Sábado 30 Marzo 2024

Conta atrás para o misterio do Apóstolo en Padrón

En maio deste ano, unhas prospeccións patrocinadas pola empresa fabricante do vermú St. Petroni, e realizadas grazas ao empeño da asociación cultural Villa Petroni, toparon na zona da Barca, en Padrón, co que parecía ser un lugar mítico: o embarcadoiro no que, segundo o mito relixioso forxado desde hai moitos séculos, o corpo do apóstolo Santiago tocou terra en Galicia despois dunha viaxe por mar desde Palestina.

O equipo de expertos, dirixidos polo arqueólogo Andrés Bonilla, de PyA Arqueólogos, detectou a través do xeorradar unha estrutura de cinco metros de ancho por tres de longo, semellante á descrita en documentos medievais, que podería corresponderse cunha escaleira que descendía ao antigo leito do Sar, previo á súa canalización hai só unhas décadas. “Temos moitas garantías de que é o lugar que buscabamos”, conta Bonilla a GCiencia.

Publicidade

Vista da zona do suposto embarcadoiro na actualidade. En amarelo, zona xa estudada, en vermello, onde se acometerá a segund fase. Imaxe cedida por Ángel Rey.
Vista da zona do suposto embarcadoiro na actualidade. En amarelo, zona xa estudada, en vermello, onde se acometerá a segund fase. Imaxe cedida por Ángel Rey.

Sobra dicir que non hai nin houbo nunca unha barca de pedra na que o Apóstolo Santiago chegou a Iria Flavia desde Palestina guiado pola virxe e uns anxos. Nin sequera fala da barca de pedra o mito cristián, que narra uns feitos igualmente incribles. Varios autores que visitaron Padrón no século XV, como os cronistas León de Rosenthal ou Xerónimo Münzer, deixaron escrito que os parroquianos contaban así a lenda: case 1.500 anos atrás, o corpo de Santiago chegou nunha barca ‘normal’, pero os seus discípulos pousárono nunha pena á beira do río Sar. Ao poñer o corpo sobre ela, disque a pedra se derreteu “como cera“, deixando a forma do apóstolo gravada para sempre nela. Pero disto non hai nada escrito ata a Idade Media, cando se constrúe a tradición destinada a reforzar a relación do Zebedeo con Compostela. Como é lóxico, nada diso aconteceu.

Pero a lenda xa era imparable. Ante tamaño milagre, os devotos chegaban a Iria Flavia a moreas. É posible que a pedra que os viaxeiros describían estivese realmente alí. E os peregrinos xa eran como agora, que fan montañas de pedras á beira dos camiños, ou queiman a roupa ao chegar a Fisterra. A tradición daquela era, segundo as crónicas, arrincarlle un anaco á pena e levala de recordo.

A erosión, os sedimentos e a canalización do río Sar agocharon nos últimos séculos a suposta escaleira

Vendo que chegaría o momento no que de tanto arrincar xa non habería pedra, alguén tomou unha peculiar decisión: guindala ao medio do Sar. Mais para que os romeiros a puideran seguir vendo e achegarse a ela, sen tocala, fixeron unhas escaleiras que baixaban ata o río. A pedra quedou alí. Co paso do tempo, as testemuñas dan conta de que aquela suposta pedra foise cubrindo por mor da erosión e os sedimentos que arrastraba o Sar. Mais a escaleira mantívose máis tempo.

Porén, xa no século XX, a zona, que hoxe ocupa o barrio da Trabanca, mudou totalmente coa canalización do Sar. O meandro onde supostamente estaba a escaleira desapareceu. No voo americano dos anos 50 aparece xa case illado do curso actual do río. E o recheo que se fixo para colmatar o antigo leito sepultou aínda máis a suposta escaleira.
Nun Ano Xacobeo, en 1971, un neno chamado Ángel Rey, hoxe presidente da asociación Villa Petroni, atopouse no Libro de Pascua do concello padronés un artigo do cronista Maximino Rodríguez Buján, coñecido como Máximo Sar, no que se falaba do “tesouro histórico baixo a area”, que eran a escaleira e a pedra.

No voo americano de 1956-1957 apréciase aínda o meandro antes da canalización do Sar á altura de Padrón. Fonte: Visor da Xunta.
No voo americano de 1956-1957 apréciase aínda o meandro antes da canalización do Sar á altura de Padrón. Fonte: Visor da Xunta.

A investigación

Despois de ler aquilo, Rey non deixou de pensar no tesouro. Reuniu as fontes documentais, consultou arquivos e buscou apoio económico para que alguén financiase as prospeccións, e atopouno na empresa que comercializa o vermú St Petroni, cun nome que rende homenaxe á orixe da vila. Contratouse a Andrés Bonilla e a un grupo de expertos en prospeccións que, cos permisos pertinentes e a colaboración do Concello de Padrón, comezaron en abril deste ano a sondaxe na zona sur do antigo meandro, a máis próxima á igrexa e a rúa de Santiago e, segundo as fontes consultadas, o lugar no que máis probable podería ser atopar a escaleira.

“Ao analizar as imaxes do xeorradar – explica Bonilla – atopamos varias anomalías na zona onde se fixera o recheo do Sar. Debía haber area, pero atopamos elementos sólidos e, nun punto en concreto, vimos a estrutura“. O arqueólogo preguntou tamén aos maiores do lugar, e contáronlle que lembraban unha zona de acceso ao antigo curso do río.

A escaleira, ao descuberto?

O xeorradar avanzou o achado, pero o misterio segue baixo terra. “En breve empezaremos coa segunda parte da prospección, na metade superior do meandro, a ver se atopamos estruturas asociadas á xa detectada”. O equipo empregará, segundo adianta Bonilla, unha antena con menos definición, pero con máis profundidade, para detectar outras posibles anomalías que poidan achegar novidades.

Unha vez explorada esta nova zona, contémplase a posibilidade de escavar a zona para sacar á superficie a estrutura detectada co xeorradar. Deste xeito, di Ángel Rey, Padrón podería converterse no “punto cero” da tradición xacobea, o Portus Apostoli, coas consecuencias culturais e turísticas que podería conlevar para a vila, que xa alberga o miliario romano, o Pedrón, onde a lenda di que Teodoro e Atanasio amarraron a barca que traía o corpo de Santiago. De aí que a expectación sexa máxima.

A lenda do Apóstolo Santiago

A historia que conta a tradición xacobea, sen ningunha evidencia científica que a sustente, sinala que tras ser decapitado no ano 44 por orde do rei Herodes Agripa I, o corpo do Apóstolo Santiago foi trasladado nunha barca coa que os seus discípulos Atanasio e Teodoro percorreron os cinco mil quilómetros de Mediterráneo e de Atlántico que separan por mar Galicia de Xudea.

A historia tampouco se pretende soster dende a relixión, porque esta parte referida a viaxes en embarcacións de pedra non aparece no libro dos Feitos dos Apóstolos, no Novo Testamento. Trátase dunha tradición moi posterior, creada na Idade Media para dar maior relevo á historia do Zebedeo e da súa relación con Compostela. Despois da chegada a Padrón, o corpo do Apóstolo acabou chegando, despois dunha historia tamén baseada na lenda, á súa suposta ubicación actual, na catedral de Santiago de Compostela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

00:03:30

I de ‘Inventio’: como o descubrimento da tumba do Apóstolo fixo marca Galicia

A partir do século IX Santiago de Compostela converteuse nun centro europeo económico e relixioso clave pola peregrinación xacobea
00:03:09

A de Afonso VIII: o rei que morreu facendo o Camiño

O último monarca da Galicia Altomedieval refundou a cidade da Coruña, inaugurou o corpo románico da catedral e convocou as primeiras cortes de Europa

A historia das peregrinacións a Galicia, escrita nunha cuncha de vieria

O investigador Patxi Pérez Ramallo bota luz sobre a historia antropolóxica do Camiño de Santiago co estudo co maior número de peregrinos medievais ata o momento

O parque eólico Picato: 13 aeroxeradores a 800 metros do Camiño Primitivo

Grupos ecoloxistas denuncian que a instalación afectará a unha decena de bens culturais e, entre eles, á muralla de Lugo