Venres 29 Marzo 2024

“Brilla por ti mesmo”: o consello milenario inscrito no Disco de Quiroga

Este crismón do século V foi atopado no século XIX como altar nunha igrexa e recolle unha fermosa cita en latín

É un consello milenario para a felicidade que permaneceu oculto durante séculos nunha ermida do oriente de Lugo. Porque o Crismón de Quiroga foi labrado nunha idade incerta no século V, pero non foi ata 1887 cando foi redescuberto, convertido nunha mesa de altar na que ninguén observou a inscrición que había debaixo.

O Disco de Quiroga ten case un metro de diámetro, 6 centímetros de grosor e pesa 120 quilos. Está construido en mármore branco grisáceo con vetas azuis, procedente probablemente dunha canteira en Lóuzara. E facía de altar na pequena igrexa de Nosa Señora da Ermida, en Quiroga, datada no século XII, pero non se sabe dende cando. O seguro é que é anterior ao propio tempo que lle deu acubillo durante case oito séculos.

Publicidade

No seu envés non ten inscrición ningunha, o que permitiu que pasara inadvertido para os fieis ata as obras realizadas no século XIX. Pero no frontal hai un escudo no que están as letras gregas khi (X) e rho (P) superpostas, correspondentes ás iniciais en grego de Cristo, precedidas da letra alfa e seguida da omega.

Pero o máis singular do Disco de Quiroga é o texto que rodea o escudo, inscrito entre dúas circunferencias labradas. E di o seguinte en latín: XP AVRVM VILE TIBE EST, ARGENTI PONDERA CEDANT. PLVS EST QVOD PROPRIA FELICITATE NITES. A tradución é un fermoso consello: “O ouro é vil para ti, as riquezas de prata abátanse. Máis é o que reloces pola túa propia felicidade”. O ouro, a prata e as riquezas non son o importante, di o autor: o importante é o que brillas por ti mesmo.

O investigador Jaime Delgado Gómez, sacerdote da diócese de Lugo e doutor pola USC, sostiña que o Crismón formou parte dun mausoleo erixido en honor dalgún nobre romano convertido ao cristianismo e que morreu preto da actual vila de Quiroga.

Outras interpretacións din que o crismón podía ser unha mesa ritual para os Pontífices da Gallaecia, e que podía ter fins adivinatorios, baseados nunha descrición do historiador romano Amiano Marcelino, que no século V falou dun ritual no que un trípode metálico sostiña o disco a modo de mesa e os presentes situábanse arredor dela. Unha esfera de vidro percorría o perímetro do taboleiro deténdose en cada letra sinalada. A repetición sucesiva da operación permitía a escritura da mensaxe ou resposta.

Se as súas funcións xeran diversas interpretacións, tamén hai dúbidas sobre a súa datación. O arqueólogo alemán Helmut Schlunk considerou que a peza sería dos anos 420 a 450 da era actual o que o fai xunto á tapa do sartego de Temes, en Carballedo, a representación máis antiga coñecida do cristianismo en Galicia.

Pero novas investigacións poñen en dúbida a datación do propio texto latino, que podería ter sido incorporado posteriormente, a partir do ano 600. O investigador José María Anguita Jaén, da Univesidade de Santiago de Compostela, publicou no ano 2011 unha monografía na que relaciona a frase coa obra do escritor latino Venancio Fortunato, que viviu entre 535 e 610, e que está considerado por algúns como o “derradeiro poeta romano” e, por outros, como o primeiro poeta medieval.

Anguita recoñece “que a análise epigráfica e estilística do crismón central e outros detalles deixaron asentado con certa seguridade que o Disco foi labrado en torno ao ano 400″, pero suxire que a inscrición latina sexa posterior en case dous séculos.

Dende o ano 1925, esta marabilla da antiga Gallaecia atópase no Museo Diocesano da Catedral de Lugo. E o que resulta indubidable é que o Disco de Quiroga acolle un consello para a felicidade que segue vixente tantos séculos despois: o importante non é o ouro. Tampouco a prata e as riquezas, senón o que brilles por ti mesmo.

1 comentario

  1. Fantástico artigo,veume a a cabeza a capela da miña aldea que ten un oco no dintel da porta a o palpar notanse letras.San Pedro da Espiñeira,concello de Curtis.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:16

P de Portugal: algo máis que irmáns (ata o século XII)

Cando morreu o rei García en 1090, o Reino de Galicia pasa a ser divido en dous condados separados polo río Miño

O portentoso despregue militar dos romanos: descobren otros sete campamentos en Galicia

O equipo Romanarmy achou os recintos a través da fotografía aérea e a tecnoloxía LiDAR, que escenea o territorio e filtra a vexetación

Galicia avanza para contar cos seus propios medicamentos CAR-T nos próximos anos

A finais de ano abrirá un centro de produción en Santiago e un proxecto de investigación traballa para aplicalos en tumores sólidos

Da Coruña a Roma en 80 días: un mapa interactivo recrea as viaxes no Imperio romano

ORBIS é unha ferramenta académica que pretende mellorar a comprensión de como funcionaba a gran escala o sistema romano