Novas pezas romanas para o museo da Domus do Mitreo en Lugo

O Museo de Viladonga pon en valor o material achado na escavación do Mitreo coa restauración de ánforas, moedas e outras pezas de metal, vidro e cerámica

De esquerda a dereita, Varela Zapata, Dopico Caínzos e dúas restauradoras de Viladonga, diante da ánfora recuperada.

O Museo Universitario A Domus do Mitreo está a ampliar a súa exposición permanente coa incorporación de novas pezas ata agora descoñecidas que outorgan se cabe unha maior relevancia ao mundo romano no conxunto do xacemento arqueolóxico situado ao pé da Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo.

A ampliación dos fondos exhibidos nas dependencias museísticas da Domus do Mitreo está a avanzar de forma paseniña grazas a unha colaboración co Museo do Castro de Viladonga, segundo indicou a directora do Museo Universitario A Domus do Mitreo, Dolores Dopico Caínzos.

A tamén profesora da área de Historia Antiga da USC explicou neste senso que todo o material arqueolóxico descuberto durante os labores de escavación realizados no solar que agora ocupa o Museo Universitario A Domus do Mitreo entregouse á Xunta de Galicia, nomeadamente ao depósito xestionado polo Museo do Castro de Viladonga, cuxo equipo de restauradores xa completou a recuperación dalgunhas pezas de cerámica, vidro e metal que se atopaban “nun estado penoso”.

Escalpelo achado nas escavacións do Mitreo logo da súa restauración.

Unha vez rematados os traballos de restauración, as pezas xa restauradas retornan ás vitrinas da sala de exposición do Museo Universitario A Domus do Mitreo, onde, na actualidade, xa se poden ver unha ánfora, “cuxa restauración foi pouco menos que un milagre”, sinala Dopico, así como algunhas moedas e diversas pezas metálicas soltas.

“A exposición irá ampliándose co paso do tempo”, explica Dolores Dopico, que logo de considerar “moi complexo e laborioso” o proceso de recuperación deste material arqueolóxico, comentou que “aínda que xa recibimos unha parte do material, aínda faltan moitos elementos de cerámica e todo o vidro”.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.