María Martinón, primeira española que recibe a Medalla Rivers do prestixioso RAI

O galardón á científica ourensá outórgao o Royal Anthropological Institute, a organización máis antiga do mundo dedicada ao estudo da antropoloxía

O Royal Anthropological Institute de Gran Bretaña e Irlanda (RAI), a institución académica máis antiga do mundo dedicada á antropoloxía no seu sentido máis amplo, concedeu a Medalla Rivers Memorial 2019 a María Martinón-Torres, actual directora do Centro Nacional de Investigación sobre a Evolución Humana (CENIEH), converténdose así na primeira persoa en España en recibir este galardón.

Como acaba de anunciar no seu sitio web, a RAI fará entrega oficialmente a María Martinón do premio nunha cerimonia que terá lugar en setembro durante a Reunión Anual do RAI, como recoñecemento ao seu “prolífico traballo sobre a dentición dos homininos” e polo “impacto crucial” que está a ter a súa investigación sobre o rexistro fósil de China.

A medalla é un dos principais recoñecementos da RAI no ámbido da Antropoloxía e a Arqueoloxía

Fundada no ano 1923 polo RAI en memoria do seu presidente, William Halse Rivers, esta medalla é un dos principais recoñecementos que pode outorgar esta institución no ámbito da Antropoloxía e a Arqueoloxía. Premia a excelencia dunha investigación recente que, no seu conxunto, considérase que fixo unha contribución significativa á antropoloxía ou a arqueoloxía.

Entre os galardoados en edicións previas destacan os prestixiosos científicos Bronislaw Malinowski, Edward Evan Evans-Pritchard, Dorothy Garrod, Richard Leakey, Colin Renfrew, Maurice Bloch, Chris Stringer, Clive Gamble, Philip Tobias e Rob Foley. “Síntome agradecida e honrada por recibir un galardón que antes recibiron persoas a quen admiro profundamente e que foron tan inspiradoras para o meu traballo”, declara Martinón.

Traxectoria internacional

María Martinón-Torres, irmá doutro recoñecido arqueólogo, Marcos Martinón, é catedrática honoraria no Departamento de Antropoloxía do University College London (UCL) e especializouse no estudo da dentición dos homininos, a paleopatoloxía e a reconstrución do escenario evolutivo das poboacións euroasiáticas do Pleistoceno.

Membro do Equipo Investigador de Atapuerca e agora unha das co-directoras do proxecto, a súa traxectoria profesional levouna a colaborar internacionalmente con equipos como o de Dmanisi (República de Xeorxia) e o Institute of Vertebrate Paleontology and Paleoanthropology (IVPP) de Pequín, levando a un cambio de paradigma na comprensión das primeiras dispersións humanas.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.