Manuel Otero faleceu na praia de Omaha o 8 de xuño de 1944.

Manuel Otero, o galego que morreu no desembarco de Normandía

Este soldado de Outes caeu nun campo de minas na praia de Omaha hai 75 anos: o 6 de xuño de 1944

Tamén houbo un galego no Día D. Porque Manuel Otero Martínez, natural de Outes, desembarcou en Normandía e morreu na praia de Omaha o 6 de xuño de 1944, hai agora 75 anos.

Aquela xornada de primavera sería un dos grandes fitos da Segunda Guerra Mundial. E para Manuel Otero foi o día da súa morte, cando recén cumpría os 28 anos. O soldado galego só puido percorrer cen metros dende que saíu dunha lancha de desembarco ás 7.40 horas. Xunto ao seu pelotón do 16º Rexemento da 1ª División de Infantería (a mítica The Big Red One dos Estados Unidos), avanzou pola praia ata unha barreira de arame arpado. Alí abriron unha fenda para poder avanzar, pero entraron nunha zona asolagada sementada de minas. E alí morreu Otero, esnaquizado pola metralla.

A historia de Otero foi recuperada grazas ao editor e investigador histórico Manuel Arenas, que conseguiu reconstruir a vida deste galego despois de recibir unha chamada telefónica de Gema Martínez, unha sobriña do finado. O Museo Militar de Galicia xa lle dedicou unha exposición. E a libraría Arenas editou un libro escrito por Antonio Osende Barallobre e titulado “Manuel Otero Martínez: un gallego en Omaha Beach”.

Otero foi o único galego no Día D.

A peripecia vital de Manuel Otero comeza en 1936, cando a Guerra Civil estoura e el está en Santander. Pasa logo a Barcelona e, tras ser apresado polos franquistas, é liberado e regresa a Galicia. Pero decide exiliarse nos Estados Unidos, para pasar a residir en Nova York.

O 19 de marzo de 1943, este galego de Outes alístase no exército dos Estados Unidos, para ser enviado decontado ao Reino Unido, para unirse ao continxente que se prepara para a invasión da Europa continental.

Tras a súa morte no Día D, Otero foi enterrado en Francia, pero o seu cadáver foi repatriado a Galicia. A prensa da época contou a chegada dos seus restos mortais deste xeito: “morto ao servizo do Exército Norteamericano no desembarco de Normandía”.

Foi condecorado polos Estados Unidos e a súa familia recibiu unha pensión vitalicia de 900 pesetas mensuales.  E un dos compañeiros do pelotón de Otero, Albert Papi, deixou escritas estas palabras sobre aquel día clave na historia do século XX: “Os primeiros valentes en traspasar o arame arpado foron John P. Forde, de Brooklyn; Manuel Otero, de Nova York; e David A. Arnold, de New Hampshire. Forde e Otero morrerían axiña no campo de minas”.

Así o recolle nunha investigación Óscar Galansky, que fixo ademais este audiovisual que amosa o lugar onde Manuel Otero morreu. Foi o galego no Día D, no Desembarco de Normadía, que agora cumpre 75 anos.

1 comentario

  1. Sería de agradecer que correxiran o nome do concello, xa que Manuel Otero era natural da parroquia de San Xoán de Sabardes (O Freixo) no concello de Outes. A Serra de Outes é outro lugar do concello.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.