Venres 29 Marzo 2024

Nace PalMed, base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa

Froito do convenio entre a USC e o Centro Ramón Piñeiro, a iniciativestá coordinada polas catedráticas Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín

USC e Centro Ramón Piñeiro para Investigación en Humanidades presentaron este luns PalMed, a nova base de datos paleográfica da lírica galego-portuguesa. O seu obxectivo é facilitar o labor dos investigadores interesados na realización de estudos paleográficos, grafemáticos, lingüísticos e ecdóticos sobre a produción trobadoresca do occidente ibérico. Esta ferramenta máis activa posibilita que investigadores e estudantes poidan traballar de maneira simultánea en varios arquivos abertos mediante o salto dun campo a outro e dunha información a outra a través da navegación por diferentes interfaces moi intuitivas.

Hai algo máis de dúas décadas, púxose en rede a primeira base de datos de acceso libre que, contendo o corpus completo da lírica trobadoresca, permitía aos estudosos e interesados nesta tradición poética non só acceder a todas as cantigas e coñecer datos básicos sobre os seus autores, senón tamén realizar buscas complexas en campos tan diversos como o xénero, os temas, a modalidade compositiva, as estrofas ou as rimas.

Publicidade

Co paso dos anos, a ferramenta foi sometida a revisións e actualizacións continuas, atendendo tanto ás novas edicións críticas que ían aparecendo como ás novas investigacións que afectaban aos campos de busca. Este proceso de posta ao día da plataforma ocasionou que, na última versión MedDB.3, do ano 2016, se afinaran e simplificaran os procedementos de busca para unha maior axilidade de manexo da mesma.

“Precisamente, foi a experiencia no uso de MedDB o que determinou que o equipo responsable do estudo da lírica trobadoresca no Centro Ramón Piñeiro comezase a deseñar un novo produto, que proporcionase as transcricións paleográficas dos manuscritos que transmiten as cantigas, estruturadas de tal modo que se poida traballar con elas de múltiples maneiras”, explica a catedrática da USC, Pilar Lorenzo Gradín.

“A esixencia de confeccionar novas edicións paleográficas dos testemuños do corpus galego-portugués non só obedece á constatación das limitacións que ofrecen os traballos dos nosos importantes predecesores, senón tamén ao feito de que estes, a pesar do encomiable labor que realizaron no seu momento, e máis alá dos errores tipográficos, paleográficos e de lectura que −como en calquera traballo editorial− se localizan nas súas publicacións, estiveron, en gran medida, condicionados polas restricións técnicas e a metodoloxía da época en que se levaron a cabo”, continúa Lorenzo Gradín.

Novas prestacións

PalMed,  coordinada polas catedráticas da USC Mercedes Brea e Pilar Lorenzo Gradín, favorece que o usuario poda follear o cancioneiro dixital mediante a opción de busca por manuscritos, que permite, ademais, comparar a transcrición ofrecida coa imaxe do testemuño correspondente. Asemade, ao utilizar a opción de busca por cantigas, o sistema constrúe un cadro sinóptico que permite ver en paralelo as versións de todos os manuscritos que transmitiron a peza seleccionada xunto coa edición crítica presente en MedDB.

As buscas textuais poden afinarse ata o nivel máis concreto ao contar cun teclado virtual que representa a totalidade dos caracteres especiais utilizados nas transcricións. Ademais, a ferramenta aínda presenta un elenco de abreviaturas e valores asociados ás mesmas, e unha listaxe de marcas codicolóxicas, e tamén fornece datos sobre as porcentaxes dos resultados atopados. Todas as consultas poden filtrarse por manuscrito, por copista, ou por tipo de texto, entre outras, para que o usuario reciba os resultados que máis se axusten aos seus intereses.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150

A gran eclipse solar de abril: cando e onde vela en Galicia?

Este fenómeno astronómico será visible de maneira parcial no oeste da comunidade, especialmente na franxa atlántica da Coruña e Pontevedra

O mapa dos ‘químicos eternos’ en Galicia: ata 70 zonas sospeitosas de grave contaminación

Unha investigación europea sinala a presenza no continente destas substancias nocivas para o medioambiente e a saúde

Identificado un novo campamento romano na fronteira entre Galicia e Portugal

Un equipo de arqueólogos detecta un posible recinto fortificado de tres hectáreas de extensión datado entre os séculos I a.C. e I d.C.