Luisa Cuesta, a primeira profesora universitaria en Galicia

En 1924 incorporouse á docencia na Universidade de Santiago, sendo así a primeira muller en impartir clases na institución

Campus da Universidade de Santiago de Compostela.

Queda moi pouco para que Galicia poida celebrar o centenario da primeira profesora universitaria da súa historia. Porque asusta pensar que non foi ata 1924 que unha muller impartiu oficialmente clases na Universidade de Santiago. De feito, ata 1916 non houbo ningunha catedrática universitaria e a honra correspondera a unha galega, Emilia Pardo Bazán, na Universidade Central de Madrid. Pero o caso da pioneira Luisa Cuesta seguiu a Dona Emilia no difícil camiño cara a integración da muller na Universidade, onde a eiva segue a ser insultante nos nosos días, ando só hai 9 reitoras nas 50 universidades públicas en España. En Galicia, nin hai nin houbo xamais unha muller á fronte dun reitorado.

Así que o exemplo de Luisa Cuesta Gutiérrez (Medina de Rioseco, 1892-Madrid, 1962) segue a estar vixente, un século despois da súa andaina. Porque ela foi, tras Emilia Pardo Bazán, a segunda muller en incorporarse ao cadro docente dunha universidade. Sería na de Valladolid, nomeada auxiliar interina gratuíta en novembro de 1918 na Sección de Historia da Facultade de Filosofía e Letras. Pero, curiosamente, ela mesma sería tamén a primeira muller profesora de universidade en Galicia, cando comezou a impartir docencia na de Santiago en 1924, despois de gañar unha praza como arquiveira na mesma institución compostelá.

Luisa Cuesta graduouse con sobresaliente no bacharelato no Instituto de Valladolid o mesmo ano 1910 no que se aprobou o acceso das mulleres á universidade. Como moitas pioneiras, a súa primeira carreira foi a de Maxisterio, que obtivo cun expediente brillante, tras o que en 1914 gañou a praza como mestra nacional, que exerceu nun pobo de Palencia mentres estudaba por libre na Universidade Literaria de Valladolid. De aquí pasou á Universidade Central de Madrid, onde cursou os tres cursos seguintes e fixo unha breve estadía na Residencia de Señoritas, onde coincidiu con María de Maeztu. Ao rematar a súa licenciatura  en 1918, gañou o Premio Extraordinario, tras o que iniciou os cursos de doutoramento. É entón cando se lle asigna unha praza de profesora axudante de clases prácticas na Facultade de Filosofía e Letras de Valladolid, converténdose na primeira profesora universitaria en España.

Pazo de Fonseca, na praza do Obradoiro.

Foi en 1921 cando gañou a oposición ao Corpo Facultativo de Arquiveiros, Bibliotecarios e Arqueólogos, onde elixiu como destino a Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, onde permaneceu ata 1930, integrándose plenamente na vida cultural galega da súa época.

Mentres exercía como arquiveira, Luisa Cuesta foi tamén a primeira muller en matricularse como alumna da Facultade de Dereito, onde cursou ata 1913 un total de 15 materias, en 11 das cales obtivo sobresaliente. Pero se viu absorbida polo traballo na biblioteca compostelá, onde deu forma á Biblioteca América. Ademais, colaborou co Seminario de Estudos Galegos e foi autora de numerosos traballos de investigación sobre a historia da emigración en América e da imprenta en Galicia.

Durante seis anos, entre 1924 e 1930, exerceu como profesora auxiliar na Facultade de Filosofía e Letras compostelá ata o seu traslado a Madrid para traballar na Biblioteca Nacional, na que volveu publicar importantes estudos e leu a súa segunda tese doutoral na Universidade Central, nesta ocasión en Dereito.

Como tantas outras mulleres universitarias da súa época, a súa carreira viuse truncada tras a Guerra Civil. En 1935, afiliárase ao Partido Comunista e, durante a contenda, formou parte da Fronte Popular de Funcionarios mentres realizaba labores de salvamento e protección das alfaias bibliográficas da Biblioteca Nacional, ameazadas polos bombardeos que padecía Madrid por parte do exército sublevado.

Expulsada da Biblioteca Nacional, da que chegara a ser directora cara á fase final do conflito bélico, foi ‘depurada’ polo franquismo e perdeu todos os seus cargos e prazas na función pública. Durante anos, traballou en diferentes bibliotecas ata que en 1945 foi readmitida para xubilarse en 1962 na mesma Biblioteca Nacional. Para Galicia, Luisa Cuesta representa a primeira muller profesora de universidade, ademais da primeira alumna de Dereito, dúas marcas para unha pioneira na historia educativa do país.

Fonseca, no claustro do pazo de Fonseca.

Tras Cuesta comeza un lento goteo na incorporación de profesoras á universidade compostelá. O mesmo ano 1930 en que a valisoletana deixa a docencia para trasladarse a Madrid, incorpórase na Sección de Químicas a recentemente licenciada Dolores Lorenzo Salgado, orixinaria de León, que contaba 25 anos. Impartiu clases prácticas de Química Técnica e xa desde o ano anterior colaboraba co Seminario de Estudos Galegos, en cuxa revista publicou xunto ao xeólogo Isidro Parga Pondal un artigo sobre a  magnetita na area das praias de Galicia. Tamén en 1930, súmase á nómina docente da USC María Pura Lorenzana Prado, (Vilasante, Lugo, 1910-Santiago de Compostela 1997), historiadora, licenciada en Filosofía e Letras con premio extraordinario e que imparte clases prácticas mentres estuda unha segunda titulación: a licenciatura en Dereito.

Xa, tres cursos máis adiante, continúa o lento avance da presenza da muller a universidade coa lucense Teresa Fernández Rodríguez e a leonesa Celsa Pérez Moreiras, ambas as dúas como profesoras de Análise Química da Facultade de Farmacia. En Ciencias, incorpórase a santiaguesa María da Concepción Carnero Valenzuela, nomeada en 1933 Axudante na materia de Complementos de Química Orgánica, e en 1935 Auxiliar de Química Orgánica, especialidade na que fixo varias investigacións que se traduciron na publicación de diversos artigos científicos. Tamén adscrita á cátedra que encabezaba Fernando Calvet Prats, estaba outra profesora axudante, a santiaguesa Natividad Mejuto Larrauri, docente tanto en Química Orgánica como en Química teórica.

Pero a pioneira foi a valisoletana Luisa Cuesta, que desde 1924 e durante seis anos foi a primeira e a única muller docente na Universidade de Santiago de Compostela.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.

Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.