia”. E mesmo animaba os seus alumnos a realizar experimentos, con novos enxertos, cambios no réxime de rego e aboamento, e outras actividades propias dun momento no que a horticultura estaba de moda.

Pero, con ser valiosa, non foi a horta escolar o que cambiou a vida de Sánchez García. Senón o día de 1936 en que alguén -din que un veciño que era mariño mercante- lle trouxo dende Alemaña unhas plantas cuns pequenos froitos, semellantes ás ameixas. Era a variedade “syriaca” da prunus domestica. Unha gloria para o padal que xamais antes se producira en España.

Sánchez iniciou o cultivo do mirabel, no Rosal, unha zona lindante co Miño á que sempre se atribuíu un microclima. Aquela planta, que só se daba na rexión francesa de Lorena, arraigou con forza. E o propio profesor decidiu meterse a empresario.

Empresa conserveira

Fundou primeiro a marca “Doces de froita do Rosal” e, en 1940, “A Rosaleira“. Comezou enlatando tomates e doces de froitas en conserva. Máis tarde incorporou os feixóns e a “zaragallada” para encher as empanadas. Os famosos grelos non chegarían á empresa ata 1960, xa morto o fundador 12 anos antes, en 1948.

O mirabel converteuse nun éxito a longo prazo. Nunha carreira de fondo. Ata que foi tomando O Rosal como un dos seus cultivos estrela. E incorporado á lata de conservas.

Hoxe, os produtores de mirabel do Rosal e a Consellería de Agricultura traballan xuntos para conseguir a declaración como Zona Xeográfica Protexida, que concede a Unión Europea. E xa ten saída como produto fresco, cunha comercialización que se quintuplicou en cinco anos.

Actualmente, a marca que fundou Sánchez, A Rosaleira, continúa en marcha, agora baixo o control do grupo Terras Gauda. E seguen a comercializarse en lata os mirabeles, convertidos nun auténtico produto “gastrónomo”.

Pero este raro estranxeiro, descoñecido hai un século en toda a Península, non tería prendido en Galicia sen o traballo de José Sánchez García, un mestre de escola nacido en Soria e que, como o mirabel, encontrou un lugar onde botar raíces no Rosal.

3 COMENTÁRIOS

  1. Eu conheci-os na Vila (Santa Marinha de Águas Santas) que os tinha o senhor Germe, que em paz descanse.
    Depois vi-os no Rosal.
    Estraviz

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Que é a lexionela? A bacteria que agroma en Galicia e Portugal sen que se coñeza o foco

O bacilo deixa 18 casos no Rosal, A Guarda e Caminha. Secuenciaranse mostras para determinar se existe relación entre os gromos

Sanidade estende as restricións a outros seis concellos por mor da Covid-19

A presenza do coronavirus leva a tomar novas medidas nos municipios de Laxe, Lalín, A Guarda, O Rosal, Vilaboa e Poio

Un mestre de escola que trouxo a Galicia o mirabel

O profesor da escola do Rosal José Sánchez importou este froito que en Europa só se cultiva nunha rexión entre Francia e Alemaña

Un experimento con 231 familias revela que a dieta galega diminúe o colesterol

Galiat 6+7 presenta as conclusións do seu ensaio clínico sobre alimentación atlántica