Vista do castro das Barreiras despois dos últimos traballos. Foto: Concello de Vimianzo.
Vista do castro das Barreiras despois dos últimos traballos. Foto: Concello de Vimianzo.

Novos achados no castro das Barreiras: un gran vertedoiro e unha muralla en chanzos

Os traballos no xacemento de Vimianzo, dirixidos polo arqueólogo Tito Concheiro, amosan un enclave "con moita personalidade"

O arqueólogo Tito Concheiro, responsable das escavacións que se están desenvolvendo no castro das Barreiras, no val de Vimianzo, teno claro; este é un enclave “con moita personalidade, non hai prácticamente comparación con ningún que teñamos visto”. O Concello vimiancés, que impulsa a investigación neste xacemento, presentou o mércores os resultados dos últimos traballos realizados nas Barreiras, xusto 10 anos despois do comezo das prospeccións, o 1 de outubro de 2010.

A través dun comunicado de prensa, o concello deu conta da valoración de Concheiro, que destacou achados como un vertedoiro con máis de 20.000 fragmentos ou a peculiar configuración da notable muralla que rodea o lugar, na que se observa un chanzo, aínda que o arqueólogo avanza que é probable que nalgún sector poida amosar catro ou cinco.

A nova campaña afondou no estudo das cabanas castrexas, onde se observaron tres fogares, compostos por pequenas caixas de pedra con arxila no interior, e cunha das “mellores cociñas preservadas do mundo castrexo, xa que se conservan o forno con dous espazos, un probablemente para cociñar e outro para quentarse”, conta Concheiro. Porén, debido ao delicado estado destes elementos, tapáronse cun material xeotéxtil e decidiuse facer unha recreación dos mesmos, que é a que se amosa aos visitantes nas actividades divulgativas que se celebran no castro.

Detalle da muralla do castro das Barreiras. Foto: Concello de Vimianzo.
Detalle da muralla do castro das Barreiras. Foto: Concello de Vimianzo.

‘Fixemos, pois, unha recreación. Estes fogares non son os orixinais, que están debaixo. Tapáronse cun material xeotéxtil, de tal maneira que estamos a ver unha réplica, que ten que aguantar a climatoloxía e que axuda a entender a propia vivenda’, proseguía na súa explicación Concheiro.

Neste punto, é salientable a percepción de que a vivenda escavada nos traballos foi desmontada polos propios habitantes das Barreiras, con cambios notables durante un amplo período de tempo, que se reduce aos alicerces e se tapa.

A muralla e o vertedoiro

A carón destes fogares afondouse na muralla do xacemento, que se intúe baixo as ondulacións cubertas de vexetación que rodean o lugar. Este é, segundo Concheiro, un dos grandes valores do enclave. Os primeiros traballos amosan que orixinalmente foi construída con escalóns, cunha estrutura moi masiva. O arqueólogo avanza en que en futuros traballos agárdase que se atopen máis detalles sobre a muralla, que nalgúns puntos pode superar os seis metros de altura. En relación a esta estrutura, o arqueólogo expón que as casas ovaladas se colocan co eixe largo en paralelo á muralla, presentándose como un sistema único e fascinante,  o que fai que o plantexamento urbanístico nas Barreiras sexa “incomparable”.

Detalle das pezas cerámicas atopadas nas Barreiras. Foto: Concello de Vimianzo.
Detalle das pezas cerámicas atopadas nas Barreiras. Foto: Concello de Vimianzo.

E Concheiro apunta, do mesmo xeito, que aparecerán os sistemas de acceso ao interior. “Posiblemente estes soportes están aguantando unha estrutura de madeira en forma de escaleira para acceder á parte superior da muralla. A cantidade de buratos de poste indícanos que este castro tiña moita construción de madeira”, conta o investigador. Sobre o vertedoiro destácase “que permite reconstruír a  produción oleira desde o século II a.C. ata que colapsa, na era galaico-romana”.

Neste sentido, os responsables da escavación apuntan que a cronoloxía esténdese no tempo ata o século I d.C. ao describir “un nivel superficial con material romano, non moi abundante pero que data desta época, e que se coñecen co nome de tégula, unha especia de tella plana que usaban os romanos para cubrir, pero que utilizaban para moitas máis cousas, e outros elementos de cerámica común, como morteiros. ‘Non sabemos se houbo unha ocupación episódica ou se houbo unha ocupación en época romana que resultase destruída polas labores agrarias na Idade Media, que tamén é posible”.

Futuro

Mirando cara aos vindeiros traballos, Concheiro expón que o obxectivo final a longo prazo é que polo menos “o 40% do castro estea escavado, con 12, 13 ou incluso 15 vivendas descubertas”, polo que poder chegar a este punto converterao nun xacemento colosal”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.