Balas de canón do galeón de Ribadeo. Imaxe: Archeonauta.

Nova campaña no galeón de Ribadeo para descubrir os seus segredos

O arqueólogo Miguel San Claudio explora o importante pecio do Santiago de Galicia, afundido en 1597 e descuberto no 2011

O galeón de Ribadeo é considerado o mellor conservado do mundo. Afundido en 1597 e descuberto durante unha draga no ano 2011, unha asociación defende a súa memoria e foi xa obxecto de varios estudos arqueolóxicos coa participación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). Agora e ata o vindeiro 21 de uño, un equipo internacional volve traballar neste importante pecio. O director da excavación é o arqueólogo Miguel San Claudio, que conta con financiación da Xunta de Galicia (22.000 euros) e do Institute of Nautical Archaeology estadounidense (5.000).

O galeón, que se atopa a só catro metros de profundidade, foi descuberto de xeito casual no ano 2011. Cando se realizaban traballos rutineiros de draga, a mangueira de succión quedou atoada por restos de chumbo, madeira e pedras. Unha inspección posterior determinou que aquelas rochas non se correspondían coa xeoloxía da zona. E a madeira e o chumbo resultaron ser parte do casco dun buque.

A historia foi reconstruída grazas ao arqueólogo Miguel San Claudio, que foi quen identificou o pecio. A nave resultou ser o Santiago de Galicia, un galeón que se afundiu en augas de Ribadeo e que participara na cuarta expedición contra Inglaterra armada polo rei Felipe II no século XVI.

Tras os fracasos da Armada Invencible, en 1588, e do desembarco de Smervick, en 1579, Felipe II decidiu enviar unha nova frota sobre Inglaterra. Un total de 155 barcos e 20.000 homes saíron de Lisboa con rumbo a Irlanda en outubro de 1596. Pero unha terrible tormenta, á altura de Fisterra, provocou a perda de 44 embarcacións e obrigou á nova armada a refuxiarse en Ferrol. Entre estes barcos viaxaba o ‘Santiago de Galicia’.

Ao ano seguinte, o rei Felipe volve á carga e monta unha cuarta armada, que partirá da Coruña en outubro de 1597. Nesta ocasión, van 160 buques, 12.600 homes e 300 cabalos, co obxectivo de desembarcar en Cornualles. O galeón Santiago de Galicia destaca entre a frota, xa que incorpora algúns notables adiantos para a súa época, como un casco de dobre forro que dificultaba a adherencia dos organismos mariños e facía máis rápida a súa navegación. Tamén tiña unha dobre cuberta de seguridade, que lle permitiría permanecer á boia mesmo tras recibir un canonazo no seu casco.

O Santiago de Galicia foi construído entre 1570 e 1580 en Nápoles. E para moitos era o mellor buque da armada, xunto ao seu xemelgo, o San Felipe. Pero na súa primeira acción de guerra foi canoneado por un navío inglés e tres holandeses, que lle inflixiron graves danos. Finalmente, un temporal a 75 millas de Falmouth obrigou ao galeón a regresar. E así, nun estado lamentable, entrou na ría de Ribadeo, onde a tripulación foi acollida nas súas casas polos veciños. Pouco despois, o 13 de novembro de 1597, afundía quedando no esquecemento durante catro séculos ata o seu achado casual coa draga do ano 2011.

Mergulladores de Archeonauta traballan no galeón de Ribadeo.Foto: Archeonauta.

Miguel San Claudio, á fronte dun equipo de arqueólogos, foi catalogando o lugar do naufraxio, atopando as cadernas, as pedras de lastre, restos de cerámica, balas, obxectos de vidro… O buque, con tres cubertas de canóns, tiña 32 metros de eslora e case 10 de manga. Con todo, non se conserva ningunha peza de artillería, o que fai sospeitar que foron rescatadas despois do naufraxio polo seu importante valor. Moitos destes canóns eran de bronce.

A Asociación de Amigos do Galeón de Ribadeo promove accións para dar importancia a estes restos que xamais foron expoliados polos cazatesouros. Ao tempo, o proxecto ForSeaDiscovery, no que participa o CSIC, realizou xa estudos sobre o pecio, dentro dun proxecto europeo para catalogar barcos afundidos de singular valor histórico. Neste mes de xuño, a campaña de Miguel San Claudio pretende explorar a parte central do buque.

Como sinala Beñat Eguiluz na bitácora do proxecto ForSeaDiscovery, o galeón de Ribadeo é “un xigante durminte que xace agochado esperando para volver á luz”. Os anacos de madeira e de ferro que se atopan no fondo da ría “non parecen ser unha nave sorprendente a simple vista”. Pero a realidade é que este coloso durminte é todo un tesouro arqueolóxico que espera unha investigación máis fonda como o galeón mellor conservado do mundo.

Aquí podes facer un percorrido virtual submarino polo galeón de Ribadeo grazas ao proxecto ForSeaDiscovery:

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.