Marty McFly (Michael J. Fox) chegará do pasado o vindeiro mércores, 21 de outubro de 2015. Así o recolle o filme ‘Regreso ao Futuro II‘, a segunda entrega da saga creada por Steven Spielberg e Robert Zemeckis. E aparecerá a bordo dun automóvil mítico, o Delorean DMC-12, un coche exclusivo que só foi construído durante dous anos: 1981 e 1982, ata que quebrou a compañía irlandesa construtora.
Grazas ao ‘condensador de fluzo‘, unha tecnoloxía que aínda non existe, Doc e McFly logran viaxar no tempo nesta película de culto. Pero calquera podería emulalos dende agora mesmo. E percorrer a autopista A-9, dende A Coruña a Vigo, a bordo dun auténtico Delorean DMC-12, que está a venda dende esta semana no concesionario XLCars Peninsular, S.L., situado no polígono de Sabón, en Arteixo. O prezo é de 24.500 euros.
O modelo, recén chegado, é do ano 1981, ten 100.000 quilómetros, un motor de 2.849 centímetros cúbicos e a clásica carrocería de aceiro inoxidable gris coas portas tipo ala de gaivota.
A compañía quebrou en 1982 tras ser acusado o propietario de tráfico de drogas
O Delorean DMC-12 é un modelo mítico pola película ‘Back to the future‘ e pola turbulenta historia da compañía fabricante. Fundada por John DeLorean en 1975, o seu único coche fabricado foi este modelo, que se converteu nun éxito de vendas, sobre todo nos Estados Unidos. Aínda que a empresa tiña a súa sede en Detroit, a fábrica estaba situada en Irlanda do Norte, grazas a axudas do goberno británico. Chegou a empregar a 2.500 traballadores. E o coche foi construído co volante á esquerda, para circular polos Estados Unidos, que eran o seu cliente principal. Agás tres modelos bañados en ouro, DeLorean sempre vendeu o DMC-12 sen pintar, coa cor natural do acero inoxidable. E empregaba pezas de fabricantes europeos como Renault ou Citroën, polo que aínda é sinxelo obter recambios para manter o coche, máis de trinta anos despois do seu lanzamento.

A compañía DeLorean quebrou en 1982, despois de que o seu fundador fora detido por tráfico de drogas, aínda que no xuízo posterior foi declarado inocente, xa que caeu nunha trampa. Sempre se sospeitou que o clúster do automóvil dos Estados Unidos estaba detrás da manobra, para eliminar a un emerxente competidor. O certo é que non houbo máis fabricación, aínda que os dereitos da marca foron comprados en 1997 por un empresario estadounidense.
Pero a sona internacional do DeLorean chegaría coa película ‘Regreso ao Futuro’. Aínda que foi producida en 1985, xa tres anos máis tarde da quebra da compañía, Steven Spielberg elixíu o DeLorean para que fora o coche co que viaxasen no tempo Doc e Marty McFly. Agora, calquera pode sentirse coma eles e conducir o mítico automóvil. Abondan 24.500 euros para ir a Arteixo, mercar o vehículo e sentirse viaxando no tempo pola Autopista do Atlántico.
Ainda esta o coche en venda?
Ten unha bonita foto indicando VENDIDO… 🙁 nin soñar pode un.
http://www.cochedeimportacion.es/xlcars/clasicos.php
Pon vendido un que datan en 1983. O de 1981 segue á venda, a estas horas
“unha potencia de 2.849 centímetros cúbicos”
Manda carallo.
Corrixido, grazas
😉