Sondaxe aos pés das pinturas rupestres (visibles na esquina esquerda superior)

Novas pistas dos artistas prehistóricos das pinturas rupestres Vilardevós

Unha investigación da UVigo atopa ferramentas e pegadas da vida dos habitantes deste singular asentamento

En setembro e outubro de 2018 un equipo galaico-luso liderado pola arqueóloga da Universidade de Vigo Beatriz Comendador iniciou, cunha intervención arqueolóxica no Penedo Gordo ou Penedo da Moura de Vilardevós, en Ourense, un proxecto que tiña como obxectivo principal determinar se existía ou non ocupación vinculada ás pinturas rupestres de estilo esquemático atopadas neste penedo en 2017.

Os primeiros resultados da intervención, financiada pola Dirección Xeral do Patrimonio Cultural da Consellaría de Cultura e Turismo, verifican “a excepcionalidade deste xacemento” e confirman “a presencia de indicios de ocupación prehistórica inmediatos ás paredes pintadas do penedo”.

Resultados da intervención

Os traballos arqueolóxicos postos en marcha en 2018, que contan co apoio e colaboración do Concello de Vilardevós e de diversas asociacións e veciñanza da contorna, abranguen o estudo das pinturas rupestres do enclave e a realización de sondaxes e prospeccións arqueolóxicas da contorna do abrigo denominado Penedo Gordo ou Penedo da Moura. Nel, detalla Beatriz Comendador, están as “pinturas vermellas sobre un penedo cuarcítico que configuran motivos pouco visibles a simple vista” que foron descubertas en 2017.

O proxecto arqueolóxico inclúe a limpeza das áreas de actuación das sondaxes, o levantamento topográfico do xacemento por fotogrametría, o estudo de caracterización da colonización biolóxica do penedo, o estudo monográfico das pinturas rupestres, a prospección xeofísica (xeomagnética), a realización de dúas sondaxes manuais, o estudo da secuencia edáfica sedimentaria, o rexistro etnográfico, a prospección superficial da contorna dirixida á identificación doutros sitios con arte rupestre e accións de difusión e divulgación.

As pinturas rupestres atopadas en Vilardevós.

Finalizada a primeira parte do proxecto, centrada fundamentalmente na intervención arqueolóxica, Beatriz Comendador salienta “a excepcionalidade deste xacemento, tanto na rexión do Támega coma nun ámbito máis rexional”. Entre os resultados acadados na intervención realizada en setembro e outubro apunta como “se verificou a presenza de pintura rupestre do estilo esquemático, integrable de xeito hipotético nun período entre o neolítico antigo e o neolítico final”.

Os traballos arqueolóxicos levados a cabo, engade a profesora da Facultade de Historia do campus de Ourense, tamén permitiron verificar a existencia de diversos niveis de ocupación, histórica e prehistórica, en relación inmediata coas superficies pintadas do penedo.

“As sondaxes realizadas, sobre todo a da zona norte do penedo, ofrecen niveis arqueolóxicos fértiles, e os niveis de ocupación prehistórica amosan indicios (como restos de pigmentos e minerais con capacidade pigmentante) da relación desta ocupación coa realización das pinturas, polo menos nalgún dos momentos desta actividade”, recolle no seu primeiro informe o equipo que realizou a intervención arqueolóxica.

Sobre o traballo desenvolvido tamén destacan “o conxunto de material lítico recuperado, con variabilidade das materiais primas soporte representadas: cuarzo hialino, cuarzo, cuarcita (local e foránea), sílex e xisto ou lousa”. Aínda que en menor medida que os líticos, tamén apuntan que hai presenza de cerámica prehistórica, algunha con decoración plástica ou incisa.

Ferramentas prehistóricas atopadas nos traballos da UVigo.

Unha vez realizada a intervención arqueolóxica, detalla Beatriz Comendador, “verifícase a presenza dunha ocupación prehistórica no abrigo do Penedo Gordo e a súa vinculación coa pintura rupestre esquemática localizada”.

A recuperación de mostras de carbón, engade a arqueóloga do Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio (Geaat), permitirá datar parte da secuencia a través de análises radiocarbónicas das mostras aínda en proceso de estudo

“É un reto moi importante estudar estas pinturas pois ofrécennos moitas posibilidades de investigar cousas que non se tiñan estudado ata o de agora”, comenta a profesora, que lembra como a zona do val do Támega “é moi importante porque se sitúa na fronteira natural entre a gran rexión bioclimática atlántica e a rexión bioclimática mediterránea, pola que preferentemente se expande a tradición de arte esquemática pintada en Europa Occidental”. A intervención, engade Beatriz Comendador, permitiu coñecer ademais algúns indicios das ocupacións en época histórica, “especialmente os relacionados coa Guerra da Independencia española, así como as historias raianas sobre o estraperlo, para o que foi fundamental a axuda da veciñanza”. Ao valor arqueolóxico identificado, apunta a responsable do proxecto, “hai que engadir o valor natural, polas especies de liques identificadas, algunha descrita por primeira vez en España”.

O proxecto de intervención neste penedo está redactado por Beatriz Comendador, que ten traballado desde o ano 2009 na zona no marco do Proxecto Urdiñeira, e por Lara Bacelar Alves, investigadora vinculada ao Centro de Estudos de Arqueologia, Artes e Ciências do Património da Universidade de Coimbra. Ademais conta coa participación dun amplo panel de investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo, especialmente do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, entre os que está Natalia Caparrini, Mª Eugenia López, Graciela Paz e José Santiago Pozo. Tamén participan Antonio Martínez, da Universidade de Santiago de Compostela; a conservadora e restauradora Vera Caetano, a empresa Árbore e Bruno Rúa, que atopou xunto a José Luis Lozano as pinturas en 2017. Para o estudo dos materiais localizados cóntase coa axuda de investigadores da Uniovi, da Universidad de León e do CSIC-Barcelona.

Divulgación

Mentres continúa neste 2019 o desenvolvemento do proxecto, as persoas interesadas en coñecer os seus primeiros resultados teñen a oportunidade de facelo este venres, 29 de marzo, nunha conferencia que Beatriz Comendador ofrecerá no Ateneo de Ourense ás 20.00 h titulada Pintura rupestre esquemática e as paisaxes marcadas do noroeste peninsular. Na súa intervención, a arqueóloga amosará “un panorama integrado destes achados, tendo en conta o conxunto das manifestacións de arte rupestre da totalidade do noroeste peninsular, onde se coñecen ata a actualidade máis de 50 sitios”.

A busca destas pinturas polo sur oriental de Galicia, apunta Comendador, comezou hai máis dunha década, seguindo “a idea da continuidade xeográfica con estes conxuntos nos límites fronteirizos, como o val do Támega na raia sur ou o núcleo de Bierzo, polo Sil”. Finalmente, detalla, dous descubrimentos casuais no ano 2017, viñeron a confirmar o potencial, aparecendo primeiro pintura na Cova da Fontaneira (Baleira, Lugo) e posteriormente no Penedo Gordo (Vilardevós, Ourense), aos que se engade recentemente o descubrimento dun conxunto en Casaio (Valdeorras, Ourense).

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.