Venres 19 Abril 2024

Novos achados revolucionan a conquista romana da Gallaecia

O grupo de investigación Roman Army publica un artigo cos 21 campamentos militares romanos que transforman a visión da presenza latina no Noroeste

O exército romano tivo unha presenza moito mais destacada, diversa e prolongada no noroeste da península Ibérica do que se coñecía ata o momento. 22 novos sitios militares romanos, algúns deles inéditos, revelan unha gran dispersión dos continxentes militares ao longo do territorio e, sobre todo, unha diversidade de operacións e misións que poden ir desde accións de combate, recoñecemento do territorio ou control policial.

Esta é a nova visión dos primeiros contactos militares de Roma co noroeste peninsular argumentada no artigo “The reassessment of the Roman military presence in Galicia and Northern Portugal through digital tools: archaeological diversity and historical problems”, que acaba de ser publicado no volume 19 (número 3) da publicación científica de referencia Mediterranean Archaeology and Archaeometry por parte de tres investigadores do colectivo romanarmy.

Publicidade

“A investigación permitiunos mapear unha serie e variedade de evidencias que resoan fortemente nun territorio previamente silencioso”, sinalan os investigadores José Manuel Costa (USC), Joao Fonte (Instituto de Ciencias do Patrimonio e Universidade de Exeter) e Manuel Gago (USC). Para eles, a análise do novo conxunto de datos “abre as portas a unha transformación radical das narracións históricas tradicionais relativas á conquista e integración destes territorios por Roma”.

Os novos mapas dos campamentos militares romanos na Gallaecia

Ata hai pouco, Galicia, o occidente de Asturias e o norte de Portugal considerábanse escenarios marxinais da conquista romana da península ibérica. A investigación, froito da combinación de diferentes técnicas de prospección e análise arqueolóxica realizadas nos últimos cinco anos, ofrece un escenario novo e radicalmente distinto, con 22 sitios militares romanos distribuídos en diferentes áreas do noroeste peninsular. Analizando parámetros de distribución, asentamento no territorio e a súa morfoloxía, os investigadores tentaron comprender a lóxica que seguen estes despregamentos militares.

Nesta ligazón podes acceder a resumos executivos da investigación en galego, español e portugués.

Unha ocupación temporal e axustada a continxentes militares
A hipótese ofrecida polos investigadores é que case todos os sitios arqueolóxicos analizados teñen unha ocupación temporal ou estacional de carácter militar romano, están moi adaptados ao terreo no que se rodean e con dimensións axustadas aos continxentes militares que acolleron.

Modelo dixital do terreo a partir de datos LIDAR de Alto da Pedrada (Arcos de Valdevez, Viana do Castelo). Infográfico: João Fonte. Fonte dos datos LiDAR: CIM Alto Minho.

Deste xeito, os investigadores identificaron cinco diferentes tipoloxías:

1) Recintos de pequenas dimensións (1,5-2,5 ha): a súa presenza revela a existencia de pequenas unidades de entre varios centos e algo máis de mil homes (2-3 cohortes, 100- 1500 homes) que operan no territorio. Nesta categoría entran campamentos como O Penedo dos Lobos (Manzaneda, Ourense), Cova do Mexadoiro (Trazo, A Coruña), Coto do Rañadoiro (Carballedo, Lugo) e Alto da Pedrada (Arcos de Valdevez, Viana do Castelo).

2) Campamentos de tamaño medio (4-7 ha): aloxarían varios miles de homes (ca. 2000-4000). Coma o grupo anterior, amosa a enorme versatilidade operativa do exército romano ao despregar vexilationes (destacamentos) cunha gran autonomía táctica. Neste ámbito atópanse os sitios arqueolóxicos de Cabianca (Láncara, Lugo), Campos (Vila Nova de Cerveira, Viana do Castelo), A Cortiña dos Mouros (Cervantes, Lugo / Balboa, León). O caso de Santa Baia (A Laracha, A Coruña) é moi chamativo pola súa proximidade á antiga cidade de Brigantium e debido a que o campamento foi disposto na zona exterior dun castro, acolléndoo no seu interior.

3) Grandes campamentos (de 10-15 ha de superficie): acollerían polo menos unha unidade numericamente equivalente a unha lexión (aproximadamente 6000 homes). Gran independencia operativa, ao xeito dunha brigada contemporánea. A maior parte deles están ubicados na zona oriental de Galicia (Monte da Chá e Monte da Medorra (Láncara/Sarria, Lugo), A Penaparda (A Fonsagrada, Lugo / Santalla d’Ozcos, Asturias), O Monte de Ventín (Pol, Lugo) e O Cornado (Negreira, A Coruña).

4) Recintos que superan con moito estas dimensións (aproximadamente 20 ha), podendo ter servido a auténticos corpos do exército (aproximadamente 10000-14000 homes). Localizamos entre o río Limia e o río Miño dous grandes recintos na Serra do Leboreiro/Laboreiro: Lomba do Mouro (Melgaço, Viana do Castelo / Verea, Ourense) e Chaira da Maza (Lobeira, Ourense). No caso de Lomba do Mouro, a existencia dunha segunda liña defensiva podería indicar unha necesidade dos ocupantes para fortalecer a posición da fortificación.

5) Castela ou fortificacións estacionais de pequeno tamaño. Aínda que o número, polo momento, é escaso, trátase dunha serie de recintos xa documentados noutros puntos do norte peninsular. Trátase de A Recacha (Navia de Suarna, Lugo), nas montañas orientais; Outeiro de Arnás (Verín, Ourense) controlando un bo tramo do val do Támega; e O Castrillón (Touro, A Coruña). A eles súmanselle outros asentamentos fortificados como Alto da Cerca (Valpaços, vila Real) e O Castelo (A Estrada, Pontevedra).

Varios escenarios, varios conflitos?

Sen pechar a porta a outras posibilidades interpretativas, os investigadores chaman a atención sobre a dispersión sobre o territorio dos sitios arqueolóxicos, que parecen identificar distintas zonas de operacións. Os investigadores defenden a hipótese de que os campamentos ubicados na zona oriental de Galicia poderían estar vinculados a un episodio ou escenario secundario do conflito cántabro-astur (29-19 a.C.). Os recintos militares encaixan na lóxica seguida polo exército romano durante o conflito, no que se desenvolveron accións a gran escala contra os grupos indíxenas, que nalgunhas áreas parecen amosar segundo as fontes unha gran capacidade de organización e mobilización de efectivos, así como unha notable autonomía política.

Moeda romana coa efixie do emperador Augusto atopada en Penedo dos Lobos. Foto: Romanarmy.

Aínda que algo máis apartados, recintos como os localizados na Chá de Santa Marta (Láncara/Sarria) ou na zona oriental de Ourense (caso de Ou O Penedo dos Lobos, onde que o equipo romanarmy.eu documentou, nunha intervención científica en 2018, a presenza militar romana máis antiga documentada en Galicia, contorna ao cambio de era) poden incluírse neste conxunto.

Con todo, un gran número de xacementos do territorio non encaixan de maneira fácil nesta narrativa. Así sucede co importante grupo de campamentos situado na zona occidental da provincia da Coruña. Mención relevante merecen os grandes recintos documentados na Serra do Laboreiro/ Laboreiro, entre o río Limia e o río Miño, que poderían encaixar, a nivel hipotético, nun horizonte tardorrepublicano, así como o do Alto da Pedrada localizado no punto máis alto do distrito de Viana do Castelo, e que ten en Penedo dos Lobos un paralelo próximo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:16

P de Portugal: algo máis que irmáns (ata o século XII)

Cando morreu o rei García en 1090, o Reino de Galicia pasa a ser divido en dous condados separados polo río Miño

O portentoso despregue militar dos romanos: descobren otros sete campamentos en Galicia

O equipo Romanarmy achou os recintos a través da fotografía aérea e a tecnoloxía LiDAR, que escenea o territorio e filtra a vexetación

Unha semente de uva demostra a presenza de vides en Valencia do Sil no século IV

Os resultados da investigación serán expostos nun seminario organizado en Santiago de Compostela o próximo 24 de novembro

O Imperio romano no que (se supón) pensan os homes nunca existiu

Non sabemos se é certo se pensa moito nesta época histórica, pero si sabemos que no 2023 imaxinamos unha Roma antiga que non foi