A machada neolítica que saíu dos Alpes, pasou por Bretaña e chegou a Vilalba

Investigadores da USC reconstrúen o percorrido dunha peza atopada no concello lugués no século XIX, cunha rocha presente no Piamonte

A rocha na que está fabricada a machada de Vilapedre é unha xadeíta que, moi probablemente, procede do curso alto do río Po, nos Alpes italianos. Foto: USC.
A rocha na que está fabricada a machada de Vilapedre é unha xadeíta que, moi probablemente, procede do curso alto do río Po, nos Alpes italianos. Foto: USC.

Nalgún lugar da parroquia de Vilapedre, en Vilalba, apareceu a finais do século XIX unha machada feita nun material moi pouco habitual nos xacementos do noroeste da península ibérica. Esta rocha, a xadeíta, non é habitual en Europa, e só se coñecen xacementos no curso alto do río Po, no Piamonte (norte de Italia). Tamén chama a atención nela unha perforación, habitual nos pobos que habitaron a Bretaña francesa no Neolítico. Como chegou a Vilalba? É a pregunta que se fixeron un equipo de investigadores de varias universidades, entre as que se atopa a de Santiago de Compostela, e cuxas posibles respostas se presentaron recentemente nun artigo do Journal of Lithic Studies da Universidade de Edimburgo.

A orixe da peza segue sendo unha incógnita, pero os investigadores revisaron agora os arquivos persoais do seu descubridor, o historiador vilalbés falecido en 1909, Manuel Mato Vizoso, e dun dos seus primeiros propietarios, o intelectual Santiago de la Iglesia. Estes documentos suxiren que o machado podería proceder dalgún dos túmulos existentes na parroquia de Vilapedre, como os que conforman a necrópole da Bouza ou Veiga da Garea.

Análises mineralóxicas

Que pasou entre un e outro feito, con 6.000 anos de paréntese? Sábese, segundo a tradición arqueolóxica, que a machada de Vilapedre é unha evidencia dos contactos prehistóricos a través da costa atlántica de España e Francia. Ten unha perforación do tipo Tumiac, habitual nos pobos bretóns.

“O machado de Vilapedre foi transportado orixinalmente á Bretaña francesa, onde tería sido remodelado seguindo os gustos locais: puíndoo ata dotar á súa superficie dun brillo especular e sendo perforado na súa parte proximal ou talón, probablemente para ser empregado como adorno destinado a lucir pendurado no peito dalgún individuo prominente”, explica o profesor Ramón Fábregas, da USC, un dos autores do artigo.

Alén de constatar este vínculo coa Bretaña, o equipo afondou na orixe mineral da machada, para que se realizaron análises mineralóxicas, con difracción de Raios X, e elementais (microscopía electrónica de barrido e espectroscopía de Raios X por enerxía dispersiva), tanto da propia peza como de diversas mostras de xadeíta e outras pedras verdes procedentes de diversos puntos dos Alpes italianos, onde estas materias primas foron explotadas durante o Neolítico (V-IV Milenios a.C.). O obxectivo consistía, precisamente, en servir de soporte para a manufactura de machados puídos que logo circularon por toda Europa, fundamentalmente entre o 5000 e o 3000 a.C.

Os resultados destas análises confirman que a rocha verde na que está fabricada a peza atopada en Vilapedre, trátase dunha xadeíta que moi probablemente viña das inmediacións do curso alto do río Po ao seu paso por Revello, no Piamonte italiano, confirmando así as impresións de diversos especialistas feitas a partir da análise superficial desta peza ao longo dos últimos cincuenta anos.

Porén, resulta moi probable que a devandita peza non viaxase directamente dende os Alpes ata Galicia. Dende a Bretaña viaxaría posteriormente ata o norte da provincia de Lugo, probablemente por mar, tal e como suxire a ausencia deste tipo de machados perforados noutras áreas ao sur do val do Río Garona, no sur de Francia. Ademais, a machada de Vilapedre trátase da única peza destas características atopada ata o de agora en toda a Península Ibérica.

O traballo está asinado, ademais de por Fábregas, polos investigadores da USC Óscar Lantes, e Arturo de Lombera, Carlos Rodríguez Rellán, da Universidade Nova de Lisboa, Pierre Pétrequin, do Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS) de Francia, e Michel Errera, do Musée Royal de l’Afrique centrale.


Referencia: A prehistoric jade axe from Galicia (Northwestern Iberia): Researching its origin (Publicado en Journal of Lithic Studies).

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.