O enigma do ADN dos tres uros da pastora Elba do Courel

Investigadoras da Universidade da Coruña analizan a xenética destes bóvidos de hai 9.000 anos para determinar a súa posible relación coas vacas de hoxe

Recreación da pastora Elba cos tres uros, marchando polo Courel.

Por Eva Rodríguez

Unha investigación na que participan científicas da Universidade da Coruña logrou secuenciar o xenoma mitocondrial máis antigo do devanceiro inmediato das vacas modernas analizado ata a data. Os restos, duns 9.000 anos, apareceron á beira dunha muller. Por que ían con ela, se aínda non se tiña domesticado o gando? Pertencen a antepasados das actuais vacas ibéricas?
Os humanos manteñen desde os seus inicios unha relación moi estreita cos uros (Bos primigenius).

Esta especie extinta de mamífero é pouco coñecida na Península porque os seus restos esqueléticos son difíciles de distinguir dos bisontes. De feito, en moitos xacementos cítase a presenza de “grandes bóvidos” ao non poder diferencialos. A escala europea tamén hai escaseza de datos xenéticos.

Un equipo internacional de científicos conseguiu extraer ADN mitocondrial de ruminantes de diversas épocas en Galicia. Entre eles analizaron restos de B. primigenius da cova de Chan do Lindeiro (Lugo). Estes restos atopáronse nunha sima xunto cos fósiles humanos da pastora do Courel “Elba“, cunha datación duns 9.000 anos de antigüidade. Os uros analizados non son os máis antigos descubertos, pero si son os máis antigos cuxo ADN mitocondrial se ten secuenciado ata o momento. Curiosamente, aínda que se atoparon xuntos, son xeneticamente moi diversos.

Recreación da pastora Elba, cuxos restos foron atopados no Courel.

“O seu achado na sima xunto cunha humana é un grande enigma. Vistas todas as evidencias, como a súa cronoloxía similar e o feito de que os ósos estean mesturados na base dun afundimento do terreo —a uns 15 ou 20 metros de profundidade—, nós pensamos que a muller e os uros ían xuntos. Esta interpretación é controvertida porque nesa época non se considera que houbese domesticación”, explica Aurora Grandal, investigadora da Universidade da Coruña e coautora do estudo que publica a revista PLoS ONE.

A análise do seu ADN mitocondrial non permitiu emparentar a estes tres uros coas actuais vacas modernas da Península. Para indagar nese posible parentesco, o seguinte que quere facer o equipo de investigadores é analizar o ADN nuclear.

Ata o de agora describíronse distintas variedades de uro, só baseándose na súa morfoloxía. Os tres que analizan neste traballo son do haplogrupo P, característico da especie. Con todo, diferéncianse uns doutros nun gran número de pares de bases [pezas que forman as secuencias xenéticas], algo rechamante para ser coetáneos. “Isto pode indicar que eran de procedencias diferentes, nun escenario no que a muller Elba tivese un papel activo; ou un trazo que simplemente reflectise unha altísima variabilidade xenética nos uros”, asegura a investigadora.

A orixe da domesticación de gando

O gando doméstico foi introducido na península ibérica polos primeiros poboadores e sociedades agrícolas. Debido á ausencia de xacementos neolíticos en Galicia, sábese moi pouco sobre o proceso nesta rexión. Para extraer información sobre a introdución desta gandería en Galicia, os investigadores tomaron mostras de 18 fósiles de gando vacún procedentes de distintas idades e de diferentes covas de montaña galegas, dos cales once foron sometidos á secuenciación do xenoma mitocondrial e á análise filoxenético.

O estudo dos tres uros revelou o seu parentesco cos doutras zonas de Europa. “Ao estudar o seu ADN mitocondrial, que se transmite case intacto de nais a fillos, podemos determinar en que zonas xeográficas predominaban as diferentes liñaxes e cales foron os seus movementos polo cambio das condicións climáticas ou polo propio ser humano tras o inicio da gandería”, di a SINC a paleontóloga e veterinaria Amalia Vidal, coautora do traballo na mesma universidade.

Fósiles dos tres uros empregados no estudo da UDC.

Grazas ao ADN é posible saber se os uros autóctonos contribuíron á gandería local ou, pola contra, se se trata de animais importados, “con toda a información que isto achega do movemento de poboacións bovinas e humanas”, continúa Vidal.

Os seus datos amosan unha estreita relación entre o primeiro gañado domesticado de Galicia e as razas de vacas modernas, e ofrecen unha visión xeral da filoxenia do gando. Os resultados do estudo indican que os colonos emigraron a esta rexión de España desde Europa e introduciron razas de vacas europeas agora comúns en Galicia.

Uros emparentados cos británicos

“Concretamente estes uros están máis preto emparentados co das illas británicas que cos exemplares centroeuropeos. O uro británico é máis recente que os de Galicia. Isto pode estar relacionado co papel da Península como refuxio glaciar e orixe da recolonización posterior das illas”, sinala Grandal.

Estes tres animais coetáneos son de talla pequena e cornos relativamente curtos en comparación cos do norte de Europa, e a súa morfoloxía é diferente.
Agora, o equipo de investigadores busca analizar o ADN nuclear dos tres uros, o que lles permitirá coñecer as posibles achegas destes individuos ao gando doméstico posterior. “Por exemplo, nalgunhas razas de vacas do norte de Europa pódense recoñecer fragmentos de ADN nuclear procedentes do uro británico. Isto demostra que houbo unha achega xenética de uros aos bovinos xa domésticos. Nós imos buscar posibles achegas dos nosos uros ás vacas ibéricas, actuais ou fósiles”, subliña Grandal.

Restos de Elba atopados na cova.

Nos últimos anos existe un interese crecente na comunidade científica por coñecer a orixe dos animais domésticos e hai gran cantidade de proxectos de reconstrución dos seus devanceiros. Un dos motivos é que se considera a estas especies máis rústicas e con mellor capacidade de adaptación a condicións ambientais duras.

“Os primeiros proxectos buscaban xerar fenotipos similares á especie que se trataba de recrear (como se fixo co bovino de Heck), pero os máis modernos tamén utilizan o ADN como fonte de información”, conclúe Vidal.

Devanceiros de touros e vacas

A organización social dos rabaños de uros suponse que era similar á dos seus descendentes vacúns domesticados: un só macho que é relevado por outro ao debilitarse e o seu grupo de femias. Os novos machos, cando alcanzan a idade adulta, non permanecen no grupo, as femias si. Deste xeito, o normal é que as femias dun mesmo grupo sexan parentes e que, por tanto, as súas liñaxes mitocondriais sexan similares.

A vaca doméstica procede da domesticación do uro, pero non na Península senón en Asia, concretamente en oriente Medio e a partir dun número reducido de uso. Así xurdiu a vaca doméstica, que logo se expandiu xunto cos humanos ata ocupar toda Europa. En Italia, algúns investigadores afirman que as vacas xa domesticadas tiveron achegas xenéticas de uros locais. Tamén nas illas británicas. A contribución de uros locais ás vacas obsérvase mellor no ADN nuclear e tense detectado nalgúns casos de razas do norte de Europa.

No norte peninsular, as vacas domésticas máis antigas teñen entre 7 a 6 mil anos aproximadamente.

Aquí podes consultar o artigo publicado en PLOS One

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.