Maria Barbeito, a renovadora das escolas galegas
Maria Barbeito, a renovadora das escolas galegas Fonte: Ayuntamiento de A Coruña

María Barbeito, a educadora que soñou con renovar as escolas galegas

A creatividade é unha habilidade, non un don. Pódese mellorar. María Nicolasa Paula Barbeito Cerviño estaba de acordo con esta premisa. Foi unha profesora que naceu na Coruña no ano 1880. Adiantada aos seus tempos, esta devanceira agoaba revolucionar o eido da educación en todo o mundo. Introduciu en Galicia dúas iniciativas innovadoras: a de Montessori e a de Decroly. Tiña un soño: unha educación renovadora, libre e creativa. Porén, os bambeos da historia empeceron este anhelo. Esta reportaxe é unha pegada da acordanza de María Barbeito, a pedagoga rexa e anovadora, mais non revolucionaria.

A María Barbeito venerárona, reverenciárona, pero tamén tentaron arredala. As boas ideas non adoitan ser prato de bo gusto para os poderosos. Sobre todo se promanan dunha muller. O seu delito foi ousar crer nun mundo de xenios, de cativos que medrasen ceibes. O poeta Federico García Lorca xa percibira o seu potencial dende lonxe, por iso quixo coñecela. Entre o troupeleo, María Barbeito acadou ser unha eminencia no empezo do século pasado. A evidencia do seu talento está na consecución do título de Mestra Superior con tan só dezaseis anos.

Porén, a súa andaina como persoeiro parte do 1902, cando se gradúa en Maxisterio en Anexa da Escola Normal. O seu éxito fixo posible a obtención dunha praza de oposición. Por sorte, puido exercer como profesora na Coruña, preto do seu lar, na Escola Nacional da Guarda. Alí, con vinte e un anos comeza a impartir docencia e con trinta xa ostenta o cargo de directora ata a arribada da Guerra Civil. María Barbeito instaurou neste centro unha nova filosofía de ensino que se erixiu como obxecto de estudo en Galicia.

A labor desta muller resultou interesante pola posta en marcha de curiosas iniciativas pedagóxicas. Para facelas efectivas, empregaba conferencias, libros, artigos, cursos, visitas a outros centros… etcétera. En tanto que vivía con ilusión este devezo de innovación, aumentaba o seu prestixio. A educación culta e liberal que recibiu dos seus pais forneceulle siso, espírito crítico e intelecto. Así, María Barbeito puxo en práctica algúns procedementos educativos na escola coruñesa.

María Barbeito introduce novos métodos en Galicia: o Montessori e o Decroly

A fórmula de Montessori afundía os seus cimentos na liberdade e na autoactividade

Entre os métodos empregados, atopábanse os principios da educadora italiana Montessori. A importancia desta implantación foi crucial por mor de que só se aplicara unha vez en España. A fórmula afundía os seus cimentos na liberdade e na autoactividade dos pequenos nun clima favorable. Para aplicar este modelo botou man de certo material italiano como, por exemplo, un gramófono para audicións musicais. Ademais, tamén introduciu o método do pedagogo belga Decroly. Este consistía en elaborar plans de estudos personalizados, acordes á idade e aos intereses dos cativos. No ano 1932, explicou estes cambios no proxecto escolar que ela mesma redactou.

Un ano máis tarde, ostenta xa o cargo de Inspectora Mestra. Este logro non foi ben acollido polo seus compañeiros de inspección, que dubidaban do seu empeño a razón do seu sexo. Malia todo, María Barbeito non tardou en idear un Plan de Lectura Global que puxo en práctica nas escolas que revisaba. Alén disto, inaugurou unha Biblioteca de Consulta para mestres e un Centro de Colaboración que conformaba un espazo de intercambio de ideas entre profesores.

María Barbeito e a súa familia
María Barbeito e a súa familia Fonte: Praza.gal

Co gallo de continuar coa súa labor de renovación e investigación, accedeu a unhas becas convocadas pola Junta de Ampliación de Estudios no ano 1935. Esta axuda permitiulle viaxar por países de toda Europa como Francia, Italia ou Bélxica. Unha vez alí, fitou con detemento na educación foránea na busca de novas metodoloxías e conceptos que aplicar en Galicia. Como resultado, plasmou as súas indagacións no libro Países y Escuelas que se publicou no ano 1975.

A súa preocupación polas necesidades básicas e o bilingüismo

María Barbeito consideraba as actividades básicas fundamentais para o desenvolvemento intelectual dos nenos

En paralelo ao seu labor docente, María Barbeito emprendeu unha serie de proxectos que trataban a relación entre a saúde física e mental dos alumnos. Con eles, perseguía coidar ás necesidades básicas dos nenos como o descanso ou o xogo. Ela consideraba estas actividades fundamentais para un correcto desenvolvemento intelectual. El Niño Descalzo e o Comedor e Ropero Da Guarda foron algúns destes programas. Outra das súas inquedanzas foi o uso da lingua materna entre o alumno e o profesor. Así, foi unha das primeiras expertas en defender o bilingüismo na escola galega.

Alén disto, María Barbeito foi unha tenaz protectora dos dereitos das mulleres e da súa independencia. Como evidencia das súas ideas participou en varias conferencias de concienciación. O escrito de La Mujer, antes, ahora y después, empregado para unha delas, é un texto aínda utilizado na actualidade. Por outra banda, destácase tamén o seu papel difusor da personalidade de Concepción Arenal, autora á que dedicou o artigo “Mi tributo”. Era habitual que a figura de María Barbeito adoitase aparecer con frecuencia en cabeceiras de gran sona como La Voz de Galicia, El Ideal Gallego, El Pueblo Gallego ou o Boletín de la Real Academia Gallega.

A partir da Guerra Civil do 1936 cesou a súa actividade docente e investigadora. María Barbeito foi acusada de “ser de ideas políticas de avanzado esquerdismo republicano; decidida partidaria da coeducación; facer labor antirrelixioso e perseguir as escolas confesionais, descoidar a formación moral das súas alumnas, entre outros”. Ao final, a Comisión Depuradora do Maxisterio concluíu en 1937 na súa destitución como profesora e a súa xubilación forzosa catro anos máis tarde. Este andazo supúxolle unha nova fase como escritora e tradutora. Acadou ser membro correspondente da Real Academia Galega e incluso formou parte da sección pedagóxica do Instituto de Estudos Galegos.

A María Nicolasa Paula Barbeito Cerviño silenciárona. Mais por sorte, algúns aínda a lembran. Foi unha galega de ideais progresistas á que lle arrebataron unha paixón: a de ser profesora. No ano 1970 morreu no seu fogar, na Coruña, mais seguen vivas e firmes algunhas pegadas: no CEIP Plurilingüe Maria Barbeito e Cerviño ou no Club de Ximnasia Rítmica María Barbeito. Esta muller achegounos unha nova concepción do sistema educativo e teimou de instalalo, mais non foi posible. Porén, segue a ser unha prominencia no terreo da pedagoxía. Que diría da educación vixente?

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.