Venres 29 Marzo 2024

Netflix lanza o tráiler ‘Elisa e Marcela’, as mestras coruñesas que casaron en 1901

As dúas mestras tiveron que trazar un plan para conseguir enganar ao párroco e contraer matrimonio pola Igrexa

Netflix estreou hoxe o tráiler da súa película sobre as mestras coruñesas que conseguiron casar no ano 1901. O vindeiro 24 de maio chegará ás pantallas dalgúns cinemas a película Elisa e Marcela, realizada por Isabel Coixet na súa primeira produción para a plataforma de streaming en España.

O filme baséase na historia de amor destas dúas mulleres coruñesas que, en 1901, protagonizaron o primeiro matrimonio entre persoas do mesmo sexo en España. Será o 7 de xuño cando os usuarios de Netflix de todo o mundo poidan ver Elisa e Marcela ao completo. Pero antes, a modo de aperitivo, lanzouse o tráiler da película. Son pouco menos de dous minutos que serven para achegarse ao estilo intimista dunha película que se estreou hai uns meses na Berlinale.

Publicidade

Protagonizada por Natalia de Molina e Greta Fernández, rodada en branco e negro entre Galicia e Cataluña, Elisa e Marcela conta como as dúas mulleres se coñecen nunha escola e como unha fonda amizade remata por ser unha intensa historia de amor, que as obriga a vivir ás agachadas.

Cando as familias sospeitan do seu romance, deciden separalas, pero uns anos despois e tras volver contactar a unha coa outra, deciden trazar un plan para poder estar xuntas: Elisa abandona o pobo para regresar reconvertida en Mario, un primo seu falecido ao que roubará a identidade para poder casar con Marcela.

Elisa e Marcela, no filme.

Lograron enganar ao párroco da igrexa de San Xurxo da Coruña para que as casa grazas a que Elisa pasou a ser Mario Sánchez para a voda, que se celebrou o 8 de xuño de 1901.

Pero a trampa quedou ao descuberto aos poucos días. A súa acta de matrimonio non foi anulada, a pesar de que fuxiron e foron detidas no Porto. Liberadas polo balbordo popular, marcháronse a Arxentina e alén do Atlántico a súa pista perdeuse para sempre.

. “Hai moitos anos xa, nunha viaxe a Galicia”, explicou Isabel Coixet, “alguén me falou dunha historia de dúas mulleres que casaron en 1901 na Coruña. De súpeto sentín que tiña que contar esta historia”. Estas dúas galegas pioneiras terán agora un filme que recorde a súa afouteza.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España

As infeccións de transmisión sexual entre menores de 18 anos medran un 37% en España

O XIV Congreso Nacional GeSIDA celebrado na Coruña reúne a centos de expertos que debatirán sobre os avances e retos no ámbito do VIH

Os Museos Científicos Coruñeses programan do 11 ao 19 de novembro a Semana da Ciencia

Co obxectivo de atender a elevada demanda de visitas, este ano prolónganse durante dúas fins de semana as celebracións da Semana da Ciencia