Venres 29 Marzo 2024

Non, a bandeira galega non foi deseñada polo Tsar de Rusia

Pois non: o tsar Alexandre III non tivo nada que ver co deseño da bandeira de Galicia. Malia que unha teoría popular moi espallada afirma que unha protesta de Rusia provocou o cambio da enseña marítima da Coruña, na que estaría inspirada a bandeira galega. Pero estudos recentes desbotan esta lenda e apuntan a Manuel Murguía como o autor da franxa azul celeste sobre fondo branco. A súa presenza no traslado dos restos de Rosalía de Castro a Compostela en maio de 1891 sería a proba de que é anterior á rocambolesca historia que segue a ser publicitada sen fundamento algún.

Xornalistas como Adelardo Novo e historiadores como César Vaamonde Lores, que tamén era mariño mercante, espallaron a lenda que chega aos nosos días. Outros intelectuais, como Couceiro Freijomil, insistiron nesta teoría, que di así: a bandeira de Galicia sería, en realidade, a bandeira da comandancia da Coruña. Porque era o derradeiro pavillón que os emigrantes galegos contemplaban ao zarpar nos trasatlánticos cara a América. E remataron por asimilar a bandeira coruñesa á bandeira galega.

Publicidade

O historiador Xosé Ramón Barreiro, que dirixiu xunto a Ramón Villares a obra “Os símbolos de Galicia” para o Consello da Cultura Galega, recoñece o enxeño despregado nesta lenda, “que tivo abondosa divulgación grazas ao mito migratorio co que empata de xeito cabal e até idealista e romántico. O aventureiro azar desta explicación –que pretende que todo arranca da confusión entre os emigrantes que se afastan da súa terra vendo a bandeira da Comandancia da Coruña– prendeu de tal maneira que amplos sectores actuais seguen a considerar esta a orixe da nosa bandeira”.

Pero había un detalle que non encaixaba na teoría: a bandeira histórica da Comandancia da Coruña tiña unha aspa, non unha soa franxa. Era a cruz de San Andrés. Así se estreou en 1845. E aquí é onde entra o Tsar de Todas as Rusias: porque houbo un cambio no pavillón coruñés, ditado por decreto do 22 de xuño de 1891, para que pasara a ser dunha soa franxa azul celeste en diagonal. E a razón foi a protesta de Rusia porque levaba a confusión coa bandeira da súa propia Armada.

Recorte na nova de El Regional do 8 de xullo de 1891.

Atopamos a nova en El Regional do 8 de xullo de 1891: “para evitar las dificultades que puedan suscitarse, confundiendo la bandera del imperio ruso con la de la provincia marítima de La Coruña, se modifique esta última suprimiéndole una de las aspas, quedando por lo tanto, reducida a una bandera blanca con faja diagonal azul para evitar la confusión que se pueda dar entre la enseña del Imperio de Rusia y la de la provincia marítima de La Coruña”.

Deste xeito, a bandeira marítima da Coruña pasou a ser idéntica á galega. Pero esta xa existía previamente. Porque, como salienta Xosé Ramón Barreiro, “no traslado dos restos de Rosalía, celebrado os días 25, 26 e 27 de maio de 1891, xa ondeara a bandeira transversal azul, tal como nos relata o autor do artigo reproducido en Bos Aires na revista El Eco de Galicia”.

Bandeira da Armada de Rusia que segue operativa.

Así que a bandeira galega é anterior á da Coruña, o que desbota a lenda popular. Ademais, o estudo do Consello da Cultura Galega, publicado xa no ano 2010, sinala que o autor do deseño da bandeira galega foi Manuel Murguía, aínda que descoñecemos os motivos de ter elixido a cor azul celeste.

Barreiro interpreta que a elección do azul “parece lóxica se valoramos que esta cor é pictoricamente símbolo de afastamento de horizonte e significa un maior espazo para a propia expansión. Sen esquecer que o azul é unha cor feminina presente sempre no manto da Virxe, na iconografía cristiá. Non descoñecían estas claves os rexionalistas nin os profesores de debuxo da Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago, promotores do traslado dos restos de Rosalía en 1891, tal como destacan todas as crónicas da época”.

O xornalista e escritor César Lorenzo Gil certificaba estas palabras nun interesante artigo, no que analiza a cor azul como a da modernidade, reflectida en pavillóns como os de Grecia, Francia ou os Estados Unidos: “O argumento do historiador ten lóxica. O azul é a cor da Virxe desde a Idade Media e así se recoñece sen discusión. É ademais (…) unha cor moderna, vinculada coa revolución industrial, presente na bandeira revolucionaria francesa, inspiración logo da bandeira dos EUA (o fondo azul cuberto de estrelas de prata (brancas), da de Cuba e de moitos outros países”.

A bandeira máis antiga conservada: foi usada no traslado do corpo de Curros Enríquez da Habana á Coruña en 1908.

Teorías posteriores defenderon que representaba ó río Miño. Pero, para ser verdade, a franxa azul tiña que vir en sentido contrario, seguindo o curso do río.

O certo, sen embargo, lendas aparte, é que a bandeira de Galicia foi un éxito dende a súa mesma aparición naquel ano de 1891. Espallada polas Irmandades da Fala, por asociacións culturais e por toda a comunidade na emigración, foi asumida de xeito case instantáneo e maioritario. E triunfou na escala popular, mentres algúns intelectuais seguiron a discutir (gran clásico do país), se non sería mellor unha bandeira enteiramente branca ou ben coa cruz de Santiago. A fundación da Real Academia Galega en 1906 daría a definitiva lexitimidade á bandeira.

Pero non: a armada de San Petersburgo non tivo nada que ver no deseño da bandeira de Galicia. Que non está inspirada na bandeira marítima da Coruña. Foi obra de Manuel Murguía. E non do Tsar de todas as Rusias…

 

E aquí podes consultar a publicación do Consello da Cultura Galega sobre os símbolos de Galicia

5 COMENTÁRIOS

  1. a bandeira ten a franxa de arriba abaixo e esquerda a dereita ou ben de abaixo arriba de esquerda a dereita . segun se mire dunha cara ou de outra . dito de outro xeito . asegun sople o vento . e as posicions respetivas do suxeito e a bandeira

    • A bandeira galega foi modificada en 1891, ese retallo de “El Eco de Galicia” é como mínimo do 3 de setembro de 1898 que é a data que figura no artigo anterior asinado por M. Castro López. No artigo “La bandera de Galicia”, faise referencia a que a insignia estivo presente no traslado dos restos de Rosalía, só que sen máis presencia e relevancia pública desde entón. Fala das cores, que serían en todo caso as mesmas, e non entra en máis detalles. Polo tanto estámosche na mesma. O que non teño aquí, ainda que si teño visto copias e pode que alguén poida achegar referencia gráfica, é un oleo presente no Centro Galego da Havana. Un deles, onde se ve o centro arrodeado de carros de cabalos, ten a bandeira da cruz de Santo André sobre o edificio. Noutro oleo parecido mais posterior, no que se representa tamén a mesma vista completa do edifício, este aparece arrodeado de carros a motor e no lugar da bandeira da cruz de Santo André está a bandeira da diagonal azul. Ambos óleos están no Centro galego da Havana e esta entidade vendeu bonos de axuda ao longo da sua historia, onde ambas pinturas aparecen representadas. Polo tanto, vando menos en Cuba, esa bandeira tivo esa función, impulsada polo mesmo circulo de xente que poría a andar a Academia Galega. O seu primeiro presidente foi D. Manuel Murguia, quen evidentemente estivo presente no traslado da sua defunta esposa antes de que se mudara esa bandeira. E digo eu, non seguirá esa bandeira no interior do sartego sobre o cadaleito da finada? Se todos temos un mínimo de vontade, poderems ir saindo de dúbidas. A memoria do País e d@s que loitaron por el, ben o merece.

  2. Aqui partides do suposto de que a bandeira está presente no traslado dos restos de Rosalia. Tamem está presente no centro galego da Havana coa aspa no seculo XIX, como era a bandeira desses estudos recentes sobre o traslado de Rosalia? Azul celeste? non mudou de azul ultramar a celeste posteriormente? Agora a pregunta importante é: A conto de que foi solicitar M. Murguia en calidade de presidente da RAG a reposición da aspa de santo André na bandeira da província maritima despois da revolución soviética? non teño o testemuño aqui pero se mal non lembro foi no boletín da RAG do 1917 ou 1918. Ao meu ver por unha razón moi simple, esa bandeira seria a unica insignia asumida popularmente como galega que teria por entón un mínimo estatus oficial, tanto na 2ª década do século XX, como xa anteriormente ao longo do XIX. A bandeira galega en todo caso, teria resultado dun novo deseño que non promoveu o Tsar de Rusia, non, é ainda mais triste. Foi a administración central madrileña quen o estableceu, ainda que teria quedado moi bonito que fose todo cousa de Murguía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.