A medida dos ferrados varía mesmo dentro dun mesmo concello de Galicia. Fonte: R. Pan/Lameiro.
A medida dos ferrados varía mesmo dentro dun mesmo concello de Galicia. Fonte: R. Pan/Lameiro.

Premian un traballo que explica as diferentes medidas dos ferrados en Galicia

A investigación do historiador Rubén Castro propón unha hipótese sobre as diversas medidas desta unidade no territorio galego

Canto mide un ferrado en Galicia? Pois depende. Esta unidade serviu, durante séculos, e aínda serve, para calcular a superficie das terras no país, e tamén para a masa e o volume. Un ferrado de millo, trigo ou centeo era a cantidade de cereal colleitado nunha determinada extensión de terra que collía nun caixón de madeira, como o que encabeza este texto. Cos ferrados cuantificábanse os intercambios comerciais, e mesmo eran usados como medida á hora do dote. Pero era difícil poñerse de acordo cando había que cambiar de parroquia. Ata nun mesmo concello había diferenzas. E no conxunto de Galicia podíase pasar dos 400 metros cadrados de Carnota aos 725 de Cervo ou Xove.

Moita xente intentou responder a esta cuestión, con moi diversas explicacións. A diferente produtividade da terra ou o propio criterio dos propietarios eran algunhas das respostas que se daban. Pero un historiador galego, Rubén Castro Redondo, acaba de propoñer un novo enfoque para desvelar o misterio dos ferrados. E a investigación, titulada De señores, señoríos e medidas do país: cartografía metrolóxica da Galicia moderna, valeulle o premio Xesús Taboada Chivite, convocado pola Mancomunidade de Municipios da Comarca de Verín, cuxo fallo se anunciou este venres

A orde nos ferrados

Castro, actualmente investigador posdoutoral da Xunta de Galicia na Universidade París 1 Sorbona, explica ao Duvi que “a idea deste traballo naceu para dar resposta a unha cousa moi galega como é por que as medidas tradicionais, como os ferrados de superficie, miden diferente en moitas partes de Galicia e porén hai sitios nos que miden igual a pesar de estar afastados. Quería dar resposta á distribución das medidas tradicionais”. Conta que a teoría aceptada “era a do caos, que non había ningunha orde” e no seu traballo propúxose “buscar algunha cousa que xustificase esa aparente desorde”.

Rubén Castro, autor do estudo sobre os ferrados. Fonte: Duvi.
Rubén Castro, autor do estudo sobre os ferrados. Fonte: Duvi.

A investigación de Rubén Castro lanza a hipótese de que o mapa da distribución das medidas dos ferrados é idéntico nun 92% ao mapa dos concellos antigos, das xurisdicións, que se prolongan desde a parte final da Idade Media ata toda a Idade Moderna, ata o século XIX. “Superpoñendo as dúas distribucións, a política e a metrolóxica, resulta que saltou a chispa“, sinala o historiador.

Unha mesma xurisdición, detalla, tiña as medidas de ferrado iguais para todo o seu territorio pero, advirte, estas xurisdicións, aos contrario que acontece cos concellos actuais, estaban repartidas en anacos separados xeograficamente, de aí a diversidade actual. “A idea xurdiu realmente cando miraba por casualidade o que pasaba no concello onde nacín, en Begonte“, comenta o historiador. Ese concello, indica, non existía na Idade Moderna, estando o seu territorio dividido en moitas xurisdicións. “Dinme conta de que dúas parroquias deste concello que compartían xurisdición a pesar de non estar pegadas xeografifcamente compartían o tamaño dos seus ferrados. Entón pensei que iso podería ser o que pasara no resto de Galicia“, afirma Castro. Comprobando esta hipótese no resto de concellos, atopou que “o 92% dos valores das medidas de ferrados son iguais dentro da súa xurisdición” e que “todo se explica a partir da planta dos concellos antigos”.

Sobre a concesión do premio, Rubén Castro indica como a título persoal está “moi agradecido á mancomunidade e ao xurado por ter valorado este traballo de investigación, xa que seguro que se presentaron outros de igual ou maior calidade”. A título máis amplo, o historiador recalca como “é unha gran satisfacción que haxa institucións que aposten por traballos de investigación, pois hai moi poucos premios coma este, sobre todo no ámbito das humanidades. É unha gran sorte que haxa este tipo de iniciativas para lanzar traballos de xente nova”.

“O mapa da distribución das medidas dos ferrados é idéntico nun 92% ao mapa dos concellos antigos, das xurisdicións”, expón Rubén Castro

Rubén Castro Redondo

É graduado na especialidade de piano polo Conservatorio Profesional de Música de Vilalba (Lugo) (2008) e licenciado en Historia (2010) -con premio extraordinario de licenciatura- pola Universidade de Santiago de Compostela, onde cursou tamén o Máster Universitario en Profesorado de Educación Secundaria Obligatoria y Bachillerato, Formación Profesional y Enseñaza de Idiomas (2011).

En decembro de 2011 obtén a beca F.P.U. (Formación do Profesorado Universitario) para realizar o proxecto de tese titulado “A conflictividade veciñal na Galicia do Antigo Réxime: os conflictos por medidas e límites”, tese que foi defendida en abril de 2016. Neste período realizou dúas estadías de investigación como profesor invitado na École des Hautes Études en Sciences Sociales, en 2015 e 2016, baixo a dirección de D. Gérard Béaur e de D. Fabrice Boudjaaba, respectivamente.

En 2016 foi galardonado co XVII Premio de Investigación Ferro Couselo, promovido polo concello natal de dito ilustre historiador e investigador galego (Valga, Pontevedra) pola obra “Entre colmos, rebolas e dobres varas de medir. Conflitos por medidas na Galicia moderna (séculos XVI-XIX)”.

As súas liñas de investigación céntranse, por unha banda, na Historia Social, enfocada a través da análise da conflictividade, entre individuos e entre colectivos veciñais. Por outra banda, na Metroloxía Histórica e na Historia da Administración, disciplina que aborda a través da cartografía histórica das unidades territoriais.

Premio Taboada Chivite

O Premio Xesús Taboada Chivite conta co apoio técnico de profesorado do Departamento de Historia, Arte e Xeografía da Universidade de Vigo, foi concedido por unanimidade a Rubén Castro. A colaboración nesta segunda edición do premio, que estaba sen convocarse desde o ano 2007, do profesorado da Facultade de Historia Susana Reboreda, Fermín Pérez, Adolfo Fernández, Jesús de Juana e Julio Prada, materialízase nunha asistencia técnica que abrangue a divulgación do premio, a revisión das bases da convocatoria, a selección do panel do xurado, a avaliación das candidaturas e a organización do acto de entrega do galardón, que se celebrará en Verín.

Os integrantes do xurado, que se reuniron este venres en Monterrei, foron Fátima Brañas, antropóloga e profesora Facultade de Ciencias de Educación do campus de Ourense; Xulio Rodríguez, arqueólogo e director do Museo Arqueolóxico de Ourense; Xosé Carlos Sierra, arqueólogo e antigo director do Museo Enolóxico de Ribadavia, e Pedro López e Roberto López, historiadores e profesores da Universidade de Santiago de Compostela.

Na súa resolución o xurado resalta o traballo de investigación levado a cabo polo autor da investigación, valorando que “parte dunha hipótese de interese que conxuga a metroloxía coa xurisdición e trata os ámbitos de historia política, administrativa e social, achegando unhas conclusións e un apartado cartográfico que este xurado entende son de relevancia para os campos académicos sobre os que versa esta edición”.

1 comentario

  1. Unha calculadora para pasar de ferrados a hectáreas haina de vello en fonte.es, diferenciando cada concello.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.