Venres 29 Marzo 2024

‘Maruxa’ (1923): o primeiro grande éxito do cinema galego

A película de Celta Films, con subtítulos en galego, foi rodada en Vigo e estreada en Madrid cos mellores actores da súa época

Axiña cumprirá un século unha das películas máis antigas rodadas en Galicia. A primeira delas foi ‘Miss Ledya’, dirixida en 1916 polo fotógrafo José Gil, con estudo en Vigo. O seu escenario foi a illa da Toxa e nela aparecía Castelao. Pero sete anos máis tarde chegaría ‘Maruxa‘, que foi o primeiro grande éxito do cinema galego.

Rodada en escenarios naturais no barrio vigués de Sárdoma, “Maruxa” foi estreada en 1923, e non se conserva dela ningunha copia. Só algunhas fotografías, como a que acompaña esta reportaxe. Trátase do anuncio da súa estrea no cinema Goya de Madrid, que se produciu o 11 de novembro daquel ano. A curiosa imaxe atopámola á venda nunha casa de subastas en Internet.

Publicidade

“Maruxa” foi a adaptación dunha obra lírica do mesmo título escrita por Amadeo Vives e que fora un grande éxito na súa época. En 1909, un pavoroso incendio devorou o Teatro da Zarzuela de Madrid e, para a súa reinauguración, o mestre catalán Vives escribiu esta obra, que foi un triunfo clamoroso, percorreu todos os escenarios de España e mesmo se chegou a estrear en Nova York en 1919.

O actor Florian Rey, protagonista de Maruxa.

Pasar a zarzuela ao cinema foi o proxecto da produtora viguesa Celta Films, que contratou ao director Henry Vorins, cun elenco encabezado por dúas figuras: Paulette Landais e Florián Rey.

O argumento de “Maruxa” é un canto á Galicia rural. Habería que advertir cun “Atención, spoilers!”, pero hai que insistir en que non se conserva ningunha copia. Non é posible volver ver a película. O melodrama amoroso comeza con Rosa, herdeira dunha gran fortuna, que regresa a Galicia tras moitos anos de internado. Os seus titores son Buenaventura e Dorotea, que queren que case co seu fillo Antonio. A moza, con todo, está namorada de Pablo, un humilde pastor que está ao servizo de Don Buenaventura.

O filme, producido por Celta Films, contaba con subtítulos en galego

Aquí aparece o personaxe de Maruxa, muller humilde que está namorada do pastor Pablo. Como é analfabeta, pide a Rosa que lle escriba unha carta para quedar con el. Pero esta última aproveita a ocasión para citalo media hora antes e acudir así ela ao encontro amoroso. Antonio descobre a argallada e desbarátanse os plans. Resumindo: Antonio quere a Rosa. Rosa quere a Pablo. Maruxa tamén quere a Pablo. E Pablo non sabemos moi ben a quen quere. Unha auténtica marfallada e, polo tanto, un éxito garantido.

A película era muda, pero tivo tamén subtítulos en galego, redactados polo poeta Manuel Lugrís Freire, un dos fundadores da Real Academia Galega, quen sería o pai do pintor Urbano Lugrís.

Manuel Lugrís Freire, autor dos subtítulos en galego de ‘Maruxa’.

Nin que dicir ten que “Maruxa” foi en Madrid todo un éxito, dende a súa estrea aquel outono de 1923 no Cinema Goya. E as bucólicas paisaxes de Sárdoma, regados polo río Lagares, sen dúbida cativaron aos espectadores.

En 2018, “Maruxa” reestreouse como obra lírica no Teatro da Zarzuela de Madrid. E o seu director de escena, Paco Azorín, proclamou que a obra era “un canto a Galicia, Maruxa é Galicia”. No carné da estrea, engadía que se atopa “entre o pasado das églogas e o presente das traxedias ambientais” e que o seu libreto constitúe unha denuncia de como “as accións dos máis poderosos afectan á xente do pobo, que polo xeral prefiren vivir en harmonía coa natureza”.

Supoñemos que aquelas paisaxes da parroquia viguesa de Sárdoma conseguiron transmitir tamén a imaxe desta Arcadia feliz. Pero nunca teremos a certeza, porque non é posible visionar “Maruxa“. O primeiro grande éxito do cinema galego, rodado en Vigo en 1923, xa non conserva ningunha copia.

1 comentario

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas