Martes 19 Marzo 2024

O espectacular mapa de Galicia de Nicolás de Fer

O gran cartógrafo francés trazou Galicia a comezos do século XVIII e deixou este abraiante mapa que inclúe detallados os portos da Coruña e Vigo

No ano 1666, o Rei Sol, Luís XIV , toma unha decisión crucial para colocar a Francia no centro do mundo: crea a Academia de Ciencias, na que desde os seus primeiros anos estaban integradas figuras como Pascal, Fermat ou Descartes. Ao principio, facían reunións informais na biblioteca do monarca para prestarlle o seu asesoramento. Pero, a partir de 1699, a Academia formalízase e trasládase ao Louvre. E será esta asemblea de sabios a que conseguirá situar a París na vangarda da ciencia durante moitas décadas, dobregando en sobranceiras disciplinas á súa veciña Inglaterra.

A xeografía é unha das ciencias nas que Francia toma vantaxe. A París van aprender os grandes cartógrafos do mundo, alí remata por poñerse a marca do meridiano cero e alí abrazan por primeira vez o sistema métrico decimal.

Publicidade

Retrato de Nicolás de Fer.

Entre os primeiros grandes cartógrafos que deu o século XVII en Francia hai que destacar a Nicolás de Fer, que chegou a ser titulado Xeógrafo do Rei ata a súa morte en 1720. Gravador e gran debuxante desde os 12 anos, herdou do seu pai un negocio de comercio de mapas. E, ao longo da súa vida, publicou máis de 600 cartografías nas que, por primeira vez na historia, indexa un mapa, engadíndolle unha listaxe numerada de entradas onde sinala puntos xeográficos ou achega información sobre eles.

O mapa en maior resolución.

A súa grande obra foi o “Atlas Curieux où le Monde représenté dans les cartes générales et particulières du Ciel et da Terre” (Curioso Atlas, onde se representa o mundo nos mapas xerais e particulares do ceo e da Terra) onde reúne algunhas das súas mellores cartografías, que percorren Europa ademais de América, incluíndo illas como Santo Domingo, Xamaica e Martinica.

Moitas das súas creacións representan as conquistas do Rei Sol, quen se amosa encantado cos servizos de De Fer. Cando, en 1700, publica un mapa indexado de Londres con todo luxo de detalles, podemos imaxinar a emoción de Luís XIV, quen xa pode soñar con vencer aos británicos e poñer un Versalles sobre o Támesis.

De Fer é o autor dos primeiros mapas indexados da historia

Nicolás de Fer non esqueceu Galicia nos seus trazados. E publicou un espectacular mapa datado en 1702, o mesmo ano da batalla de Rande, que amosa o país xunto a dous retratos diferenciados cos portos de Vigo e da Coruña.

Arriba, na cartela en cornucopia, vemos a firma de De Fer. Galicia aparece coas súas montañas sombreadas, os seus ríos principais e a toponimia local en castelán cos grandes rótulos en francés. Ademais, á dereita está situada a ría de Vigo e o porto da Coruña. A carta náutica coruñesa está orientada ao sur e é máis pequena. A de Vigo etá orientada ao Oeste, reflectindo claramente as illas Cíes, Baiona, a punta de cabo Home, o estreito de Rande e a enseada de San Simón.

Mapa de Londres trazado por De Fer.

Para a súa época, a comezos do século XVIII, estamos ante un mapa moi notable o mellor técnicamente posible nese tempo. Pero, máis tarde, outros superarán con fartura o trazado deste autor francés.

Mellorarao primeiro Cornide de Saavedra e, en 1784, farao sen dúbida Tomás López no seu mapa de Galicia, onde xa se observa no seu esplendor o procedemento científico. Pero López tomará o seu saber case un século despois, tras estudar na mesma Academia de Ciencias de París que se fundaba mentres Nicolás de Fer exercía como cartógrafo da súa Maxestade.

En París continuaron os xeógrafos na vanguarda mundial, desenvolvendo instrumentos xeodésicos e de medición do tempo que lles permitirían determinar latitudes e lonxitudes por cálculos trigonométricos. Finalmente, sería Domingo Fontán quen trazaría a Carta Xeométrica de Galicia, que é todo un fito, tamén influída pola espectacular escola cartográfica nada en París.

Así que aquí temos un mapa singular de Galicia, da Coruña e de Vigo. Deseñouno un gran cartógrafo francés dacabalo entre os séculos XVII e XVIII, Nicolás de Fer. Que en 1702 deixou o mellor trazado do país.

E aquí podes ler a historia do posterior mapa de Tomás López:

O espectacular mapa de Galicia do xeógrafo Tomás López

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

▪️ Galicia vivirá unha primavera “máis cálida do normal”

Segundo a AEMET, as temperaturas invernais estiveron 1,8 graos por enriba da media habitual para esta época do ano

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

▪️ As medusas chegan para quedar: “Cada vez haberá máis en Galicia”

Nos últimos días apareceron varios exemplares que puideron ser arrastrados polo temporal marítimo

Unha masa de aire subtropical elevará os termómetros en Galicia ata os 21 graos. Canto vai durar?

A partir do xoves agárdase a entrada de novas borrascas atlánticas que deixarán precipitacións no oeste da comunidade