O naufraxio do Valparaíso, na prensa británica.

O naufraxio do Valparaíso, na prensa británica.

O afundimento do Valparaíso

O naufraxio deste moderno trasatlántico en 1887 deu a volta ao mundo, aparecendo en xornais de medio planeta

Foi un dos naufraxios máis mediáticos entre os vividos en Galicia. E acadou relevo internacional. De feito, a espectacular foto que ilustra esta reportaxe foi publicada pola revista británica ‘ The Illustrated London News’, na súa edición do 12 de marzo de 1887. Porque a noticia do afundimento do ‘ Valparaíso’ deu a volta ao mundo.

O buque era un dos mellores transatlánticos da súa época, propiedade da Pacific Steam Navigation Company ( PSNC),que foi a primeira navieira en utilizar a navegación a vapor no Pacífico. Aínda que en principio só operaba en portos americanos, en 1852 gañou o contrato para o correo do goberno británico e, en 1868, abriu unha ruta desde Liverpool ata o Callao, que tiña escala en Vigo.

O Valparaíso era un vapor-correo botado en 1873, cun rexistro bruto de máis de 5.000 toneladas e unha máquina de 700 cabalos. Tras a súa escala en Vigo, a súa ruta debía continuar cara a Lisboa, Pernambuco, Río de Janeiro, Montevideo, Bos Aires e o Pacífico, para concluír no porto peruano do Callao.

O sinistro do Valparaíso produciuse nun dos baixos máis temidos da ría de Vigo: as rochas situadas en Punta Borneira, fronte a Cangas do Morrazo. Eran as 22:30 horas do 28 de febreiro de 1887, cando se deu o aviso do accidente, no que se perdeu o barco e o seu rico cargamento, pero se salvaron os seus 118 pasaxeiros e os seus 96 tripulantes.

Páxina do London News.

Páxina do London News.

A noticia do naufraxio correu como a pólvora polos portos da ría. O transatlántico estaba encallado nas rochas e tiña importantes vías de auga. Decontado partiron pesqueiros de Vigo e Cangas, que foron rescatando ás persoas atrapadas a bordo. De madrugada, sumouse ao dispositivo de emerxencia a fragata HMS Iron Duke, que pertencía á escuadra inglesa que se atopaba refuxiada en Vigo eses días.

O buque de guerra fixo uso do seu potente foco eléctrico para facilitar os traballos. O práctico que acompañaba ao buque declarou máis tarde que o accidente se debeu a un erro propio: confundiu a luz do faro de Borneira coas luces dun buque británico, o que resultou no embarrancamento.

Ademais da pasaxe, o Valparaíso levaba a bordo un rico cargamento, que incluía raíles de ferro, estaño, barrís de viño e cervexa, algodón, ferramentas, conservas, cristalería e porcelana, ademais de caixas de alfaias, de xoguetes e diversos cofres cos aveños dos pasaxeiros. O valor da mercadoría estimouse nuns 16 millóns de reais da época, mentres outras fontes sinalan que o valor conxunto do buque e do material transportado supuxo unha perda á compañía de catro millóns de pesetas.

Desde o día seguinte ao naufraxio, mergulladores tentaron rescatar o cargamento, e tiveron éxito coas vaixelas que se conservaban nas cociñas, ademais de roupas e víveres, aproveitando que o buque quedou mergullado de popa pero sobresaía unha parte considerable.

Mentres os pasaxeiros e os tripulantes eran aloxados en Vigo, a conta da Pacific Steam Navigation Company, mesmo se falou da posibilidade de reflotar o transatlántico. Non foi posible e os seus restos están hoxe perfectamente localizados, grazas aos traballos realizados en 2009 por arqueólogos submarinos da empresa Argos.

Na mesma zona, atópase outro pecio ilustre da ría de Vigo: o cargueiro Southern Cross. Ambos os dous son hoxe destino para excursións de mergullo na ría de Vigo, por atoparse a pouca profundidade.

Así foi o desastre do Valparaíso en febreiro de 1887, nun dos naufraxios máis soados da historia da ría de Vigo. Un sinistro que ademais deu a volta ao mundo, sendo noticia en grandes diarios e revistas como na foto que encabeza esta reportaxe, publicada por ‘The Illustrated London News’.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.